15.6.14

Unha nai en paro e a punto de ser botada da casa crea a Plataforma Stop Desafiuzamentos Costa da Morte

"Este mércores estaba convocado o primeiro escrache da Costa da Morte. Finalmente, suspendeuse tras un acordo in extremis da afectada co banco.
O pasado ano catro familias de Cee e Laxe estaban en proceso de expulsión das súas casas. Hoxe os casos son moitos máis. Un ano despois, e tras moitas negociacións, e moita visibilidade por parte das plataformas Stop Desaucios Compostela, Stop Desafiuzamentos Lugo e Stop Desahucios Coruña, a chispa prendeu.
Precisamente coa visibilidade xoga Dolores Rodríguez, nai en paro, que está loitando por manter a súa casa. Está formando ademais a Plataforma Desafiuzamentos Costa da Morte, coa intención de que “a xente saiba o que hai”. Ela leva 5 anos negociando co banco, con ata 8 suspensións das negociacións, pero “o que parecía imposible foise conseguindo”, asegura.
 “Estamos chegando ao punto e final, que debería ser a suspensión da subasta programada para o vindeiro luns 16 de xuño, unha dación en pago, un alugueiro social e a posibilidade dunha posible recompra.
 Esas son as miñas condicións, e se non, sairá á voz pública, polo que se hoxe non chega unha carta firmada do banco comprometéndose con estas condicións, o escrache sairá á rúa”, denuncia Rodríguez, que nos conta como finalmente ese acordo do banco chegou arredor das 10:30h e o escrache puido ser suspendido.
A loita segue en marcha, pois son varias as familias afectadas, que aínda non queren utilizar a voz pública que, como vemos, neste caso funcionou, para defender o dereito á vivenda e a un medio de vida."                   (Galicia Confidencial, 11/06/2014)

No hay comentarios: