14.3.25

«A directiva da vergoña 2.0, desastrosa e, sobre todo, moi preocupante»... Europa péchase nun castelo armado e cheo de xenofobia, co plan da Comisión Europea para crear centros de deportación e detención en países fóra da UE... Bruxelas lava as mans do que poida acontecer neses cárceres non europeos... Un triunfo político da ultradereita e dos partidos abertamente posfascistas que levan anos conquistando terreo electoral, gobernos europeos e asentos na Eurocámara. Medraron e ségueno a facer grazas á desafección, á carraxe, o medo existencial e a incerteza sementadas durante a crise económica da pasada década, que agromaron no mundo da pandemia e hoxe son unha velenosa froita madura... ...

 "O plan da Comisión Europea para crear centros de deportación e detención en países fóra da UE é un dos protagonistas da semana en Bruxelas. En tempos nos que os correspondentes levabamos máis dun mes informando sobre o preocupante rearmamento do continente, esa decisión anunciada sobre a reforma das normas de retorno dos migrantes irregulares vén a consolidar a Europa fortaleza que se está a construír.

O que durante a crise dos refuxiados da pasada década se considerou case que un sacrilexio vai ser realidade nesta. Cando os réximes ditatoriais de Tunes, Libia, Exipto ou Siria estouparon grazas á primavera árabe, miles de persoas uníronse a iraquís, afgáns e migrantes da África subsahariana para chegar a Europa nos anos 2015, 2016 e 2017. Entón, os ultracatólicos que gobernaban en Polonia xunto ao húngaro Viktor Orbán tentaron que a UE apostase por crear centros de deportacións fóra das fronteiras comunitarias. Lembro as discusións en Bruxelas, mesmo que países como Suecia ou Austria non vían mal esa decisión e como ao final a Comisión de Jean Claude Juncker aturou esa presión en coalición cunha maioría de Estados Membros.

Porén, a Comisión de Úrsula von der Leyen foi menos resistente que a súa antecesora e, beneficiada por un Parlamento Europeo máis á dereita ca nunca, propón que os Estados Membros creen en terceiros países fóra da UE auténticos cárceres aos que deportar e nos que reter miles de migrantes económicos ou demandantes de asilo que ao final non obteñan a protección humanitaria europea.

É, segundo me dicía en privado por mensaxe un eurodeputado, «a directiva da vergoña 2.0, desastrosa e, sobre todo, moi preocupante». Como Poncio Pilatos, Bruxelas lava as mans do que poida acontecer neses cárceres non europeos. Aseguran no equipo do comisario de Interior e Migración que as condicións dependerán do pactado entre ese país europeo e o non europeo, mais que en todo caso esa persoa deportada poderá recorrer a decisión nos tribunais europeos. Claro, poderao facer unha vez que xa sexa expulsado. E se a persoa se revolve por medo e foxe, Bruxelas permitirá que as autoridades nacionais lle retiren os seus documentos ou mesmo que se lle impida a entrada na UE dun xeito duradeiro. E todo iso financiado con cartos da UE.

As concertinas de Ceuta e Melilla ou os valados militarizados en Polonia non son nada comparados co castelo de xenofobia que se está a construír en Europa. Un triunfo político da ultradereita e dos partidos abertamente posfascistas que levan anos conquistando terreo electoral, gobernos europeos e asentos na Eurocámara. Medraron e ségueno a facer grazas á desafección, á carraxe, o medo existencial e a incerteza sementadas durante a crise económica da pasada década, que agromaron no mundo da pandemia e hoxe son unha velenosa froita madura.

Foi un erro histórico converter un problema de débeda privada de bancos e empresas nunha crise bestial de débeda pública pagada por todos os cidadáns. Como o foi aplicar receitas de austeridade ao gasto público e contra o Estado de Benestar que esnaquizaron as esperanzas de varias xeracións de mozos e mozas incorporados ao mercado laboral ou a piques de facelo, ao tempo que destruían millóns de empregos e facían que os necesarios cartos dos investimentos en enerxías verdes, en educación e sanidade, na ciencia e na tecnoloxía se perdesen. E así, hoxe en día, unha década despois, a Unión Europea vai moi por detrás da carreira económica deste século fronte aos Estados Unidos e China.

Foi un grave erro deliberado non reformar o sistema financeiro en favor dos consumidores e aforradores podendo impulsar unha banca pública que hoxe sería necesaria na solución europea da crise de vivenda de todo o continente, para, no seu canto, crear xigantes bancarios máis grandes e cun poder sistémico. E Alemaña mais os seus satélites do leste cometeron un erro existencial lanzándose aos brazos do gas barato de Vladimir Putin para impulsar falsamente a súa competitividade industrial. Que llo digan a Ucraína cando ninguén lle prestou atención no 2014 despois de que infantes de mariña rusos lle roubasen Crimea.

Hoxe sufrimos as tráxicas consecuencias destes erros políticos nunha Europa cada vez máis insolidaria, xenófoba e ultra, un castelo que revive perigosamente algunhas experiencias semellantes ás de hai xustamente un século, cando as consecuencias do Tratado de Versalles e das nefastas decisións económicas que provocaron o crack do 29 abrollaron como fascismo e nazismo."               (Alexandre Mato , Luzes, 12/03/25)

No hay comentarios:

Publicar un comentario