"Os establecementos e locais de xogos e apostas, como
casinos e bingos, terán a posibilidade de abrir máis horas en
Noitevella, ata as 23,00 horas, nun total de 39 municipios galegos nos
que, con todo, a hostalaría terá que permanecer pechada en atención
directa desde as 18,00 horas ese mesmo día.
Trátase dunha excepción que recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG)
na súa edición bis do martes 29 de decembro, na cal se publicaron as
medidas decretadas pola Xunta tras o comité clínico do luns, que
presidiu Alberto Núñez Feijóo.
Con todo, esta medida con respecto aos locais como bingos e casinos non foi anunciada na rolda de prensa posterior ao comité clínico que
ofreceu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nin na do
presidente da Xunta tras o Consello este martes. Ambos si informaron da
ampliación horaria para toda a hostalaría nos municipios con máximas
restricións e de nivel medio alto.
Así as cousas, desde este mércores, restaurantes e bares poderán abrir
nos concellos cos dous niveis máis duros de restrición ata as 18,00
horas, unha hora máis do que estaba establecido ata este momento. Esta
medida coincide co segundo período vacacional do Nadal, pero permanecerá
máis aló destas festas, xa que se estudou, dixo o propio Feijóo, que
non incidirá nunha evolución negativa da pandemia.
EXCEPCIÓN PARA Os LOCAIS DE XOGO E APOSTAS
En segundo termo, este punto do DOG con excepcións concretas para
Noitevella refírese aos establecementos e locais de xogo e apostas.
Todos eles poderán abrir ata as 23 horas en todos os concellos galegos,
salvo os que teñen as restricións máximas, que son: o perímetro
Verín-Monterrei-Cualedro-Castrelo do Val; Noia-Lousame; O
Grove-Sanxenxo; Cambados; Bueu; Baiona; Rianxo; Ribeira; Boiro; As
Pontes; e Viveiro.
Isto significa, ademais, que nos municipios con restricións
medio-altas, é dicir, naqueles nos que as reunións están limitadas a
catro persoas e teñen a hostalaría pechada ás 18,00 horas, si poderán
abrir casinos, bingos e salas de apostas e xogos de azar.
O cal se traduce en que este tipo de establecementos poderá abrir en
Noitevella ata as 23 horas en 39 concellos nos que a hostalaría
permanecerá pechada (salvo para entregas a domicilio e para levar) desde
as 18 horas. Conforman este conxunto: perímetro Vigo-Mos-Redondela-O
Porriño-Nigrán-Gondomar; Pontevedra-Marín-Poio; Ferrol-Narón; Santa
Comba-Mazaricos-Negreira; A Guarda-Tomiño-O Rosal;
Vimianzo-Camariñas-Zas; Dumbría; Fisterra; Porto do Son; Outes; Muros;
Carnota; A Pobra; Carral; Xove; Vilalba; A Rúa; Sarreaus; Xinzo; Barro;
Meaño; Vilagarcía; A Illa; Cangas; e Tui.
Ademais, este horario de apertura estará tamén permitido para os 251 concellos que están en nivel básico
de restricións e os que se atopan en nivel medio: A
Coruña-Culleredo-Arteixo-Cambre; Santiago de Compostela; Moaña; e
Soutomaior." (Galicia Confidencial 30/12/20)
Artículo 129 de la Constitución española: Los poderes públicos... establecerán los medios que faciliten el acceso de los trabajadores a la propiedad de los medios de producción - Implantar la democracia económica en España es constitucional
No hay comentarios:
Publicar un comentario