3.6.16

España ten que endebedarse simplemente para pagar a débeda... la 'trampa de la deuda'

"(...) A débeda pública tense convertido nos últimos anos nun dos maiores problemas da sociedade española, superando esta semana a fronteira simbólica do 100% do PIB. O Estado dedica ano tras ano unha parte importante dos seus recursos simplemente a pagar os intereses xerados por esta débeda, que non deixa de crecer.

 Nos Orzamentos de 2016 dedícanse 34.000 millóns de euros ao pagamento destes intereses, unha cifra superior á dedicada a educación, sanidade e prestacións de paro e políticas activas de emprego (que suman 32.000 millóns). (...)

Tampouco o fan as forzas políticas de cambio, de esquerda. Non colocan este tema en primeira liña... 

(...) En petit comité si que quizais poden propoñer a necesidade de quitas, de reestruturacións ou de impagos, pero en público estas cuestións non se valoran, porque poderían restar votos ou poderían ser acusados de extremistas, vinculados con situacións coma a de Grecia. O tabú non é tanto falar da débeda como falar de como solucionar o problema da débeda, pero ambos os dous temas van unidos.

Hai alternativas? Como se soluciona o problema da débeda?

Hai alternativas. Hai débedas que mesmo non deberían pagarse, porque son ilexítimas. E en calquera caso a solución pasa por cambiar a relación de forzas. As alternativas, iso si, non poden vir soas: non podes propoñer unha reestruturación da débeda ou unha quita sen levar a cabo outras accións políticas en paralelo, comezando por unha reforma fiscal.

 O aumento da débeda nos primeiros anos de crise débese, principalmente, a un descenso dos ingresos, non tanto a un aumento dos gastos, que si o houbo no ano 2009, principalmente. Estamos propoñendo o instrumento da auditoría como ferramenta para entender a situación entre todos e todas. Porque a través desa comprensión colectiva do que pasou podemos propoñer solucións.

Se queres desengancharte da débeda, desconectarte dos mercados financeiros e rebaixar a dependencia deles, tes que conseguir os cartos por outro lado e, polo tanto, tes que incrementar os ingresos. Esa reforma fiscal pasa por ter un sistema fiscal realmente progresivo, por loitar de forma efectiva contra a fraude, atallar o problema dos paraísos fiscais... 

Isto é, por suposto, moi complicado. Estámolo vendo agora en Catalunya, onde ante a proposta de incrementar o IRPF para as rendas máis altas está habendo unha reacción das elites económicas.

Nos últimos anos o gasto que máis subiu foi o gasto en débeda pública, especialmente o pagamento de intereses. É necesario abordar unha renegociación desa débeda e deses intereses, porque son abusivos e porque llos estamos pagando á banca española que accedeu a un rescate -directo ou indirecto- que lle permitiu mercar débeda pública a un interese maior, gañando unha marxe que estamos pagando entre todos. 

Digo negociación para non asustar a ninguén, aínda que a miña posición sería o impago de certas débedas, sobre todo as que se manteñen coa banca rescatada. Porque doutro xeito dificilmente imos solucionar isto. Na situación actual España ten que endebedarse simplemente para pagar a débeda. (...)

O tema, ademais, afecta a todos os niveis da administración e do Goberno. Tamén a nivel autonómico e municipal?

Nós tamén facemos bastante fincapé na débeda municipal e autonómica. Non é a máis importante, a nivel cuantitativo, pero si que é moi relevante en canto aos recortes que leva aparellada e, polo tanto, ao impacto que ten nas vidas de todos e todas nós. 

En moitas comunidades estanse levando a cabo recortes brutais en sanidade e educación, porque teñen estas competencias, a causa precisamente desta débeda autonómica e das respostas aplicadas ante ese incremento da débeda autonómicas, coma o Fondo de Liquidez Autonómico, o FLA.

 É necesario que a xente entenda estas cuestións, que poden parecer técnicas e complexas, porque son estes temas os que están afectando ás finanzas do noso concello, o que están impedindo que unha comunidade autónoma reverta os recortes en sanidade. Temos que perderlle o medo á economía.  (...)"          (Entrevista a Iolanda Fresnillo, Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 20/05/16)

No hay comentarios:

Publicar un comentario