"A intervención pública das factorías de aluminio primario de San Cibrao, A Coruña e Avilés
é “legal, posíbel e viábel”.
Así o conclúe un informe xurídico
elaborado polo profesor titular de Dereito Administrativo UdC, Carlos
Aymerich, e solicitado pola CIG, a respecto da posibilidade e as
modalidades da adquisición pública das factorías como vía para manter a
actividade e o emprego nun sector considerado estratéxico.
“Esta intervención resulta plenamente conforme ao ordenamento español
e europeo e podería facela tanto a Administración estatal, como a
galega ou ambas as dúas”, sinala a central nacionalista nun comunicado.
O documento vén completar e actualizar o informe previo elaborado
por Aymerich, tamén a petición da CIG, tendo en conta a situación da
planta de Alcoa San Cibrao, o incumprimento das condicións de venda das
factorías da Coruña e Avilés e os cambios na UE a raíz da crise
sanitaria da Covid19.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que
"en abril de 2019 presentamos o primeiro Informe sobre adquisición
pública das factorías de Alcoa A Coruña e Avilés, e hoxe actualizámolo
sobre a dramática realidade en San Cibrao". Lembrou que daquela, a
central nacionalista remitiulle o parecer xurídico ao presidente da
Xunta, á ministra de Transición Ecolóxica e á ministra de Industria,
"sen que a día de hoxe tiveran dado ningún paso, máis ben ao contrario. O
lamentábel papel da Xunta de Galiza e do Goberno español ten creado as
condicións para a tormenta perfecta que nos pode levar á ruína".
O aluminio e a enerxía, continuou, son sectores estratéxicos en
Galiza, pero neste momento está en risco a súa continuidades "sen que
desde o Goberno galego se teña tomado nin unha soa iniciativa para
impedir o peche das empresas polo alto prezo da enerxía".
A CIG reclama ao Goberno galego e ao Goberno español actuación
rápidas e decididas "para intervir publicamente as fábricas por calquera
das vía que legalmente está demostrado son posíbeis, porque é a única
vía a día de hoxe para garantir o emprego, a actividade produtiva do
aluminio e que as cubas non paren en San Cibrao".
Águeda Montero, delegada da CIG en Alcoa San Cibrao,
reclamou a intervención con urxencia porque "co ERE enriba da mesa non
temos tempo para desenvolver a proposta que presentou o Ministerio nin
materializar outras solucións". Julio Moskowich,
delegado da central en Alu Ibérica, aseverou que "sería imperdoábel que
se perdera a produción de aluminio primario en Galiza" e alertou da
enorme incerteza que pesa sobre a planta Coruña tras os incumprimentos
de Parter no plan industrial e a dubida adquisición de Industrial
Riesgo.
Pola súa banda, Carlos Aymerich reiterou que, dende o punto de vista
legal, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os
gobernos interveñan as factorías de aluminio, "pero precísase é vontade política".
Salientou que os poderes públicos galego e español poden recorrer á
recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir
garantir o mantemento da actividade e o emprego.
Esta nacionalización xustificaríase en aras do salvagardar o interese
xeral e a utilidade social destas instalacións, atendendo ao elevado
volume de emprego, a completar o ciclo produtivo ou á importancia da
produción do aluminio para sectores como o automobilístico,
aeroespacial, construción naval, edificación, etc. Esta intervención
tamén é extensíbel ás fábricas de aluminio primario da Coruña e Avilés.
A nacionalización, aclarou, "podería efectivizarse a través dos
procedementos xerais previstos na Lei de Expropiación Forzosa ou por
medio dunha lei que articulase un procedemento expropiatorio
específico". Neste suposto, subliñou Aymerich, Alcoa estaría obrigada a
prover de alúmina ás plantas en condicións de mercado." (Nós, 06/07/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario