3.4.20

Investigación e coñecemento: o coronavirus mostra as carencias en ciencia

"Na Galiza non temos ningún grupo de investigación especializado no estudo de coronavirus e en todo o Estado cóntanse cos dedos dunha man.

 "Non é casual", explica a Nós Diario María Mayán, investigadora e xefa do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic). "É o resultado dunha política científica baseada nun investimento moi baixo e en recortes continuados desde o comezo da crise en 2008".


España destina a Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) 1,2% do seu Produto Interior Bruto (PIB) fronte a case 3% do resto de Europa. Na Galiza, o investimento non alcanza 1%. Segundo os últimos datos rexistrados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o esforzo interno dedicado á ciencia é de 0’94%.

Para María Mayan, vivimos tempos e circunstancias moi parecidas ás que Santiago Ramón y Cajal denunciou xa en 1889 con estas palabras: "Unha vez máis a ciencia creadora de riqueza e de forza vingouse dos que a descoñecen e menosprezan".

"Nin na Galiza nin no resto do Estado saben por que se debe investir en I+D+i e na xeración de coñecemento básico. Non cren que sexa necesario. É máis, consideran que se trata dun luxo". Mais non é tal, asegura. O exemplo, di, témolo en países líderes en desenvolvemento científico, creadores de produción e riqueza, Corea do Sur, Xapón, Israel, Alemaña, Estados Unidos.   (...)

A investigadora do Inibic convida as responsábeis das Administracións galega e estatal a fixarse no exemplo de Corea do Sur e Israel, dous dos países con maior capacidade, infraestrutura e talento investigador. "Israel inviste en ciencia perto de 4,5% do seu PIB. Unha das súas fortalezas é o  Instituto Weizmann, que conta con sete dos 25 medicamentos máis vendidos no mundo. Na actualidade, só este centro obtén 30.000 millóns de euros de beneficios. E só a partir da ciencia", recalca.

O outro modelo, tamén o é a respecto da xestión do coronavirus. Corea do Sur converteuse nun dos primeiros territorios en lograr aplanar a curva de incidencia do SARS-CoV-2. "En dez anos, duplicou o orzamento (de 2 a 4% do PIB) destinado á ciencia. A súa aposta pola educación e a investigación permitiulle acceder ao club dos países máis ricos do mundo. E agora, demostra a súa eficiencia contra o coronavirus", engade.


Reaccionou tarde pero fíxoo ben, explica Mayán, porque dispón dos recursos necesarios, "de infraestrutura e persoal investigador competitivo". Outra proba máis, indica, é a compra masiva que acaba de anunciar o Estado de probas rápidas de diagnóstico. "Vaillas mercar a Corea, xerando postos de traballo e riqueza nese país".

Coñecemento básico


Esa riqueza científica, defende Ángel García, investigador principal do CiMUS, o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela, e profesor de Farmacoloxía da mesma institución, depende necesariamente do investimento en ciencia e  investigación. "Con maiúsculas", insiste. 


"Só a ciencia, a investigación e a xeración de coñecemento nos van permitir saír desta, e se non aprendemos a lección, seguiremos sen estar preparadas para reaccionar con máis e mellores recursos ante outra situación similar que se poida dar no futuro".  (...)

"A crise do coronavirus é unha cura de humildade, un baño de realidade brutal, para a sociedade e para as responsábeis políticas", mantén o investigador do CiMUS. "A experiencia faime ser escéptico, porque xa no pasado se falou da necesidade de mudar o modelo produtivo e de garantir o investimento en I+D+i, co fin de reforzar o noso tecido científico", mais non se adoptaron medidas contundentes, salienta.


O panorama actual, coinciden os investigadores, demostra que non se cre na ciencia, porque falla o financiamento, a captación de talento e a estabilidade do persoal científico.


Carreira profesional


Investigadoras de toda Galiza acaban de acordar a creación de Investigal, a Rede Galega da Investigación, un espazo compartido desde o que reivindican unha carreira investigadora estábel, profesional e dotada de recursos.


"A ciencia revelouse fundamental estes días", explica Adrián Cordido, investigador predoutoral no Laboratorio de Nefroloxía do Hospital Clínico de Santiago. "E na Galiza, o investimento en I+D+i non fai máis que baixar", salienta. Con todo, di, a resposta da comunidade investigadora está sendo exemplar. Neste sentido, Zulema Varela, investigadora posdoutoral, reclama unha carreira profesional continuada e un pacto pola ciencia que comprometa Administracións, Universidades e Investigadoras.


Investimento, estabilidade e carreira profesional. Son demandas urxentes e necesarias para atallar a precariedade, indica Juan Vallejo, da área de Microbioloxía do Inibic. "Temos grandes esperanzas depositadas no futuro convenio das investigadoras hospitalarias da Galiza", un avance transversal co que buscan darlle valor e profesionalizar a investigación sanitaria, así como ao resto da produción científica que se fai no país."                      (Susana Rois, Nós, 26/03/20)

No hay comentarios:

Publicar un comentario