20.12.24

Ayuso dirá: «Total, ían morrer igual»; e Milei: «A xente vai morrer de fame e vai facer algo por non morrer, non necesito que ninguén interveña». Non é unha ostentación gratuíta, é unha exhibición de impunidade... por iso, execución do CEO de UnitedHealthcare, Brian Thompson, por Luigi Mangione, marca unha primeira expresión de resistencia ao necroliberalismo... Na fonda convicción dunha subsunción total da vida no mercado, o necroliberalismo non contaba con Luigi Mangione. Menos aínda coa extraordinaria viralidade e simpatía da súa persoa e causa... por iso, Elon Musk, un dos máximos expoñentes do necroliberalismo, reaccionou desde a súa rede privada, Twitter/X: «É repugnante como todo o mundo está convertendo este tipo nunha especie de heroe. As compañías de seguros, como cualquera empresa, teñen o deber para cos accionistas de maximizar as ganancias, por moi cruel que sexa»... Esta crueldade do mercado está a causar estragos nos EE.UU: desde custos inasumíbeis para milleiros ata crises farmacolóxicas como a do fentanilo... Coa execución de Brian Thompson muda o clima xeral que reverte o triunfo de Trump. De súpeto, as aseguradoras retiran os seus empresarios das súas webs, empresas como Atrium Health anuncian a condonación das débedas de 11.500 persoas, e as redes ferven en simpatía, memes e apoios a Mangione, que está a recibir unha inxente cantidade de diñeiro coa campaña para a súa defensa. Cando Leviatán morre, o estado de guerra emerxe (Raimundo Viejo)

"(...) Porén, a execución do CEO de UnitedHealthcare, Brian Thompson, por Luigi Mangione, marca neste senso unha primeira expresión de resistencia ao necroliberalismo formulada nas súas propias condicións políticas. A diferenza do neoliberalismo —que Foucault aínda apuntara como unha biopolítica—, para o necroliberalismo a vida deveu unha simple continxencia económica. É por isto que Trump puido afirmar sen reparos: «Podería disparar á xente na Quinta Avenida e non perdería votos»; Ayuso dirá: «Total, ían morrer igual»; e Milei: «A xente vai morrer de fame e vai facer algo por non morrer, non necesito que ninguén interveña». Non é unha ostentación gratuíta, é unha exhibición de impunidade.

Na fonda convicción dunha subsunción total da vida no mercado, o necroliberalismo non contaba con Luigi Mangione. Menos aínda coa extraordinaria viralidade e simpatía da súa persoa e causa. Elon Musk, un dos máximos expoñentes do necroliberalismo, reaccionou desde a súa rede privada, Twitter/X: «É repugnante como todo o mundo está convertendo este tipo nunha especie de heroe. As compañías de seguros, como cualquera empresa, teñen o deber para cos accionistas de maximizar as ganancias, por moi cruel que sexa».

Esta crueldade, no caso de UnitedHealthcare, consistía na tripla D que Mangione gravou en cada unha das tres balas que disparou: «Deny, Defend, Depose». Isto é: denegar a cobertura, defender tal decisión, e levala ata o punto de obrigar a depoñer unha demanda contra a empresa coa que se discrepa. Sabido é que o mercado está a causar estragos nos EE.UU: desde custos inasumíbeis para milleiros ata crises farmacolóxicas como a do fentanilo. Deixar a saúde en mans privadas é todo un exemplo de ineficiencia neoliberal. Pouca ou ningunha novidade acó.

Porén, coa acción de Luigi Mangione ten lugar por vez primeira un xesto de resistencia perante a ruptura unilateral do contrato social por parte das oligarquías. Coa execución de Brian Thompson muda o clima xeral que reverte o triunfo de Trump. De súpeto, as aseguradoras retiran os seus empresarios das súas webs, empresas como Atrium Health anuncian a condonación das débedas de 11.500 persoas, e as redes ferven en simpatía, memes e apoios a Mangione, que está a recibir unha inxente cantidade de diñeiro coa campaña para a súa defensa. Cando Leviatán morre, o estado de guerra emerxe.

Máis aínda, en termos de axencia política, o que está a pasar non encaixa cos casos anteriores que xa foron apuntados, sexa o célebre, e tamén solitario, «Unabomber», ou antes aínda, a singular organización armada, Weather Underground (que, por certo, excluíra atentados mortais do seu repertorio de acción). E nada encaixa, porque tampouco as condicións actuais son as de tempos anteriores.

Luigi Mangione, ao cabo, deveu de inmediato unha presenza espectral que quizais nos estea a avanzar formas de resistencia cibernética, violentas e desesperadas perante o despotismo das elites emerxentes. Os memes que se fan virais apuntan a unha liña de subxectivación que mira máis a unha guerra molecular do que a conflitos a grande escala. Como transfondo común, a continxencia da vida, aínda que agora nun senso contrario: da cidadanía que está privada dun horizonte vital contra as elites que concentran a maior ac/umulación de riqueza en menos /mans de toda a Historia."                   (Raimundo Viejo , Luzes, 18/12/24)

No hay comentarios:

Publicar un comentario