27.6.17

A presión social logra que se universalice o tratamento da hepatite C, pendente aínda de financiamento... os enfermos mortos teñen servido para algo

"O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron este mércores estender o tratamento da hepatite C con antivirais de acción directa aos pacientes menos graves, os de grao de fibrosis F0 e F1, polo que se universalizan os medicamentos logo de anos de loita por parte de diferentes colectivos. 
O acordo alcanzado no Consello Interterritorial de Saúde foi confirmado polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña, aínda que na xuntanza non se determinou aínda o que se cadra é o aspecto máis importante: como se van financiar os novos tratamentos para estes doentes.

Sexa como for, esta universalización dos medicamentos supón para a Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C (PGHC) e para todos os colectivos do Estado "unha nova conquista", tal e como asegura o seu portavoz, Quique Costas. 
A primeira foi a aprobación do plan estratéxico que entrou en vigor o 1 de abril de 2015 e que permitía que se tratasen todos os enfermos na fase 3 e 4. "Mantivemos a mobilización para que se puidesen tratar todos os pacientes e non só conseguimos iso, senón tamén que o plan se estendese no tempo", engade.

Refírese Costas á aprobación na xuntanza de ampliar o plan desde o 2018 no que estaba previsto que finalizase até 2020, tal e como confirmou Almuíña sobre un proxecto que, dixo, "serviu para curar unha porcentaxe moi importante de pacientes cunha enfermidade mortal". "Desde 2015 avanzamos en tratar os doentes máis graves e agora avanzamos co resto", asegurou o conselleiro, que cre que en tres anos se pode "ter erradicado o virus ou tratado todos os pacientes".

Pero as boas noticias deben confirmarse aínda e para que estes tratamentos se universalicen entre todos os doentes fai falta financialos. Tanto a ministra Dolors Montserrat como outros cargos do Ministerio adiantaran en comparecencias no Congreso un investimento de 200 millóns de euros para ampliación do plan, unha partida que, como lembra Quique Costas, "non está recollida nos Orzamentos Xerais do Estado". 
Na xuntanza do pasado mércores, segundo transcendeu, varios conselleiros de Sanidade autónomicas, tanto do PP como do PSOE, amosaron as súas dúbidas sobre a viabilidade do plan no caso de que non se acheguen cartos. "É un asunto que non está aclarado e que se debería aclarar axiña", di o voceiro da PGHC.

"O que nos toca agora é reclamar que haxa cartos, que os saquen de onde queiran pero que se saquen para que o acordo se cumpra efectivamente", engade Costas, que advirte de que, no caso de que non exista financiamento abondo, "pode ocorrer o mesmo que coa lei da dependencia, coa que se recoñeceu un dereito aos dependentes pero á que non se dotou". "Agora os pacientes teñen o dereito a ser tratados, pero hai que lograr que sexan tratados", di. (...)"           (Miguel Pardo, Praza Pública, 23/06/17)

No hay comentarios: