20.6.12

O rescate consiste en converter o conxunto da débeda do país, da que unha parte moi importante é débeda privada, en débeda pública. A débeda externa pública supoñía o 25,78% do total. O resto, o 74,22%, é débeda privada

"Os acredores exteriores son os primeiros interesados en que se rescate o país, pois deste xeito aseguran o reintegro dos seus préstamos, independentemente de que eses préstamos fosen concedidos ás administracións públicas, aos bancos, ás empresas ou ás familias dese país. É por iso que son os grandes acredores os máis interesados en que se produza o rescate.


A liquidez que chega co rescate dedícase a saldar esas débedas existentes e a nova débeda que o país asume como consecuencia do rescate, fálase de que España necesitará 600.000 millóns de euros, xa convertida en débeda pública tocaralle devolvela, co tempo, ao conxunto da cidadanía. Con outras palabras, o rescate consiste en converter o conxunto da débeda do país, da que unha parte moi importante é débeda privada, en débeda pública. 

Para o caso de España (gráfico 1), a débeda externa bruta da economía española ascendía o 31 de decembro de 2011 -último dato publicado polo Banco de España- a 1.775.187 millóns de euros, que equivale ao 165,38% do PIB (en 2011 o PIB ascendeu a 1.073.383 millóns de euros). A débeda externa pública (administracións públicas + autoridade monetaria) supoñía o 25,78% do total (457.659 millóns de euros). 


O resto, o 74,22%, é débeda privada. Bancos e outras institucións financeiras, 716.442 millóns de euros, o 40,36% do total. Outros sectores residentes (familias e empresas) 422.729, o 23,82%. Inversión directa 178.357, o 10,04%.


Así pois, a débeda externa pública supón o 42,64% do PIB. Elevada, pois medrou moito nos últimos tempos, como se sabe, pero sostible e que a pouco que se recupere a economía podería ser amortizada sen problemas. O verdadeiro problema é a débeda externa privada, como diciamos o 74,22% do total, fundamentalmente a dos bancos que, por si sola, representa o 40,36% do total. (...)

Por dicilo con poucas palabras, entón, o rescate de España sería en realidade o rescate dos seus acredores, que son principalmente bancos europeos, e virá provocado non pola débeda pública senón pola débeda externa privada que acumulan as familias, as empresas e os bancos."         (A furada do trasno, 19/06/2012)

No hay comentarios: