3.11.16

Unha ex-directiva do Sergas avisou da gravidade de quen faleceron esperando tratamento

"O caso da hepatite C reactívase  nos xulgados. A ex-directora de Procesos Asitenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Ana Souto, declarou este xoves como testemuña ao abeiro das dilixencias abertas nas que se investiga, polo momento, por un suposto delito de prevaricación dous altos cargos do Sergas.

 Queda pendente aínda por saber se esta investigación se amplía ao posible delito de homicidio do que acusara a Fiscalía estes responsables sanitarios, malia que a Xunta manifestou en máis dunha ocasión que xa se desestimara esa posiblidade.

A declarante deste xoves asegurou no xulgado que comunicou "persoalmente" aos dous cargos do Sergas a "urxencia" de tres dos casos que hai na causa, tras aclarar que ela, desde o seu posto, nada podía facer polos tratamentos "á marxe da subcomisión". 

A testemuña, xa que logo, desmente as acusacións vertidas sobre ela dos dous investigados e aclara que fixo o que tiña que facer para advertir da gravidade dos doentes e da necesidade dun tratamento. 

A declaración desta ex-directora no CHUS reactiva a causa que levaba paralizada desde abril, cando declararon os dous investigados (o que antes se denominaba imputados): Félix Rubial, ex director de Asistencia Sanitaria, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia. 

Foron as declaracións destes dous cargos os que provocan agora a comparecencia da ex-directora de Procesos Asitenciais, xa que fora sinalada directamente por ambos como responsable nos tres casos referidos tras deixar caer que non empregara un procedemento de urxencia para o tratamento destas tres persoas, que acabaron falecendo. 

Segundo Pedro Trepat, avogado da acusación que exerce a Plataforma Galega de Afectados de Afectados polo virus da Hepatite C (PAVH), Ana Souto puxo "en evidencia" que si advertiu da urxencia, pero tamén que ela "non tiña capacidade, nin orzamento nin medios para actuar autonomamente sen a autorización da subcomisión" de farmacia, que era quen debía autorizar o tratamento.

 A testemuña asegurou que antes de remitir os correos pertinentes, informou persoalmente aos investigados da gravidade, "poñendo de relevo a preocupación dos médicos por esta situación e por axilizar os tratamentos". "Pero eles remitírona ao trámite convencional, que era o da subcomisión", dixo o letrado. 

Tal e como di o avogado, a ex-directora no CHUS "desmentiu" rotundamente que "houbese capacidade de utilizar un procedemento de urxencia á marxe da subcomisión" para autorizar os fármacos, tal e como insinuaron os investigados. "O único que podían facer era comunicar a urxencia e esperar á previa autorización, que foi a que non se recibiu", engadiu Trepat. Non había outro mecanismo. 

Agora, a PAVH está á espera de que o xuíz deicda chamar a declarar como testemuñas aos médicos que trataron os pacientes falecidos. 

Ademais, o maxistrado ordenou ao Imelga unha proba pericial que determine o grao de relación entre as mortes dos doentes e as decisións políticas que se tomaron. A plataforma confía en que "ratifique a pretensión de considerar que se cometeron oito delitos de homicidio" por imprudencia profesional. (...)

O xuíz Andrés Lago Louro investiga a Rubial e Gómez-Criado por un suposto delito de prevaricacións pero a Fiscalía atribúelles tamén o de "homicidio por imprudencia profesional grave" ao atrasar a administración dos fármacos "por razóns orzamentarias".  (...)"              (Praza Pública, 19/10/16)

No hay comentarios:

Publicar un comentario