27.3.18

A Fiscalía denuncia a Xunta pola morte dunha muller nos corredores de Urxencias do CHUS. "Morre un doente grave cada ano" de media nos corredores agardando a ser atendido

"A Fiscalía denuncia a Xunta por un presunto delito de homicidio imprudente logo do falecemento dunha muller nos corredores do Hospital Clínico de Santiago tras acudir a Urxencias. 

Advírteo o sindicato CESM-Omega, que foi informado a pasada semana nos xulgados de Santiago da presentación da demanda contra a Administración o 31 de xaneiro e cuxa notificación oficial non posúe aínda, presumiblemente, pola folga do persoal de Xustiza encargado de tramitar este tipo de expedientes. 

Adiantouno en Radio Galicia a representante de CESM-Omega e médica de Urxencias en Compostela, Fátima Nercellas, que o confirmou posteriormente a Praza.gal. Hai un ano, esta delegada sindical puxo en coñecemento da Fiscalía un terceiro falecemento nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico, acontecido en febreiro de 2017. 

Logo de preguntar varias veces polo resultado do proceso, a pasada semana foi informada nos xulgados de que o Ministerio Fiscal "pechara o expediente cunha denuncia o último día de xaneiro no xulgado de garda de Santiago". Segundo os funcionarios que lle facilitaron a información, a Fiscalía ve indicios de delito no caso. 

Refírese ao caso dunha muller de avanzada idade á que "tardaron tempo en atender" no hospital e de cuxa morte se decataron os traballadores médicos no momento de ser asistida. Logo de analizar os feitos e falar con varias testemuñas, o Ministerio Fiscal decidiu presentar a demanda, polo que será agora o xulgado correspondente o que determine se houbo ouu non neglixencia ou deficiencia na atención a esta persoa.  (...)

"É a terceira morta que hai nos últimos anos", destaca Fátima Nercellas, que asegura que "morre un doente grave cada ano" de media nos corredores do CHUS agardando a ser atendido. A representante de CESM-Omega adiantou esta denuncia en resposta ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, que negou tamén en Radio Galicia que se produzan "colapsos" nas urxencias hospitalarias, onde só admitiu "enlentecemento da atención dos pacientes menos graves".

Nercellas lembra que este último caso que acaba no xulgado é o terceiro falecemento que denuncia na Fiscalía e que no segundo deles o Ministerio Fiscal advertiulle que os médicos "non tiñan responsabilidade penal" na morte e que non era a súa misión "entrar a xulgar o mal funcionamento dos servizos públicos". No terceiro caso, si ve indicios de delito e envía o caso aos xulgados. 

O que agora se investiga lembra á denuncia na que a Ficalía acusara a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", un caso que acabou nos xulgados, polos que seguen a pasar testemuñas para prestar declaración. Son investigados neste proceso o ex-director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez -actual xerente da área sanitaria de Vigo-, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo."                 (Miguel Pardo, Praza Pública, 26/03/18)

No hay comentarios: