"(...) Pablo marchou da casa de Elviña por medo a que un día apareceran os do
Xulgado a botalos fóra. Xa non é titular de vivenda nin propietario,
pero concello séguelle reclamando atrasos no IBI. En marzo embargáronlle
327 euros da conta; en abril, 125 euros; este mes, 83 euros máis. Stop
Desafiuzamentos reuniuse coas concellarías de Xustiza Social e de
Facenda. Dixéronlle que era cousa do interventor, pero que mirarían o
caso.
O caso é que Pablo Roldán paga 333 euros polo alugueiro na
Zapateira máis gastos de luz e auga e ingresa unha pensión que non chega
ao 500 euros. A principios de xuño a plataforma presentou alegación por
rexistro recordando que esa conta é inembargábel, que os ingresos de
Pablo non chegan ao SMI. Non houbo resposta do Concello. Un portavoz de
Stop Desafiuzamentos elude valorar a actuación das concelleiras. “A
asemblea decidirá unha postura colectiva e que facer”.
Sandra Cotelo
A asemblea comeza con vinte persoas. A maioría
afectados. Logo irán chegando máis. Hai quen pensa que xunto ao caso de
Pablo Roldán hai que denunciar “outras cousas que pasan nos servizos
sociais”. Hai quen quere pasar a accións inmediatas “porque levamos tres
meses co de Pablo e seguen embargando”.
Outros din que se volva a falar
coas concelleiras, Silvia Cameán e Eugenia Vieito.
“Pero se nin se puxeron en contacto con nós”, explica unha das
activistas, “é un caso clarísimo dunhas persoas en situación de
vulnerabilidade e non os defenden. Dáme igual que nos utilice
politicamente a oposición ou os medios de comunicación. Eu teño claro
por que facemos isto. Eu entraría nos despachos e que se expliquen
publicamente. Se son as leis o problema, pois que as cambien”. (...)
Sandra Cotelo é unha veterana. O seu caso comezou cun préstamo que o Banco de Santander chamaba Hipoteca Tranquilidad.
Amortizaba só 0,77 euros e a cota ía primeiro a 450 euros, logo a 459,
despois a 468. Despedírona no verán do 2012.
Tiña unha prestación de 800
euros e seguiu pagando a hipoteca. Seguía sen traballo e solicitou a
dación en pago. En xuño 2014 deixou de pagar as cotas. Un ano despois o
banco iniciou o procedemento de execución. Ela tratou de negociar, pero o
único que recibiu, conta, foron ameazas do banco. Recorreu a avogados
da PAH de Donosti. Aludiron ás sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión
Europea (TXUE) sobre a nulidade das cláusulas de vencemento anticipado.
A finais do 2016 un xuíz da Coruña declarou nula esa cláusula no
contrato de Sandra pero determinou que o procedemento de execución debía
continuar. Stop Desafiuzamentos concentrou un cento de persoas diante
da Audiencia Provincial. Acudiron representantes do BNG (Ana Pontón), de En Marea (Antón Sánchez e Gómez-Reino), o alcalde Xulio Ferreiro e a concelleira Cameán, e o daquela portavoz municipal do PSOE, José Manuel Dapena.
“Se a oposición e os medios afíns a ela se aproveitan da nosa denuncia
polo caso de Pablo, que o fagan. E se cambia o goberno e volve o PP,
pois a próxima vez xa non teremos estas discusións”, di Sandra. O seu
caso segue na Audiencia, á espera de que se resolva unha pregunta que o
Supremo fixo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
A asemblea acorda enviar un aviso ao Concello esta
semana de que se non teñen resposta antes da terza feira, ese día
presentaranse nas oficinas das concelleiras para esixir información
sobre o caso de Guillermina e Pablo Roldán.
Encarna
Encarna é un nome suposto. A muller chegou tarde á
asemblea e pide permiso para saltar a quenda e contar o seu caso, un dos
que se presentan hoxe. “Vivín sempre da RISGA. Traballei para un
familiar, sempre sen asegurar. Morreu a miña nai e quedamos no piso. Eu
axudaba a pagar a metade da hipoteca. Pero el arruinouse e veume todo
enriba.
Pasaron os anos e un día veu un señor de Servihábitat e díxome
que tiña unha débeda de 12.000 euros. A seguinte comunicación chegou
tres anos despois. Unha carta. Din que nos botan o 2 de outubro. Menos
mal que o avogado se moveu porque era para antes”. A asemblea dille que
achegue toda a documentación que teña e que o seu caso podería entrar na
próxima negociación que teñan con La Caixa.
Andrés
Andrés tamén é nome suposto. É a primeira vez que
acode. Fala de pé, apresurado. “No 2008 Caixa Galicia comezou a rexeitar
os pagos da hipoteca da casa da familia. Eu era piloto en México. No
2010 eu xa regresara. A miña nai morreu. Fun co pai á oficina de
Monelos. Levabamos 120.000 euros para fechar a hipoteca. A casa estaba
na poxa.
Non avisaran. Non nos deron opción. A caixa quedou co piso, un
piso de 140 metros cadrados construído nos anos oitenta, por 30.000
euros. Seguimos na casa. Meu pai morreu hai cinco meses. Estabamos coa
irmá e a súa familia na mesma casa. Hai crianzas, claro. Negociamos a
través do despacho de Conchado coa entidade. Fixemos unha oferta de
recompra por 75.000 euros. Non houbo resposta.
A semana pasada sentín
ruído na porta e eran os do Xulgado. A min quitáronme por un brazo.
Déronme un número de teléfono do banco para pasar a recoller as cousas.
En principio dixéronme que me daría trinta minutos. Despois, que non,
que non podía entrar. Somos dunha familia que está a piques de recibir
unha herdanza de 30 millóns de euros. Iso sábeno no banco. Tiñamos xente
coñecida no banco. O avogado ten os papeis. Eu non. Estamos todos en
Palavea na casa doutro irmán”. A asemblea pídelle a Andrés toda a
documentación que poida conseguir e acorda que tratarán o caso coa
persoa de referencia habitual en Abanca.
Madalena e Pablo
Pablo F. é o que mantén contacto directo con Abanca.
Leva anos pelexando con eles. Informa das últimas xestións. El e
Madalena, a súa muller, tamén están pendentes da pregunta que debe
contestar o TXUE sobre as cláusulas de vencemento anticipado.
Mentres,
seguen tratando de negociar. “Non quero a dación, que é o que a eles
lles interesa. Eu pretendo unha quita. Pero dinme que non, que o código
de boas prácticas esixe esgotar antes a opción da reestruturación da
débeda, é dicir, outro crédito”. Tamén lle seguen a pista a súa
hipoteca. Presentaron unha demanda contra a entidade para que esta
recoñecese e achegase documentación a respecto da titulización do crédito. NCG Banco empaquetou
aquela hipoteca xunto con outras e colocounas nun fondo en setembro de
2011, explica Pablo.
“O fondo liquidouse en xaneiro do 2012 despois de
caer a cualificación do banco. E liquidouse por cen mil euros cando o
valor teórico era de 1.500 millóns. Eu considero que Abanca xa non é meu
lexítimo acredor, titulizou e vendeu a hipoteca, non? Iso lle digo a
Miguel Ángel Zas”. A asemblea propón que despois de varias reunións coa
entidade, é tempo de facer un acto de denuncia pública do caso.
Pablo conta que foi ao Concello a solicitar o
certificado de pobreza enerxética, que na Coruña dannos de un en un, que
unha vez o da luz, outra o da auga, e se precisas o do gas, tes que ir
outra vez. Pablo di que con ese certificado disporá de 24 meses para ir
pagando os recibos.
Alfonso
Alfonso tamén está afectado por unha cláusula de
vencemento anticipado. O seu caso irá con outros tres á próxima reunión
cos representantes do Santander. Informa das últimas xestións. Di que
non comprende por que debe ter tres avogados. Explícanlle que ten que
facer distintas denuncias. A súa historia complicouse porque a súa
parella, coa que compartía a hipoteca, desapareceu. Primeiro fora el o
que decidiu abandonar a casa.
“Pero un día chamoume a avogada dela e
dixo que quedara eu co piso. A min gustaríame saldar a débeda coa
dación”. Mais a lei non llo permite. Tería que asinar tamén ela. E
desapareceu hai anos. Pero el quedou coa débeda toda e non pode
desfacerse da vivenda.
Amal
O caso de Amal é o dos pais de Amal. Ela é a quen pon
a cara. A que fala diante dos xornalistas desde que hai uns meses
decidiran denunciar publicamente a situación. Fixeron concentracións na
Coruña, diante da sede do Popular nos Cantóns, a última a semana pasada,
e tamén unha manifestación en Sada na que sumaron a presenza de
representantes políticos.
Amal é enxeñeira de camiños, está casada, non ten fillos. Os pais
compraran un chalé en Sada, en Meirás, no ano 2005. Daquela tiñan unha
tenda de artigos de regalo en Sada, antes tivérana na Coruña e antes
dedicáranse á venda ambulante.
No 2005 os pais de Amal (prefire non dar
os nomes para evitarlle máis sufrimento ao pai, que está enfermo e non
está ao tanto do proceso e non quere que o descubra polos medios de
comunicación) tiñan uns cincuenta anos e pensaron que despois dunha vida
traballando, despois de ter criado tres fillos (Amal é a maior),
chegara o momento de ter unha vivenda propia (até ese ano sempre viviran
de alugueiro) e estabelecerse na contorna da Coruña onde levaban xa dez
anos.
O chalé ten dúas plantas, garaxe e un pequeno xardín.
Solicitaran unha hipoteca ao banco, o Pastor, e concedéronlla por uns
230.000 euros. “Tiñan aforros, os alugueiros complicábanse cada vez máis
e os tres fillos inda viviamos con eles, por iso pensaron que era o
momento”, conta Amal.
Chegou a crise, os ingresos do fogar comezaron a
minguar. No 2012 deixaron de pagar as cotas. A hipoteca contén unha
cláusula de vencemento anticipado. Unha cota sen cubrir e o banco pode
iniciar o procedemento de execución. “Houbo un cambio na oficina do
Pastor en Sada, veu un director de Madrid, Óscar Trelles.
Advertiulles que estaba acostumado a facer aquelas cousas, a botar
xente da casa se era preciso”. Amal conseguira unha beca e foi cos seus
aforros ao banco e fixo un ingreso de 4.000 euros para compensar parte
da débeda. “Nese momento arranxamos, eu estaba rematando a carreira e
xusto despois púxenme a traballar e esquecín o asunto”.
Tempo despois o pai contaríalle que os problemas para
facer fronte ás cotas seguiron. Que o director viña pola tenda deles a
buscar o pai. E chegou a convencelo de que o mellor era que asinase unha
novación. Foi no 2007.
Un crédito de 90.000 euros a maiores do que xa
lle concederan na hipoteca. O mesmo banco. Aquel crédito asinouno cunhas
condicións moi duras: sen cláusula teito e cunha cláusula chan de 6,5%.
O director do banco dixéralle que era o que tiña que facer se non
quería perder a casa. “Pasou a pagar uns 2.000 euros cada mes de
intereses sen que iso supuxera reducir a débeda”.
Cando o banco decidiu executar a hipoteca, os pais de
Amal atopáronse cunha débeda de case medio millón de euros. O banco
sostén que a débeda crecera até os 385.000 euros polo crédito e uns
100.000 euros máis “por gastos de xestión” (Amal non sabe precisar cales
foron).
Iso sucedeu no 2013. Amal xa vivía fóra da casa familiar. Os pais foron
recoller ao xulgado a notificación. “Decidiron calar, nin sabían que
tiñan dereito a defenderse”. Fecharon a tenda. Quedaran sen cartos para
renovar a mercancía.
Seguen na casa, pero esperando que un día os boten.
Os fillos xa se independizaron. Pero non teñen cartos para axudalos.
Fan o que poden. “Eu quedei sen vida. Desde o 2013 estou pendente dos
meus pais, de todo o proceso, meu marido bota unha man porque menos mal
que el ten traballo. Pero a nós tamén nos torceu a vida cando estabamos
comezando”, di Amal.
No 2013, cando lles chegou a denuncia do banco, a
casa foi taxada en 580.000 euros. A poxa de vivenda declarouse deserta e
o Pastor, daquela xa en proceso de absorción polo Popular, quedou co
chalé por 60% do valor de taxación. Un negocio redondo para o balanzo da
entidade. Os pais quedaran sen ningunha fonte de ingresos.
Non tiñan
dereito a RAI e empezaron a tramitar a RISGA. “Meus pais non se atrevían
a facer nada. Nin sequera acudiron á poxa. Penso que el sentíase
culpable. Fante dubidar respecto do que é xusto, do correcto. Hoxe non
dubido. Teño claro que non vou deixar que fiquen na rúa. Meus pais teñen
sorte porque teñen alguén en que apoiarse. Vexo outros casos en Stop
Desafiuzamentos. Meus pais non pasan fame. Pero viviron todos estes anos
angustiados esperando que chegara a carta de despexo”.
O 12 de maio de 2017 chegou a orde de despexo.
Falaron cos servizos sociais do Concello. Cando lles chegou a orde de
despexo, aconselláronlles acudir á Xunta na procura dun alugueiro social
a través do IGVS (Instituto Galego da Vivenda e o Solo). A data do
lanzamento estaba fixada para o 9 de xuño.
Menos dun mes. Movéronse. O
Colexio de Avogados da Coruña axilizou os trámites. O 25 de maio
conseguiron un avogado de oficio. O 26 de maio presentaron a solicitude
de moratoria. O 3 de xuño Xulgado de Instrución nº 3 de Betanzos
concedeulle ao banco cinco días para presentar alegacións. Os avogados
da familia de Amal presentaron entón unha solicitude de suspensión do
lanzamento.
O Xulgado parou o despexo. Mais emitiu un auto no que
asume as alegacións do banco a respecto de que os pais de Amal non
están en situación vulnerable. O xuíz non entrou no fondo e repetiu a
tese da entidade. Os pais de Amal non teñen traballo, ningún dos dous;
non reciben prestacións, non teñen fontes de ingresos, non teñen ningún
ben (xa perderon a propiedade da casa), o pai sofre unha enfermidade
rara e tramita a concesión dunha invalidez. Malia todo, o xuíz sostén
que non hai razóns para unha moratoria no proceso porque non están en
situación de vulnerabilidade.
Agora están pendentes do TXUE mentres reclaman a
moratoria na Audiencia Provincial. “Na hipoteca deles hai cláusula chan,
hai cláusula de vencemento anticipado, hai un abuso na capitalización
dos intereses ou na cláusula de 360 día por culpa da cal pagan máis en
intereses… E está na man do xuíz actuar contra eses abusos. Pero até o
momento sempre favoreceu o banco”. Os pais de Amal chegaron a pagar case
200.000 da débeda, pero seguen debendo case medio millón.
Hai dúas semanas, a principios de mes, recibiron
outra notificación con outra data, o 14 de setembro serán desaloxados.
“Espero que tres xuíces vexan máis que un”, di Amal en referencia ao
proceso na Audiencia, “cando menos nos concedan a moratoria, que meus
pais poidan vivir un tempo con tranquilidade na casa, e buscar
solucións”. (Sermos Galiza, 28/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario