"Salustiano Velo é vicepresidente segundo do Consello Xeral de Economistas de Galicia e decano do Colexio Oficial de Economistas de Lugo. Nesta entrevista fai unha análise de como pode influír a guerra ruso-ucraína sobre a economía galega. As conclusións máis inmediatas é a necesidade de pensar nun novo fondo de rescate europeo que reforce os Next Generation.
-Din que as guerras non son boas para os negocios, aínda así,
cre que alguén está facendo negocio coa guerra entre Rusia e Ucraína?
Como tal negocio económico entendo que non. Non sei se máis adiante
pode haber algún sector que se beneficie, mais o custo inicial está
sendo tan elevado que non vexo a ninguén sacando gañancias desta
situación. Rusia nestes momentos xoga como se fose unha gran potencia
cando non é tal. Ten agora mesmo 143 millóns de habitantes e a renda per
cápita é un terzo da española. Por tanto, manter toda a estrutura
militar actual co sistema económico que teñen é imposible. A súa
economía está centrada na exportación de gas, petróleo e materias primas
básicas para os semicondutores. En definitiva, a economía rusa non está
moi diversificada.
-Cales son as primeiras consecuencias económicas deste conflito para España e por extensión para Galicia?
A primeira de todas é que as expectativas de crecemento previstas polo
Goberno central e a Xunta para 2022 vai ser difícil cumplilas. As
previsións en Galicia eran un crecemento do PIB nun 6%. Isto será
imposible de cumprir a non ser que o conflito non se prolongue. En tal
caso, o escenario é de incerteza e non sería estraño entrar en recesión,
que o crecemento a final de 2022 fose negativo tanto en España como en
Galicia, algo parecido ao 2020 cando entramos en pandemia.
-A recuperación económica post-pandemia na UE estaba ligada aos
fondos Next Generation. Estes fondos quedarán anulados ou serán
insuficientes?
Tanto como anulados non creo. Iso si, o efecto non será tan inmediato
como estaba previsto, aproximadamente en tres anos. Á parte que estaban
ligados a tres eixos: dixitalización, sustentabilidade e cambio
climático. Obviamente, cunha guerra como a actual, todo isto pode acabar
diferíndose, cousa que previsiblemente suceda con estes fondos
europeos. En tal caso, a UE, que estaba comezando a recuperarse da
pandemia, sabe que o conflito ruso-ucraíno prexudica todas as
expectativas. Por tanto, os fondos Next Generation non quedarán anulados
mais si diferidos no tempo. Hai outra parte e é que dos 190.000 millóns
de euros, parte serán empréstitos e España en principio non tería
motivos para pedilos, mais ao final deberá recorrer a eles. Os
orzamentos estatais e autonómicos aprobaron uns fondos aos que deberán
recorrer outra vez debido ao cambio radical de escenario. Un escenario
convertido en incerteza que para ser medido, debe ser convertido en
risco por ser medible, mais agora estamos nun momento en que non se pode
transformar en risco, seguimos en estado incerteza, sobre todo
económica, política e social.
-Alén de todo isto, habería que pensar nuns novos fondos a
curto prazo semellantes aos Next Generation para reforzar a seguridade
económica e o crecemento na UE?
Eu creo que si, pois inicialmente o modelo de custo enerxético que
temos en Europa non está adaptado á realidade. Non pode incrementarse un
30% durante unha semana, isto non se sostén. En Galicia podémolo ver no
sector da pesca que está parado por non poder pagar o carburante a 1€
litro e sacar un beneficio de 0,60€ por quilogramo. O mesmo co
transporte. En Galicia o transporte está moi atomizado con moitas
empresas pequenas que reducen servizos por non ser rendibles. Despois, o
sector conserveiro tamén está afectado por falta de aceite de xirasol
procedente de Ucraína. A automoción, pois máis do mesmo, até o momento
era o problema da subministración de semiconductores durante e despois
da pandemia. Stellantis ten parada parte da produción parou parte da
produción por este motivo. O sector téxtil? Pois ten que abandonar Rusia
porque vale máis unha boa imaxe que perder beneficios. Por tanto, é
necesario ir preparando un novo sistema de fondos inmediatamente por
causa desta guerra.
