21.11.16

"En Portugal estámoslle amosando á xente que se poden lograr cousas": incremento do salario mínimo, a actualización automática das pensións, a reversión da privatización das concesións de transporte colectivos nas cidades, un imposto sobre as fortunas inmobiliarias...

"(...) Este sábado José Gusmão, economista e membro da mesa de negociación do Bloco de Esquerdas para o pacto de esquerdas, e Yolanda Díaz, deputada de En Marea e coordenadora de Esquerda Unida, participaron en Madrid nun debate convocado pola Fundación pola Europa dos Cidadáns (FEC) baixo o título “Que pasa en Portugal?: O acordo de goberno do que ninguén fala”.
 
O incremento do salario mínimo, a actualización automática das pensións, a recuperación da xornada de 35 horas para os funcionarios, a reversión da privatización da TAP e das concesións de transporte colectivos nas cidades, a fin dos acordos cos colexios privados onde haxa escola pública, un imposto sobre as fortunas inmobiliarias, a ampliación do dereito ao aborto, ou a posibilidade de que as parellas gai poidan adoptar son algunhas das medidas adoptadas polo Goberno portugués no último ano, medidas acordadas entre as tres forzas e que van máis aló do previsto no programa do PS.  (...)

Gusmão subliña que "o que estamos facendo en Portugal é moi importante, estamos logrando cousas e ao mesmo tempo estámoslle amosando á xente que se poden lograr cousas, o que é outra vitoria.

 O que facemos está amosando tamén os límites do proxecto europeo, e a xente está vendo o absurdo do actual funcionamento da UE". Ademais, sinala que se está a dar "un cambio moi importante no PS, sobre todo na relación que establecen coas institucións europeas. Estanse convencendo de que a única forma de facer unha política que promova o benestar dos portugueses é facela contra Europa".  (...)

"É o momento de establecer unha batalla ideolóxica coa dereita", afirma, para a que cre imprescindible unha maior mobilización social. "Nos primeiros anos da troika e de goberno das dereitas houbo unha mobilización social moi importante, dos sindicatos e dos novos movementos. 

Pero no remate da lexislatura produciuse unha forte desmobilización, que agora co goberno de esquerda se mantén. Hai un certo estado de anestesia e de excesiva confianza no funcionamento institucional. Neste contexto o movemento social podería acadar moitas vitorias, a través da presión que exercese sobre o goberno do PS", comenta.  

Gusmão conclúe que "temos unha maioría de esquerdas, pero non temos un pobo unido detrás desa maioría, sosténdoa e potenciándoa. É o reto que temos por diante. Debe haber un movemento na rúa para que os cambios continúen". (...)"              (Praza Pública, 19/11/16)

No hay comentarios:

Publicar un comentario