17.6.14

O bipartidismo, afundido. O PP e o PSOE terían que ser moi optimistas como para non poñerse a rezar

"Antes  de  que  o  PP  gañara  as  eleccións,  hai  dous  anos e  pico,  a  fidelidade  de  voto  que  mantiña  entre  o  seu electorado  era  non  só  altísima,  senón  pétrea,  inamovible. Acercábase,  para  ser  exactos,  ao  90% e  mantíñase nese entorno  elección  tras  elección.  

Pero  foi  comezar  a  gobernar  coas  políticas  ditadas  polas  altas  torres  da  Troika  e ese  tesouro,  pacientemente  adquirido  durante  décadas,  empezou  a  esfumarse. Hoxe  non  máis  do  46%  dos  electores conservadores  mantense  sen  dubidas,  segundo  estimacións  de  Metroscopia  a  principios  de  ano.

 O  Instituto  DYM  facía descender  o  inferno  ata  o  28%. Do  outro  lado  da  barreira  -no  PSOE-  non  se  escoitan  mellores  noticias:  aí  a cifra,  versión  Metroscopia,  acercábase  ao  43%  ou,  segundo  DYM,  ao  34%. As  cifras  que  daba  o  CIS  en xaneiro  non difiren  moito  desas  marxes:  a  fidelidade  de  voto  para  ambos  é  respectivamente  do  39´4 % ( para o  PP) e  do  40%(para  o PSOE).  

   Así  que  os  dous  partidos  están  tocados. Tanto  como  para,  entre  os  dous,  non  sumar  máis  do 49%  dos  votantes  nas últimas  eleccións  europeas. ¿ Tocado  quere  dicir  fundido ?. Non,  dende  logo. Pero  terían  que  ser  moi  optimistas  como para  non  poñerse  a  rezar. (...)

Así  que  en  efecto:  deben  comezar  as  pregarias.O PSOE  porque  o  seu  horizonte  se  acerca  cada  vez  máis  ao  do  PASOK. Non  é  probable  que  corra  a  súa  sorte, descender  ata  a  irrelevancia  do  12%  e  ser  desprazado  por unha  Syriza  local,  pero  tampouco  imposible.     

Sen  embargo,  tampouco  o  PP  ten  motivos  para  estar  feliz. Dentro  dun  ano,  tocan eleccións  municipais  e autonómicas. Por  suposto,  o  PP  non  vai  perder  Murcia,  nin  a  Rioja,  nin  Castela-León  e,  presumiblemente,  tampouco Castela-A  Mancha.  (...)

Pero  en todos  os  demais  sitios,  estará  en discusión. Así  que,  de  hoxe  en  menos  dun  ano,  o  PP  pode  verse  expulsado  da  posición  que  ocupa  de  modo  pouco misericordioso. Boa  parte  das  grandes  cidades, senón  a  practica  totalidade  poden verse  comprometidas  polo  ciclo político  en  marcha.

 Valencia,  Madrid  e  outras  comunidades  autónomas  poden  darlle  considerables  desgustos. A  virada pode  ser  das  que  fan  época,  sen  hipérbole. Maio  de  2015  é  o  vector  ao  que  converxen  todas  as  liñas. Ten  todas  as  cartas  marcadas  para  ser  o  punto  focal  no  que  se  exprese o  malestar  de  fondo. ¿ Un  novo 14 de  Abril ?. Non  é  imposible.   (...)

Non  hai  motivos  para  supoñer  que  o  ciclo  económico  vaia  axudar  nin  ao  PP,  nin  ao  PSOE. A  bolsa  pode  dar grandes  alegrías,  e  Rajoy  e  o  goberno  en  pleno  poden  erguerse  cada  mañá  para  intentar  convencernos  do  ben  que  vai España,  pero  na  casa  do  pobre  iso  non  vai  a  notarse. 

O  paro,  a  baixada  de  salarios,  o  temor  ao  despido  e  o medo  ao  descenso  das  pensións,  a  ansia  de  vinganza  contra  os  autores  do  desaguisado,  eses  e  outros  factores  van a  seguir  facendo  notar  os  seus  efectos. 

Non  hai  aparato  mediático  ou  consenso  das  elites  por  riba  que,  nas  actuais  condicións,  poda  evitar  o  voto  de  castigo  nin  garantir  que  todo  sucederá  á  súa  vontade. Só  os  que  están encerrados  nos  estreitos  muros  da  súa  mente  partidaria,  ou  dun  pechado  universo  social,  poden deixar  de  percibir esa  realidade.    (...)

A República  funciona,  máis  ben, como  un  símbolo  do descrédito  que  vive  o  réxime  e  como  expresión  dun  “dereito  a decidir”  do  que  se  xulga  estar  investido. Non  ten que  ver  coa  reivindicación  do  pasado, ( tampouco,  coma  en  tempos  de  Azaña,  coa  presunción  de  que  a  Monarquía  sexa  a  clave  de  bóveda  do  secular  atraso  español )  senón  coa  percepción  de  que  hai  demasiados  asuntos  sobre  os  que a  decisión se  lle  furta  aos  cidadáns  por  parte  dunhas  elites  enquistadas. 

É  un  radicalismo democrático  o  que  se escoita  en  tempo  de  crise. Tanto,  que  ás  veces  da  a  sensación  de  que  retorna,  dalgún  modo, a  vella  distinción entre  a  España  real  e  a  España  oficial.  (...)

No  que  se  refire  a  España,  claro. Porque  en  Galicia,  unha  de  dúas. Ou  hai  coalicións  amplas,  multicolor,  con inclusión  de  novos  rostros  alleos  ás  manobras partidarias  de  sempre  e  cun  punto  de  lexitimidade  social,  coalicións, en  última  instancia,  que  abran  perspectivas  e  renoven  o  persoal,  introducindo  outra  axenda. 

Ou,  cabe  tamén,  o  PP será  o  principal  beneficiario  da  ineptitude  e  a  división  allea. Todo  cabe. Vivimos  tempos  incertos  nos  que  non sabemos  por  que  cara  vai  caer  a  moeda."                (Antón Baamonde, El País, 11/06/2014)

No hay comentarios: