"Non queremos indemnización, nin nada. Queremos explicacións, que se saiba e que non lle volva ocorrer a ninguén".
Carmen López-Sangil advírteo antes de contar a historia. A denuncia
sobre as circunstancias que arrodearon a morte da súa nai o pasado
venres 16 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e que
engade máis polémica á situación caótica que se vive nalgúns hospitais
galegos tras os recortes sufridos en sanidade nos últimos anos.
Ás
críticas que xorden de moitos centros, nomeadamente desde hai meses na área sanitaria de Vigo,
únense agora casos como os desta familia, que denuncia o falecemento
desta paciente de 73 anos, enferma de cancro, logo de pasar catro días
sen ingresar en planta e dando voltas por diferentes zonas do hospital.
E todo malia que ao entrar e ser diagnosticada cun encharcamento de
pulmón, o médico que a atendeu indicou que debía ser ingresada en planta
para ser tratada. Foi o pasado luns 12 de outubro nunhas Urxencias "caóticas, con xente polos corredores, sen espazo e doentes desatendidos",
segundo relata a súa filla Carmen e tal e como tamén explicou a familia
na reclamación que xa presentaron no servizo de atención ao paciente do
CHUAC.
"Os médicos e enfermeiros dicíannos que non podían máis, que non
daban feito por falta de medios", explica.
Logo de pasar varias horas nun corredor e mesmo sentada nunha cadeira, a
muller enferma de cancro pasa o día seguinte, martes á noite, a un box
"improvisado e sen medios" xunto con outros cinco doentes, pero no que
non había "nin enfermeiros, nin médicos", o que obrigou a que os propios
familiares tivesen que axudar cando lles era permitida a entrada. "Os pacientes axudábanse entre eles", insiste Carmen.
Ao día seguinte, segundo a familia, unha enfermeira aparece para atender aos doentes, pero só contratada por unhas horas e ante a saturación e insistencia dos familiares desesperados pola desatención.
"Só estaba destinada a atender ese box
e, obviamente, non tiña coñecemento da situación dos enfermos nin do
seu historial", aclara a filla da falecida, que na noite do mércores, "e
logo de moito protestar", pasa a unha unidade de preingreso. Alí
permanece ata que o xoves, sobre as catro da tarde, é finalmente
ingresada na planta de oncoloxía, tal e como indicara o primeiro
diagnóstico o luns. Logo de tres días en urxencias e un nunha unidade de
preingreso.
Tan só unhas horas despois, ás 7 da mañá do venres, a doente falece
"sen que desde o seu ingreso e ata o seu pasamento tivese recibido o
tratamento médico correspondente nin se informase os familiares ou a ela
mesma do seu estado".
A día de hoxe, segundo a filla da falecida, ningún dos seus achegados recibiu información sobre as causas do pasamento.
"Non era unha enferma terminal, tiña unha vida activa e era moi
forte... Non foi tratada por médico ningún nin atendida correctamente; e
sufriu", engade Carmen, que asegura que hai espazos do hospital con
varias camas que se manteñen pechados e que lembra como traballadores do
centro lle insistían en que "non podían máis".
"Se non denuncian é
porque moitos se están a xogar o posto", advirte, aínda que os
sindicatos e a xunta de persoal levan tempo advertindo dos recortes e da
falta de medios que sofre o CHUAC.
"Deixaron morrer unha persoa en condicións inhumanas",
advirte a familia, que denuncia "mala praxe profesional e un total
desleixo e abandono por parte do persoal sanitario respecto á paciente",
así como "unha total ausencia de información da situación" e "unha
evidente falta de recursos e organización que conduciron a esta
lamentable situación".
Fontes hospitalarias, segundo informa Radio
Coruña, aseguran que analizarán a reclamación presentada e adoptarán as
medidas necesarias. " (Praza Pública, 22/10/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario