12.11.18

Condenadas seis construtoras do AVE a pagar a un obreiro mil horas extra por xornadas de 12 horas seis días á semana... ese mesmo día da pasada semana rexistraba un novo falecido, o noveno desde que comezaron os traballos... Un xulgado de Verín ten aberta unha investigación penal por delitos contra os traballadores por eses falecementos...

"Seis empresas construtoras do AVE entre Ourense e a Meseta veñen de ser condenadas a pagar a un obreiro máis de 10.000 euros en concepto dunhas mil horas extra non aboadas durante dez meses nos que tivo xornadas de traballo de doce horas diarias, de oito da mañá a oito da tarde, cunha hora para comer, cinco e mesmo seis días á semana.

 A sentenza, do pasado día 10 deste mes de outubro, divúlgaa agora a CIG, para quen “explica a alta sinistralidade” das obras do AVE galego, que ese mesmo día da pasada semana rexistraba un novo falecido, o noveno desde que comezaron os traballos en 2001, seis deles desde 2013, cando se intensificaron na liña de conexión coa Meseta. Un xulgado de Verín ten aberta unha investigación penal por delitos contra os traballadores por eses falecementos.

A sentenza agora coñecida do xulgado do Social número 1 de Ourense condena á empresa Revestimientos Túneles y Encofrados SL, para a que traballaba o obreiro como oficial de segunda, pero tamén, de xeito solidario, ás outras construtoras que a subcontrataran a través da Unión Temporal de Empresas (UTE) Portocamba, que en 2012 se adxudicou o treito Campobecerros-Portocamba por 84 millóns de euros: Sacyr SA, Río Valle Construcción y Obra Pública SL, Cavosa Obras y Proyectos SA y Construcciones Mariano López Navarro SA. No xuízo só compareceu a propia UTE.

Segundo a sentenza, o traballador foi contratado en xullo de 2015 e prestou servizos ata decembro de 2017, pouco antes de que Adif dese por rematados os traballos dese treito en febreiro deste mesmo ano. O xuíz dá por probado que “realizou a seguinte xornada e horario: 1ª xornada de luns a venres en horario de 8 a 20 horas cunha hora para comer, 2ª xornada de luns a sábado en horario de 8 a 20 horas cunha hora para comer”.

 E calcula a continuación cantas desas horas superaron, ao longo de dez meses de traballo durante 2017, o que debera ser a xornada ordinaria máxima, concluíndo que foron arredor de mil horas extra, ás que engade vacacións non desfrutadas polo traballador, polo que cifra nun total de 10.793,35 euros a contía que as seis empresas teñen agora que aboarlle. (...)

Para a CIG a nova sentenza laboral, emitida o mesmo día no que morría o noveno traballador nas obras do AVE, “explica a alta sinistralidade nos treitos do AVE e o desleixo absoluto dos órganos de control de abusos do Estado para impedir este tipo de situacións”. Esa situación levou ao sindicato a presentar unha denuncia que provocou a apertura a principios deste ano dunha instrución penal nun xulgado de Verín por delito contra os traballadores. 

Agora, tras a última morte, que o sindicato pide que se incorpore á investigación xudicial, a CIG convoca concentracións de protesta este venres ás 12 horas na praza do Concello de Verín e ás 12.45 horas no treito da obra do túnel de Cerdedelo, en Laza, no que se rexistrou o último falecemento. (...)"              (David Reinero, Praza Pública)

No hay comentarios: