31.1.17

"Que é o que lle dá sentido e valor a unha cidade? As diferentes formas de vivir que nela existen, a poboación que alí vive, a que conserva a memoria do barrio"

"(...) O libro colectivo Cartografía de la Ciudad Capitalista (Grupo de Estudios Antropológicos La Corrala), publicado hai uns meses tras unha exitosa campaña de crowdfunding, analiza os procesos de transformación urbana recentes de nove cidades do Estado español: Barcelona, Tarragona, Mallorca, Valencia, Murcia, Madrid, Sevilla, Cádiz e Granada (en vindeiras edicións barállase a incorporación de análises sobre urbes galegas). 

Procesos nos que "a cidade deixa de planificarse como espazo para habitar e oriéntase máis á conformación dun produto, á creación dun obxecto de consumo non produtivo a través do desenvolvemento e a renovación urbana". A cidade como elemento de mercantilización e tamén como espazo dunha loita de clases. (...)

"O centro neurálxico do capitalismo xa non é o estado-nación, é a cidade, e a súa forma de transformarse é absorber os procesos de acumulación de riqueza que alí ocorren. A cidade xa non é un medio de produción, senón un produto en si mesma

Todos os procesos que conforman o capitalismo concéntranse alí, e por iso mesmo tamén é un elemento central para os movementos sociais: a cidade non é o urbanismo, senón que é ese marco no que se concentran todas as loitas, non só polos recursos, senón tamén pola capacidade de decidir o que ocorre nos nosos barrios", di. 

A cidade ordenouse sempre, desde as primeiras planificacións urbanas, de acordo aos intereses do poder económico e político. De igual xeito, Lefebvre concibía o urbanismo como unha ideoloxía ao servizo do poder e unha ferramenta de control da poboación. Pero, á vez, a cidade é o escenario primordial de loita política e de xeración de modelos alternativos. (...)

Unha idea que reitera Juan Rodríguez: "A experiencia recente amosa que os movementos se veñen concentrando en responder a eses procesos agresivos de transformación urbana, en resistir. Pero agora necesítase ir máis alá, proxectar esas loitas, non só resistir, senón tamén crear alternativas. Estamos nese proceso de transición, e penso que unha boa parte dos movementos sociais e colectivos se decataron desta necesidade de construír esa alternativa.

 Confluír, vertebrar, converxer, son conceptos que veñen soando dende mesmo antes do 15M, aínda que o 15M lle deu unha maior apertura e amplitude a este discurso. E aí están agora todas as experiencias municipalistas, que foron e son unha aposta electoral, pero tamén unha aposta de organización social". (...)

"Houbo sectores aos que a crise non lles afectou e que polo tanto nunca deixaron de ter unha gran dispoñibilidade económica. É inxenuo pensar que a crise económica freou a especulación urbanística ou que non se producen movementos estratéxicos", di. "Ou recualificacións do solo, pois isto non se trata só dun tema empresarial, senón que afecta tamén a todos os niveis da administración", engade. 

"Iso segue ocorrendo e é perigoso, porque moita xente pode estar desprevida e pode pensar que nun tempo así ese tipo de accións son menores. Cando o mercado está estancado lévanse a cabo todos os procedementos necesarios: a compra de terreos e as modificacións normativas. E cando volva a bonanza, o único que hai que facer é construír e vender", advirte.

 O libro analiza unha dinámica, que se reproduce en todos os lugares, de avance do privado fronte ao público: "podemos observar un proceso de privatización, tanto de edificios públicos reconvertidos en hoteis como de prazas (...) así como servizos de transporte, de recollida de lixos ou de abastecemento de augas, por pór algúns exemplos. 

Na cidade capitalista todo espazo é obxecto de ser rendibilizado". "O predominio da función de consumo sobre a de espazo de socialización fai que as rúas e prazas deixen progresivamente de ser entendidas como espazos fundamentais para o desenvolvemento da comunidade e véxanse unicamente como obxecto de explotación económica", engádese.

  "O público deslexitímase, preséntase como algo non rendible, e baixo esa lóxica promóvese que empresas privadas vaian asumindo máis e máis funcións e servizos. E iso afecta tamén ao espazo público, comenzado pola ocupación que levan a cabo as terrazas dos bares e restaurantes", explica Juan Rodríguez. (...)

Outro dos aspectos nos que afondan algúns capítulos do libro é no efecto que tivo a proliferación dun novo modelo baseado na instalación de megacentros comerciais nas aforas das cidades. Efectos que non só atinxen ao tecido comercial dos barrios, senón tamén aos hábitos de mobilidade e mesmo á construción de novas infraestruturas de conexión

O efecto é que se pasa "de concentrar nos barrios todo o comercio e servizos necesarios para facer habitable un determinado territorio (cidade compacta), a unha cidade na que case para calquera cousa que queiramos facer temos que desprazarnos, xeralmente en vehículo a motor, principalmente privado (cidade dispersa)". 

"A cidade dos centros comerciais presenta un modelo urbano rexido polo dominio do capital, onde se exacerban as tendencias globais cara á formación dun precariado urbano, a desregulación, a oligarquización dos usos do espazo e o tempo e a privatización da vida", sublíñase. (...)

Finalmente, no libro detállanse varios procesos de xentrificación que tiveron lugar ou están tendo lugar en cidades españolas, con ciclos de transformación urbana -sobre todo nos centros históricos- nos que os seus habitantes previos son progresivamente desprazados pola chegada de novos poboadores, dun nivel adquisitivo elevado, nun proceso no que se van encarecendo as propiedades e substituíndo o tecido comercial previo. (...)

A mercantilización da propia esencia da cidade, que implica o recurso do turismo, esténdese e en moitos casos convértese no único sentido da urbanización".

O libro complétase cunha serie de contidos que se poden consultar nunha web creada especificamente, na que se ofrecen vídeos con intervencións realizadas polo colectivo Left Hand Rotation para denunciar procesos de xentrificación en Bilbao, Xixón, São Paulo, Valencia e Rotterdam. (...)

"Que é o que lle dá sentido e valor a unha cidade? As diferentes formas de vivir que nela existen, a poboación que alí vive, a que conserva a memoria do barrio", salienta Juan Rodríguez, que engade que "as cidades non só son edificios, non só son decorados, as cidades créanas as súas xentes e as formas de relacionarse entre elas. Iso é o que crea esa singularidade". 

 "Con outro tipo de estratexias para crear singularidade ao final acaban parecéndose todos os lugares. Porque estas estratexias pasan por ter unha ponte de Calatrava, ter un Guggenheim ou un MACBA ou calquera elemento que hoxe está de moda pero que se cadra mañá xa non o estará. E a orixinalidade de cada cidade se terá perdido", conclúe."                (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 05/01/17)

No hay comentarios: