(traducción gallego-español)
"A Manuel Suárez, soldador do estaleiro MCies, comunicáronlle a finais de agosto que a empresa na que leva traballando boa parte da súa vida (na actualidade ten 58 anos) entraba en concurso voluntario de acredores forzado pola falta de liquidez e para facer fronte á débeda que lle reclamaban tres auxiliares que traballaban subcontratadas nas súas instalacións de Teis (Vigo). (...)
Como presidente do Comité de Empresa, Suárez viviu en primeira liña todas as negociacións, que incluíron xuntanzas cos traballadores e cos administradores, ademais de protestas e concentracións en demanda da débeda salarial (a día de hoxe máis de tres nóminas). Logo de todo este tempo, os traballadores tomaron unha decisión: en troques de contentarse co paro, despedirán aos propietarios e manterán o estaleiro a flote coa súa propia xestión. (...)
"Non che vou negar que temos certos temores", di Suárez, "porque nós non temos ningunha formación sobre como levar unha empresa e claro que cada día xorden novas dúbidas, pero o que temos claro é que non hai máis alternativa: ou asumimos o reto ou imos dereitos ao paro, e non queremos cobrar un subsidio, queremos traballar". (...)
O proxecto co que pretenden salvar o seu futuro pasa pola creación dunha Sociedade Anónima Laboral (SAL) e forzar a saída dos actuais propietarios do estaleiro. Esta alternativa, que xa se empregou no seu día noutras empresas do sector (como Censa ou a extinguida Santo Domingo) foi suxerida polas administracións concursais e permitiría aos traballadores comprar as instalacións e os barcos en carteira.
A idea é que os traballadores acheguen 30 mil euros cada un, que obterían pola vía da capitalización do desemprego, é dicir, percibindo o importe total da prestación por desemprego que lles correspondería nun pago único. Esta opción, segundo nos explica o secretario xeral de Industria de CCOO en Pontevedra, Ramón Sarmiento, é posíbel cando os solicitantes pretenden conformar unha sociedade mercantil ou cooperativa. (...)
"Evidentemente os traballadores asumirán o risco se ten garantías de que vai compensar", di Sarmiento, "hai que elaborar un plan de viabilidade que teña en conta o futuro co que conta o proxecto a corto e longo prazo".
Así o entende tamén Suárez: "como é lóxico, queremos saber con que apoio contamos da Xunta, queremos comezar dende cero, sen débedas, e estudar cales son as garantías que temos como para asumir dunha banda os contratos en curso, e da outra as nóminas o pago a provedores e demais". "Hai que garantir que o reto teña a menor porcentaxe posíbel de aventura", confirma Sarmiento.
Así as cousas, o obxectivo é que a SAL consiga un capital social inicial de tres millóns de euros, o que permitiría rematar e entregar os barcos que se están construíndo agora e evitar posíbeis penalizacións por atrasos. En concreto, MCies ten en carteira tres oceanográficos por un valor de 16 millóns (un para o goberno danés e outros dous para o español); un ferry para un armador sueco e o casco dun iate que fora cancelado hai un ano e que se podería recuperar.
Con todo, os traballadores teñen vontade de permanencia no futuro. "Por suposto que, de primeiras, se trataría dunha medida provisional para sanear a empresa e asumir os contratos que temos pendentes mentres non aparece un comprador que se faga cargo", di Suárez, "mais non descartamos asumir a propiedade do estaleiro definitivamente, se somos quen de xestionar o traballo e de asumir novos proxectos. Está claro que chegado este punto, xa imos a por todas". (Vieiros, 24/11/2009)
No hay comentarios:
Publicar un comentario