27.11.17

¿Como sería un mundo gobernado por mulleres?

"(...)  Como sería un mundo gobernado por mulleres?


“É complexo dicir como sería un mundo gobernado por mulleres, moi complexo, o que non é lóxico é pensar que o mundo sería peor do que é hoxe. Cando tes á metade da poboación loitando pola igualdade fica claro que os avanzos son menores e menos xustos. Todo dependería tamén da súa bagaxe, das influencias que tivesen....” (Silvia)


1. O PODER


“Un mundo gobernado por mulleres pode ser igual de disparatado e inxusto que o actual gobernado maioritariamente por homes -e exemplos hai abondo. Depende, pois, de que clase social, que nación, que ideas e intereses se queren servir: atender a maioría social feminina ou, por contra, reforzar a súa subordinación. 

Outra cousa é que o acceso de mulleres a ámbitos de poder sexa un tributo á realidade da composición humana. Triunfo individual, pois, ou entrega á causa colectiva” (Pilar)


2. NA FAMILIA


“É unha cuestión do global que sería respondida cunha lóxica cuantificábel desde a socioloxía ou a psicoloxía social, de seguro. No meu universo do concreto e persoal, o efecto máis inmediato sería o reforzamento das esencias orgánicas, do primario como principio imprescindíbel para construírmonos” (Eva)


3. A NATUREZA


“O apoio dos traballos das mulleres da nosa contorna levaría a un sistema produtivo de proximidade baseado na axuda mutua, economía local que permitiría emancipación da muller baseado en recursos da horta ou da casa (non mercariamos produtos que dan beneficio a empresas multinacionais)…

Os valores do feminismo, solidarios e non agresivos, poderían ter unha repercusión positiva na natureza e en todos os ámbitos. A sororidade” (Andrea)"               

(Entrevista a Pilar García Negro, política e escritora; Andrea Jamardo, editora en Urco; Silvia Seixas, portavoz do BNG en Arteixo; e Eva Vieites, traballadora da Rede de Bibliotecas da Coruña, Erik Dobaño, Sermos Galiza, 23/11/17)

No hay comentarios: