13.10.13

Paralizado o desaloxo dunha muller enferma e con tres fillos

"É muller e nai de tres fillos de 11, 4 e 3 anos. O seu nome é Elisabeth Salnés e este martes conseguiu non ser desaloxada do seu domicilio, no barrio do Castrillón, na Coruña, grazas a presión e a mobilización do colectivo Stop Desafiuzamentos.
Elisabeth leva desempregada desde hai varios anos e só conta co único ingreso do subsidio de desemprego; 200 euros ao mes que só lle dan para darlle de comer e vestir aos seus fillos. Por iso, e tras non pagar o alugueiro da súa vivenda desde novembro de 2012, ía ser desafiuzada hoxe mesmo. 
Sen embargo, a intervención do colectivo Stop Desafiuzamentos, que convocou unha concentración nas inmediacións da vivenda, evitou que se efectuara o desaloxo xa que o persoal do Servizo Común de Notificacións e Embargos non puido acceder á vivenda para entregar a notificación. 
Precisamente, desde a pasada noite, algúns membros do colectivo "Stop Desafiuzamentos" mantiveron un retén de vixilancia no portal da muller ante a previsión de que a Policía puidese acordoar a zona e establecer un perímetro de seguridade. 

O maxistrado que levou o caso, titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña, recibiu o venres á afectada, que ía acompañada por unha persoa que ela designou, para informarlle persoalmente de que non existía base legal para suspender o lanzamento.
O maxistrado, segundo indica o protocolo asinado por Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Xunta e Fegamp para estes casos, puxo a situación en coñecemento dos servizos sociais do Concello e da Consellería de Traballo e Benestar.
Agora ábrese un prazo para negociar unha saída a través do protocolo pactado por Xunta, Fegamp e Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). (...)

Outra paralización en Cabana

De feito, a Xunta admite, agora, a necesidade da presión social para evitar desafiuzamentos. Así, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, admitiu que a mobilización cidadá foi "vital" para pospor o desafiuzamento este luns dunha muller e o seu fillo menor en Cabanas, e insistiu en que tanto a Xunta como o Concello traballan coordinadamente neste asunto.
En declaracións aos xornalistas respecto dos casos de desafiuzamentos, que por agora non foron executados, tanto na Coruña como en Cabanas, López Abella destacou que onte mesmo, á primeira hora, chamoulle o alcalde da segunda destas localidades, Germán Castrillón, para darlle conta da situación. 
"Estamos constantemente en colaboración", subliñou López Abella, que apuntou que tanto o alcalde como os servizos sociais municipais puxéronse en contacto coa Secretaría xeral."            (Galicia Confidencial, 08/10/2013)

No hay comentarios:

Publicar un comentario