"Catro mil vivendas son moitas ou poucas? Como practicamente toda cifra: depende. En cifras redondas son as que continúan en mans dos bancos e outras entidades financeiras e están baleiras en Galicia, segundo os datos do censo oficial da Xunta aos que Praza.gal puido acceder ao abeiro da Lei de Transparencia tras evitar o Goberno galego entregalos ao Parlamento. E supón un volume practicamente idéntico ao de pisos de promoción pública que a Xunta asegura estar en condicións de construír nesta lexislatura.
Concretamente, as cifras do censo indican un total de 4.081 vivendas baleiras propiedade de bancos en 130 concellos. E a Consellería de Vivenda asegura que as promocións de pisos públicos que xa ten "en execución" -termo que engloba dende os trámites previos ata a construción propiamente dita- son xa algo "máis de 4.000". Coas obvias diferenzas en canto ás localidades en que se atopan unhas e outras.
(...) máis da metade desas 4.081 vivendas baleiras nas mans da banca son titularidade da Sareb, o banco malo constituído polo Goberno de España en colaboración co sector financeiro durante a gran recesión para absorber activos inmobiliarios tóxicos das caixas de aforro rescatadas -entre eles, 5.000 millóns en bens procedentes de Caixa Galicia e Caixanova-. Daquela, a priori, serían susceptibles, polas últimas reformas promovidas polo Goberno de España, de integrárense na Entidade Estatal de Vivenda Casa 47, creada polo Executivo para centralizar a súa política de vivenda pública e favorecer promocións de alugueiro protexido.
Por tras da Sareb destaca como segundo gran banco propietario de vivendas baleiras en Galicia o Santander, con 600. O resto distribúense en volumes moi inferiores entre máis dunha trintena de empresas, de bancos a fondos de investimento inmobiliario. A presenza de Abanca entre eles é residual (24 vivendas a nome de Abanca Corporación Bancaria e 49 nas mans da súa división inmobiliaria) precisamente porque o groso dos activos tóxicos pasaron á Sareb antes da compra de Novagalicia Banco polo venezolano Banesco.
Moitas máis que as promovidas nas lexislaturas de Feijóo
Pero, de volta na pregunta inicial: son moitas ou poucas? En comparación coas vivendas protexidas en xeral -e de promoción pública en particular- nas últimas lexislaturas, son un volume moi considerable. Así, por exemplo, na pasada lexislatura galega -a da dimisión de Alberto Núñez Feijóo como presidente- quedaron rematadas en Galicia apenas 281 vivendas. Na anterior (a saída das eleccións de 2016) foran poucas máis, 337. E na previa, a iniciada cos comicios de 2012, quedaran en 622.
Hai que remontarse á primeira lexislatura con Feijóo na Xunta para atopar unha cifra de vivendas protexidas máis avultada. Fundamentalmente por proxectos herdados do Goberno de coalición PSdeG-BNG, naquel período de 2009 a 2012 finalizáranse algo máis de 6.000 pisos protexidos. No mandato de socialistas e nacionalistas, entre proxectos propios e provenientes do fraguismo, foran máis de 12.000. Durante todas as lexislaturas dos anos 90, con Fraga na Xunta, tamén se superaran as 10.000 por mandato.
O groso das vivendas protexidas erguidas ao longo da autonomía van ir perdendo paulatinamente esa condición, dado que -en función da normativa vixente en cada momento-, van ficando sen restricións para seren compradas e vendidas sen prezo taxado nin ter que dirixirse a poboación inscrita no Rexistro de Demandantes da Xunta. Como informou Praza.gal a partir dunha ampla investigación de Civio, de aquí a 2030 Galicia vai perder algo máis de 35.000 vivendas protexidas, polo que tanto as baleiras nas mans dos bancos como as de promoción pública proxectadas pola Xunta non compensarían, nin de lonxe, esa perda.
Catro mil vivendas tampouco son moitas en comparación con outro indicador clave: a demanda de vivenda protexida. Alimentado polos anuncios desas catro mil vivendas de promoción pública -e do desenvolvemento de solo residencial en diversas localidades para outras 20.000 protexidas-, o Rexistro de Demandantes vén batendo sucesivos récords e, no momento da redacción desta información, o 2 de xullo de 2026, xa tiña inscritas case 34.400 peticións.
Hai apenas un ano eran pouco máis de 22.000, o que sitúa por riba do 50% o crecemento interanual dunha demanda que 4.000 vivendas apenas cubrirían. Non en van, 4.000 vivendas equivalen a apenas o 12% das inscricións no rexistro de demandantes de vivenda protexida."
(David Lombao , Praza Gal, 03/07/26, gráficos no orixinal)
No hay comentarios:
Publicar un comentario