12.1.15

¿Por que chama a deflación á nosa porta e que suporía?

"O dado adiantado do IPC de decembro facilitado polo Instituto Nacional de Estatística era de -1,1, acumulando así seis meses consecutivos en índices negativos, 16 meses con valores cercanos ao 0 por cento e 8 valores negativos no 2014. 
Un conxunto de dados que apontan que o risco de deflación (baixada xeral e persistente no nivel de prezos de bens e servizos) está consolidado no Estado español. Ao que hai que engadir a queda da demanda na Eurozona. (...)

Mario Draghi recoñecía hai menos dunha semana que en Europa pende o risco de deflación, mais que este é limitado. E, engadía o presidente do Banco Central Europeo, o BCE estaría preparado para facer fronte á esa eventualidade. 
O Fondo Monetario Internacional alertaba hai uns meses do perigo de que o Estado español caese nunha “espiral” de deflación e a OCDE (que agrupa a 34 estados industrializados) suxería en novembro ao BCE que destinase até 700.000 millóns a mercar bonos públicos e escorrentar así risco de deflación. (...)

A deflación é un período longo e sostido de baixada de prezos, unha aparentemente boa nova mais que para sectores de economistas e analistas é unmperigo. Se ben un período así preserva o poder adquisitivo das rendas, dispara o valor das débedas e acrecenta o custo relativo dos intereses. Escenarios fatais para os actores endebedados, sexan estes familias, empresas ou estados.

Mais non é esta a única consecuencia negativa, insisten os partidarios desta análise: supón un freazo para o medre económico. O motivo: que @s consumidor@s tenden a retrasar as decisións de compra pois esperan que os prezos sexan aínda máis baixos. Xa que logo, a deflación supón un calexón sen saída para o emprego, entre outras consecuencias. (...)

J.A. Niete, que reflexionaba en Público sobre a deflación. “Se é pasaxeira non debería preocupar á maioría da poboación. E se ameaza con ser duradeira os gobernos terían que actuar para combatila con políticas públicas e instrumentos de política monetaria e fiscal”. O problema radica, para J.A Nieto, que en vista da actuación dos gobernos durante a crise prevé que serían “incapaces” de adoptar esas medidas. (...)

Para María José Landaburu, secretaria xeral de UATAE, faise preciso, expón en Tribuna, “mellorar as rendas, especialmente de pensionistas, asalariados e autónomos, e garantir o acceso ao crédito en mellores condicións, especialmente das pequenas unidades de produción e as familias, para apuntalar o medre da demanda e a economía, crear emprego e alcanzar uns prezos moderados aínda que positivos”. (A.V. Sermos Galiza, 09/01/2015)

No hay comentarios: