"Aínda que a maioría das persoas que acoden a rehabilitarse inícianse nas
máquinas comecartos e, en menor medida, na ruleta electrónica, a
importancia das apostas “aumenta con rapidez e importancia”.
Tan só unha
ollada a moitos barrios das cidades galegas dá conta da expansión destas casas de apostas deportivas. Desde 2017, advirte Agalure, o cambio é “moi significativo” e o xogo online de apostas deportivas xa son “o principal atractivo dos ludómanos, seguíndolle moi de preto o póker”.
Hai 160 salóns de apostas en funcionamento ou en trámite en Galicia e
case 4.000 terminais, entre as destes espazos e as dos bares. Con todo,
o problema é común e global no Estado, por moito que a difusión masiva
en redes sociais dun mapa de España sobre a presenza destes locais
fixese crer que a súa expansión era moito maior en territorio galego.
Non é así. O plano amosa só os establecementos da marca Codere que, ao
aliarse hai anos coa empresa galega Comar, tiña unha lóxica maior
implantación.
Agalure lémbralles ás administracións públicas que "de forma habitual e constante" incúmprense normas por parte dos negocios,
como non identificar as persoas que solicitan autoprohibición nas casas
de xogo ou máquinas recreativas, ou non facelo tampouco con "menores de
idade que entran nos establecementos ou locais de hotelería". Así,
solicita "medidas de control de accesos, sinxelas de poñer en marca e
pouco custosas".
A estes "incumprimentos", a entidade engade "a
propaganda abusiva en medios de comunicación, malia que é un feito que o
xogo é unha actividade que xera graves problemas na sociedade, igual
que o alcohol e o tabaco, publicidade agora moito máis regualda logo de
anos de constantes denuncias".
Esta expansión de locais de apostas supón un problema engadido a unha situación que vai máis aló.
A persoa máis nova atendida por Agalure tiña 11 anos e unha débeda de case 2.000 euros
tras “engancharse compulsivamente aos videoxogos” e realizar a través
deles numerosas compras. Desde o ano 2016, a débeda total acumulada dos
xogadores diagnosticados por Agalure achégase aos dez millóns de euros e
os problemas son con entidades de préstamos rápidos, pero tamén coas
empresas onde traballan ou coa súa propia familia, na que “se producen
apropiacións de cartos”, o que provoca tamén denuncias e problemas de
tipo legal. No último lustro, o maior débido dun afectado alcanzou o medio millón de euros; a segunda maior, 250.000.
O problema, ademais, é maioritariamente masculino. O 89% dos casos
rexistrados en Agalure – un total de 434 pediron diagnóstico e foron
recoñecidas con algún grao de ludomanía en cinco anos – foron de homes.
“A cifra non pode facernos concluír que as mulleres non teñen problemas
co xogo xa que, por vergonza, acoden menos cós homes a solicitar
diagnóstico e solicitar un tratamento”, explica a entidade.
Por
outra banda, a maioría das persoas atendidas por problemas co xogo teñen
emprego fixo, o 29%, sendo eventuais o 24%; parados, o 21% e mesmo
pensionistas e xubilados, que alcanza o 9% dos afectados. Tampouco o
nivel de estudos fai diferenzas: un de cada catro rematou, como mínimo, a
ESO e o 19% son universitarios. Tan só o 17% teñen estudos primarios; o
17%, formación en Bacharelato; o 14%, FP, o 13%; e o 11%, estudos
medios.
Agalure lembra, tamén, que o 85% dos casos tratados logran saír
da ludomanía e ter unha vida “sen que o xogo volva interferir no seu
desenvolvemento persoal”. Con todo, advirte de que unha persoa
ludómana convive co problema “toda a vida”, polo que “unha vez
rehabilitada ten que seguir unhas pautas de comportamento para evitar as
recaídas” e precisa da colaboración da súa contorna. No plan
individualizado que traza a entidade traballa un equipo multidisciplinar
composto por un psicólogo clínico, educadores sociais, equipo xurídico e
grupo de apoio terapéutico. (...)" (Miguel Pardo, Praza Pública, 24/05/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario