"O mercado eléctrico ten varios problemas de fondo. De entrada non é
un mercado competitivo porque a oferta (xeneradores) e a demanda
(comercializadores) son uns poucos, e os mesmos, grupos oligopólicos. En
segundo lugar, ten unha dimensión xigantesca (por caso o reino de
España) que impide facer unha xestión resiliente fronte aos riscos de
colapso. O terceiro, é que os mesmos que veñen dominando o complexo
fósil-nuclear están a dominar as fontes renovables
(hidráulica, eólica e solar). Para conxugar estes problemas existe un
xestor da rede (Rede Eléctrica Española-Redeia, público nun 20% e
privado no 80% restante) que debe encaixar oferta e demanda para uns
prezos marxinalistas pero subordinado a lóxica do beneficio. Só con
estes tres problemas a suposta “man invisible” destes axentes pode
favorecer situacións de alto risco social, ambiental e económico. E é
por iso que só un xestor cento por cento público con operadores públicos
e a unha escala de menor tamaño pode evitar eses riscos.
Con este precedentes paso a relacionar algúns feitos -recentes ou inmediatos- vencellados ao shock eléctrico total do pasado luns na península ibérica.
No pasado mes de febreiro REE-Redeia advertía aos inversores do risco de que a retirada de xeración firme como carbón, ciclo combinado e nuclear (por regulacións de descarbonización e calendario de peche nuclear) supuña unha maior ameaza de apagón eléctrico, textualmente “implica una reducción de la potencia firme y las capacidades de balance del sistema eléctrico, así como su fortaleza e inercia”.
Compre sinalar que coincidindo con estes diagnósticos o tandem Feijoo/Abascal vén reclamando que o aporte fósil-nuclear se reconsidere e se axuste a parámetros trumpistas. O ministro francés da enerxía tamén se gaba de que un sistema forte no nuclear é máis resiliente.
Mesmo reivindican en pleno colapso que fronte ao transporte colectivo electrificado (metro, tren) é preferible o privado con fósiles (atascos masivos disculpados, e colapso climático tamén). Menos se chega a discutir o xigantismo da rede eléctrica ou as megaconcentracións urbanas como Madrid e Barcelona asociadas a centrais nucleares.
E aos que, como en Galicia, podíamos ter todo o consumo doméstico
cuberto con hidráulica nun subsistema propio, quédanos cara de parvos.
Porque quen nos goberna é a man invisible dos Naturgy, Iberdrola ou
Endesa pastoreados por REE-Redeia."
(
No hay comentarios:
Publicar un comentario