-Estando en guerra e pensando en novos fondos de reconstrución, de onde poden saír os orzamentos para eles?
Os estados deberían aumentar o gasto público a pesar dos países do sur,
que teñen unha débeda máis importante, é mellor endebedarse que non
facer nada. O BCE e Bruxelas deberan estudar este tema, o aumento da
débeda nun momento de crise.
-Coas sancións e o peche ás exportacións rusas de petróleo e
gas, a moeda rusa, o rublo, pode depreciarse. Esta depreciación pode
xogar a favor das exportacións rusas cara outros mercados e por tanto
alimentar o orzamento de guerra?
Penso que o único mercado aberto para Rusia é China, porque os grandes
consumidores como EE.UU e Europa pecharon as importacións rusas. Os
chineses están ademais nunha posición intermedia, queren o diálogo entre
as partes. En definitiva, é difícil para Rusia exportar agora mesmo.
Onte conxelou as contas bancarias, creou un “corralito”, só se pode
retirar até certa cantidade de diñeiro. Isto é un síntoma de debilidade
económica, o sistema está caendo. Hai pouco xa o dixera un premio Nobel:
“Rusia aparenta máis potencia da que ten”. É certo porque ten
debilidades importantes na súa estrutura económica e isto trae problemas
sociais. Os 143 millóns de rusos e rusas non están de acordo en
rebaixarlles a súa calidade de vida por un intento nacionalista de
reconstruír a Unión Soviética levando por diante os ucraínos. Tampouco
os países árabes estarían interesados porque teñen os seus propios
recursos. O norte de Europa depende do gas ruso mais os alemáns xa deron
un paso adiante aínda que non tomaron a decisión de pechar a
importación de gas.
-Esta semana o secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA),
Roberto García, avisaba da falta de gran para facer penso destinado á
cabana gandeira e que en dous meses poderían verse xa os primeiros
problemas.
Si, un período moi curto. Isto é gravísimo porque en dous meses non dá
tempo para buscar alternativas antes de esgotar as reservas de cereal.
Falan de Arxentina e algún outro país. A cuestión está en que a UE ten
uns estándares de calidade moi esixentes co produto importado. Nun
principio o gran arxentino non cumpría eses estándares, ademais
engadiríaselle o prezo do transporte e isto para os agricultores galegos
aínda lles reduciría máis as marxes de beneficio. O aumento de custes
reflíctese no produto final e os consumidores non pagarán máis alá de
certo límite. En 2021 houbo un incremento do consumo porque a xente
aforrou en 2020, mais os aforros tamén teñen uns límites. Por outra
parte, transferir o aumento de custes aos prezos finais é imposible, iso
pode romper a cadea de produción. Entón, estou de acordo coas palabras
do secretario xeral de UU.AA, Roberto García.
-García apuntaba ademais que o contexto actual demostra a
necesidade de recuperar terra de cultivo, así reduciríase en parte a
dependencia das importacións.
Estou de acordo con García. Esta cuestión a medio prazo hai que
confrontala. A globalización tivo aspectos positivos en canto actividade
económica, os mercados aumentaron de tamaño, os custos reducíronse
porque cada país estaba especializado nunha determinada actividade.
España foi desmantelando o seu sector naval para deixar todo en mans de
países onde a construción naval era máis barata. Todo isto levou ao
abandono de determinados sectores dentro dos estados porque resultaba
máis económico importalo. Agora mesmo estamos en época de crise, cun
escenario totalmente distinto ao de hai vinte anos e por tanto, sería
óptimo labrar terras abandonadas.
-Dentro da coxuntura bélica en Europa o prezo da luz subiu até
os 700€ por Mw. Aínda así, que explicación hai para as subas
espectáculares da electricidade antes da guerra en Ucraína?
Hai un modelo de fixación de prezos deseñado hai xa tempo e avalado
pola UE e dentro deste contexto quen gaña diñeiro, en exceso, son as
eléctricas. Este modelo hai que cambialo, non podemos seguir así,
pagando a enerxía con estes prezos, a consecuencia é que as eléctricas
nunca gañaron tanto. Falamos de ao mellor de 60.000 millóns de euros en
beneficios, non quita que se perderan noutros anos, mais é necesaria
unha regulación, ben a nivel estatal ou europeo. Durante unha época de
crise, con toda a poboación atemorizada, as eléctricas non poden
presentar unha conta de resultados como presentaron. Este modelo debe
ser revisado.
-A luz é unha parte do custo da vida. Que sectores estarían máis afectados polas subas de prezos?
Creo que todos os sectores en Galicia están afectados. Posiblemente, de
maneira especial, os produtos agrícolas subirán os prezos porque non
poderán repercutir nos custos debido a que o consumidor non terá
capacidade abondo para afrontar a suba da maioría dos produtos. En
elementos industriais pode xogarse con algún tipo de financiamento e así
os efectos vanse amortecendo durante un período de tempo. A cuestión é
que a afectación inclúe a todos, hai moi poucos produtos que se salven
do incremento de prezos. A inflación pode pechar este mes sobre un 8%,
algo que non se vía desde a década dos 80. Unha inflación tan alta é
espectacular debido a que os países xa se afixeron a traballar con
inflacións pequenas. Dentro da UE creáronse medidas para non pasar do 2%
de inflación. Nun período como o actual o diñeiro perde valor, pois se
se devalúa nunha porcentaxe continua cada mes, é moi difícil frear os
efectos da inflación, sobre todo na relación prezos con salarios.
-A UE quere acelerar as renovables e posiblemente a nuclear.
Esta aposta polas renovables pode reducir a dependencia do petróleo e
gas ruso e os custos da enerxía?
Había que potenciar as renovables e reducir a dependencia do gas e da
enerxía nuclear. Cada país ten a súa estratexia enerxética. España non
depende tanto do gas ruso, ten un contrato con Alxeria para a
subministración deste produto, a pesar do corte nun dos gasoductos. Non
obstante, este gas non podemos pasalo cara Europa por non haber
gasoductos que vaian ao sur de Francia. Por tanto, si se deben potenciar
as renovables mais é un proceso que leva o seu tempo, a medio prazo.
Isto fará que políticos e a cidadanía apoiarán este tipo de enerxías,
porque non debemos esquecer isto, Europa é moi dependente das
importacións enerxéticas. A política enerxética española está encamiñada
cara as renovables.
-Cales serían os produtos galegos con mellor saída no mercado dentro da actual coxuntura política e económica europea?
Os mesmos que agora, automoción, téxtil ou pesca entre outros. Teñen
boa imaxe, cuns mercados xa moi definidos e as exportacións galegas son
importantes. Un exemplo, o viño galego, un produto recoñecido mesmo en
Chicago. O produto tradicional ten mercados moi interesantes e por tanto
as exportacións deben seguir mesmo nestes momentos.
-Sempre se fala do I+D+i como unha saída económica de futuro.
Dado que os países europeos reduciron o gasto en defensa durante os
últimos anos, e tendo en conta a actual situación bélica, cre que os
países da UE incrementarán fondos I+D+i para defensa?
Si, claramento. Temos en conta que a OTAN é unha entidade xurídica
mais o gasto dos países europeos en defensa é pequeno. O sector militar e
o de intelixencia están moi ligados ao I+D+i e agora, en Europa,
caemos na conta que a fin da Guerra Fría non era igual á ausencia de
guerras neste continente. Será interesante observar como se pode ir
incrementado a investigación militar nun futuro. Isto último redundará
nas universidades e lembremos que Galicia ten tres, cada unha
especializada nunha área. Isto non só en aquilo referente a defensa,
senón tamén en relación a cuestións xeopolíticas." (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 11/03/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario