18.8.20

Denuncian a "neglixencia" do Sergas ante a detección de novos casos de coronavirus en hospitais

 "Persoal de enfermaría do servizo de Cirurxía do Hospital de Ourense denuncia a "neglixencia" do Sergas ante a detección de novos casos de coronavirus entre os pacientes ingresados, un desleixamento que compromete, din, tanto a saúde doutros enfermos hospitalizados como dos propios profesionais sanitarios.  

En declaracións a Nós Diario, aseguran que nunha das dúas unidades de Cirurxía do Complexo Hospitalario de Ourense conviven, desde hai tres meses, pacientes Covid con doentes de cirurxía, "até o punto de que o mesmo enfermeiro ou enfermeira durante a mesma quenda leva pacientes positivos e doentes cirúrxicos sans, limpos".

Neste escenario asistencial, "un doente de Uroloxía que acabou na nosa unidade, que non estaba illado e ao que non se lle fixo unha proba PCR, de súpeto deu positivo, e o persoal que estivemos en contacto con el temos que seguir a traballar. Non nos poñen en corentena nin nos fan unha proba" para descartar un posíbel contaxio.

Medidas de prevención

O persoal de enfermaría afirma que na actualidade as medidas de prevención "son máis laxas". "Fomos nós quen nos puxemos en contacto con Medicina Preventiva, que se limitaron a poñer o noso nome nun papel lista e a pedirnos que vixiásemos a aparición de calquera síntoma".

O colectivo profesional censura o descoido do servizo de prevención do hospital ao minimizar o risco de contaxio da Covid. "Dixéronnos que se levábamos unha máscara cirúrxica, nin sequera unha FP2, o perigo era mínimo. Hai quen xa lle trasladou a Preventiva a aparición de tose e febre, mais a resposta seguiu sendo a mesma: que se traballamos con máscara cirúrxica non ten por que pasar nada".

 Dende o seu ingreso no hospital, na tarde da pasada cuarta feira, até que se confirmou o seu positivo, esta sexta feira á mañá, o paciente estivo en contacto "con decenas de traballadores" que non están en corentena. "E mañá, moitos, temos que ir traballar de novo".  (...)"            (Susana Rois, Nós, 15/08/20)

No hay comentarios:

Publicar un comentario