7.8.24

O Servizo Nacional de Saúde inglés converteríase nunha referencia exemplar para o mundo enteiro... O grande alicerce no camiño de construír o que Orwell albiscou como «sociedade decente»... E tanto foi así que un voceiro neoconservador equiparou rosmón o NHS cunha «relixión nacional»... logo, había que desmantelar ese «templo» do servizo público... Co thatcherismo campante, púxose en marcha un proceso de corrosión... O que significou a conversión do sistema público nunha especie de corporación para-estatal, co enriquecemento multimillonario de provedores privados e o afundimento na atención aos doentes e a calidade do servizo. Aquilo que era unha «relixión nacional», un tesouro da comunidade, é hoxe máis coñecido pola expresión «lista de merda» (Shit List) en referencia á lista de espera médica e á desatención hospitalaria. O maior símbolo da identidade positiva forma parte hoxe do Broken Britain, a Gran Bretaña escachizada, onde as cousas non funcionan (Luzes)

 "O Servizo Nacional de Saúde (National Health Service) creouse na posguerra, en 1948, para garantir unha saúde «universal e gratuíta» no Reino Unido. Non foi unha miraxe pasaxeira para dar unha bicada de esperanza despois do inferno bélico. O NHS converteríase nunha referencia exemplar para o mundo enteiro, mesmo por enriba da división en ‘bloques’ da Guerra Fría. Unha verdadeira conquista social. O grande alicerce no camiño de construír o que Orwell albiscou como «sociedade decente». E tanto foi así que para definir a querenza popular un voceiro neoconservador equiparou rosmón o NHS cunha «relixión nacional». Había que desmantelar ese «templo» do servizo público.

Co thatcherismo campante, púxose en marcha un proceso de corrosión. O que The Guardian denominou «privatización sen escrúpulos». Na cháchara ‘neocon’ ou ‘neoliberal’, tanto montan, iso ía significar unha xestión máis eficaz. O que significou na práctica? A conversión do sistema público nunha especie de corporación para-estatal, co enriquecemento multimillonario de provedores privados e o afundimento na atención aos doentes e a calidade do servizo. Aquilo que era unha «relixión nacional», un tesouro da comunidade, é hoxe máis coñecido pola expresión «lista de merda» (Shit List) en referencia á lista de espera médica e á desatención hospitalaria. 

O maior símbolo da identidade positiva forma parte hoxe do Broken Britain, a Gran Bretaña escachizada, onde as cousas non funcionan. Paradoxos da historia. Foron os conservadores os que lanzaron a expresión.  Os que encheron a boca de carallos. O país estaba roto. Ía a pique. Eles ían ser quen de frear a Gran Decadencia da Gran Bretaña. Mais nunca vai acabar ben quen goberna como facción da cobiza, a política que só abaixa a cabeza por ambición ante os ricos e nunca se inclina por humildade, para escoitar á xente do pobo.

Mais o conto acabouse. O «capitalismo popular» de Margaret Thatcher, aquel delirio aplaudido polas elites depredadoras e polos mordomos e recadeiros que as imitan,  ten un final previsíbel: a «lista de merda». A lista de espera sanitaria. Mais tamén o listado das cousas que non funcionan. Esa é a materia prima dos negacionismos. 
 
No Estado español, os da política do dano, sexa a facción da cobiza ou a da vileza, suman negacionismos de máis. Despois de esvarar en Francia e Reino Unido, agardan o trunfo de Trump para espallar a Internacional do Odio e imporse en España. Cómpre defender a democracia, unha sociedade decente, o benestar. Mais tamén ter a man o listado de merdas que poden vir en enxurrada. E lembrar o comezo de Historia das dúas cidades, de Charles Dickens: «It was the best of times, it was the worst of times». Tamén nós vivimos o mellor e o peor dos tempos."                    (Luzes, 06/08/24)

No hay comentarios: