27.8.26

Trama hidrocarburos: Interpol detén Alejandro Hamlyn, líder da empresa que dirixiu un alto cargo de Alfonso Rueda... Hafesa Enerxía, a empresa do detido Alejandro Hamlyn, foi dirixida por Norberto Uzal, que tivo responsabilidade na Xunta da Galiza cando Feixoo era presidente e Rueda conselleiro de Presidencia... Uzal foi director xeral de Administración local entre 2009 e 2013 (Nós)

"Interpol detivo en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos) ao empresario Alejandro Hamlyn, cuxa compañía Hafesa foi declarada culpábel nun xuízo por fraude de hidrocarburos realizado na Audiencia Nacional e ao que el non se presentou ao estar fuxido. Aliás, Hamlyn está vinculado a ex militante do PSOE Leire Díez, peza chave nunha presunta trama para desbaratar causas xudiciais que afectasen os socialistas e ao Goberno estatal. Segundo confirmaron fontes policiais, a detención levouse a cabo esta segunda feira e principiaron os trámites para a extradición, un proceso que se dilatará uns meses.

Doutra parte, fontes xudiciais indicaron que o empresario tiña unha petición de extradición da Sección Cuarta da Audiencia Nacional pola causa de hidrocarburos por mor da súa non comparecencia no xuízo, a cal estaba cursada e pendente da súa detención.

O nome de Hamlyn adquiriu notoriedade despois de transcender uns audios dunha reunión por videoconferencia na que o empresario participou desde Dubai (Emiratos Árabes Unidos) con Leire Díez, na que a ex militante falaba de solicitar probas contra a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil e o fiscal José Grinda.

Naquel encontro, o empresario vasco ofreceuse a facilitar información comprometedora contra a UCO e, a cambio, Díez falou de favores xudiciais a cambio, de acordo aos audios filtrados. Con todo, ambos negaron con posterioridade eses dous extremos.

Os audios desta reunión foron a orixe da primeira causa do 'caso Leire Díez' nos xulgados de Praza de Castela (Madrid), na que o maxistrado Arturo Zamarriego imputou a ex militante, o empresario Javier Pérez Dolset e o xornalista Pere Rusiñol como presuntos autores de delitos de suborno e tráfico de influencias.

Aliás, a Audiencia Nacional condenou o pasado novembro a compañía Hafesa Enerxía e a 14 persoas con penas de cárcere por unha fraude fiscal en concepto de IVE de hidrocarburos de 154 millóns de euros entre 2016 e 2019.

Entre os condenados está Norberto Uzal, entón director xeral da compañía e quen, antes do seu paso ao sector privado, tivo responsabilidades na Xunta da Galiza. En concreto, cando o agora líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, dirixía o Goberno galego, e o actual presidente galego, Alfonso Rueda, era conselleiro de Presidencia, Uzal foi director xeral de Administración local entre 2009 e 2013."

(NósDiario, 26/08/26)

No hay comentarios: