7.3.19

O español, un dos Estados da UE onde peor se trata aos traballadores, despois de Rumanía e Grecia

"Tanto ten que o indicador analizado sexa o salario como que sexan as condicións de traballo, as formas de emprego e seguridade laboral ou o equilibrio entre o traballo e a propia vida. O Estado español suspende en todos eles con rotundidade. De feito, entre os 28 Estados da Unión Europea só outros dous, Romanía e Grecia, presentan peores rexistros que o Español.

O boletín de saúde da Confederación Intersindical Galega do mes de decembro dá conta de dous estudos, o 'Bad Jobs” recovery? European Job Quality Index 2005-2015' do European Trade Union Institute e a 'VI Enquisa europea sobre condicións de traballo' impulsada por Eurofound. Ambos os dous toman o pulso á calidade do emprego en Europa. “O resultado pódese considerar como realmente demoledor para o Estado español”, conclúen desde o sindicato nacionalista.

Na documentada análise de 'Bad Jobs' debullan polo miúdo seis indicadores: salarios, formas de emprego e seguridade laboral, tempo de traballo e equilibrio traballo-vida, condicións de traballo, habilidades e desenvolvemento da carreira laboral e representación sindical.
Nunha escala de puntuación que o informe estabelece entre o valor 1 (a máis baixa posíbel) e o valor 10 (a máis alta), o Estado español recibe logo de analizados todos os indicadores un 3.(...)

Tempo de traballo e equilibrio traballo-vida

Embora ter o Estado español un dos máis elevados niveis de desemprego de toda a UE, tamén rexistra unha das maiores porcentaxes de horas extras realizadas, e isto a pesar de que non se computan gran parte desas horas.

“As longas e interminábeis xornadas de traballo con multitude de horas extras non pagadas, forma […] parte dunha situación “normalizada” que destrúe a xustiza laboral e imposibilita a máis mínima posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar. Situación esta de especial gravidade no caso das mulleres traballadoras”, indícase no mencionado boletín elaborado polo Gabiente Técnico Confederal de Saúde da CIG.

Salarios

En relación ao factor “pobreza laboral”, o Estado español, logo de Romanía e Grecia, tamén ten a maior porcentaxe de traballadores e traballadoras pobres de toda a UE. No que atinxe a Galiza, lembremos que un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo. O de ingresos inferiores á metade do SMI, supón 18% das persoas asalariadas no noso país. Máis de 302.000  traballadores menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego."               (Sermos Galiza, 07/03/19)

No hay comentarios: