13.11.12

Así nos vai, así nos ven... en Sudamérica

"O máis relevante é a imaxe que de España se percibe, agora mesmo, neses países. Vennos como un país á deriva, en descomposición, e que camiña, sen remisión cara ao precipicio. 

Sobre todo pola profunda crise económica, a cuxa visión máis catastrofista e exacerbada contribúen tanto os emigrantes retornados, como os medios de comunicación, e moi recentemente, con máis impacto alí do que puidera parecer, a campaña electoral norteamericana. 

Pero non só pola crise económica. 
Sociedades que ata hai ben pouco tempo nos tiñan como exemplo a seguir, pola evolución que en España se tiña acadado no relativo á credibilidade institucional, para tentar de superar a súa endémica corrupción política, fican agora abraiadas co que está acontecendo aquí, non só en tódolos niveis políticos, senón tamén na empresa privada, e en particular na banca. 
Países que ata hai ben pouco vían a España como a porta de entrada máis sinxela, polas afinidades lingüísticas e culturais, para ese Eldorado que era Europa, o que se traducía como ben sabemos en importantes cifras de emigración cara ao noso país, están sendo agora, e alardean diso, receptores de traballadores españois de alta cualificación. 
Ata o punto que, me comentaba un colega chileno, están pensando que como ocorrera na anterior grande crise española, a Guerra Civil, países como México, Arxentina e o mesmo Chile, se beneficiaran da cualificación e do coñecemento que aportaban os exiliados políticos españois, con esta outra gran crise española actual, están tamén empezando a suplir a súa escaseza de capital humano e coñecemento con estes novos exiliados económicos españois e beneficiándose, en grande medida, dos esforzos de formación á mocidade que nos últimos anos leva feito España. 
Non entenden tampouco como un país que ata hai ben pouco tempo transmitía unha imaxe de total estabilidade política e de cohesión, sobre todo comparada coa súa realidade, estea agora cuestionándose a súa propia viabilidade futura como estado. 
É certo que, en xeral, sobre este asunto a información que teñen é parcial e sesgada en exceso, pero moitos cidadáns latinoamericanos ven isto como o principio do fin de España como país rico e desenvolvido.
Contrasta todo isto coa admiración con que, non hai moitos anos, temos comprobado noutros viaxes a estes mesmos países, non así na Arxentina, se tiña en Sudamérica polo fenómeno económico español.
Así nos vai, así nos ven."            (A furada do trasno, 12/11/2012)

No hay comentarios:

Publicar un comentario