21.12.25

O caso Epstein é o caso da democracia estadounidense... Unha imaxe de Bill Clinton introducido nun jacuzzi en compañía doutra persoa co rostro tapado ocupa hoxe a atención internacional. Porén, o ex presidente estadounidense non é mais cun actor nun caso que explica as lóxicas de poder mundial e aclara a natureza do modelo estadounidense... As prácticas e o operativo de Epstein eran coñecidas desde comezos de século. Neste sentido, non foi un monstro illado senón o síntoma máis visíbel dun sistema onde as elites económicas e políticas constrúen impunidade ao redor dos seus crimes... Epstein é a expresión da calidade democrática de Estados Unidos (Nós)

 "A cara de Bill Clinton repítese na publicación parcial dos papeis de Jeffrey Epstein divulgados na xornada de onte polo Departamento de Xustiza de Estados Unidas. Unhas veces só e a maioría acompañado, as imaxes do ex presidente estadounidense achegan un retrato aproximado do mundo do magnate acusado de pederastia morto no cárcere en estrañas circunstancias en 2019.

Clinton é só un dos moitos nomes de artistas, empresarios e estadistas que aparecen fotografados nos fondos de Epstein e que partillan entre eles a súa influencia social e a súa gran capacidade económica. Algúns deles, son xentes destacadas da nobreza, como Andrés de Inglaterra, dirixentes políticos como Donald Trump e empresarios como Bill Gates, Jamie Dimon, director executivo de JP Morgan ou Leon Black, fundador de Apollo Global Management.

Unha historia vella

As prácticas e o operativo de Epstein eran coñecidas desde comezos de século. Neste sentido, non foi un monstro illado senón o síntoma máis visíbel dun sistema onde as elites económicas e políticas constrúen impunidade ao redor dos seus crimes. A súa figura converteuse nun nodo útil para unir diñeiro, chantaxe e tráfico sexual, até o punto de existir en Estados Unidos unha amnistía informal que protexe aos magnates e políticos que se beneficiaron da súa rede.  

O caso Epstein non é so a historia de centos de depredadores sexuais, é o mapa da estrutura do poder. Unha estrutura do poder en cuxa cima se sitúa nas formación sociais capitalistas o diñeiro, capaz de compralo todo, violentando aos débiles e axeonllando a unhas institucións formalmente obrigadas a garantir a igualdade, mais que na práctica son un instrumento dos poderosos para manter os seus privilexios. Epstein só é posíbel en sociedades como estas.

O poder económico e político

Jeffrey Epstein liga o poder económico e político. As rigorosas investigacións de medios independentes non abonados ao amarelismo e as teorías da conspiración como Drop Site e Reason permite comprender a relación de Epstein coa elite do capital e da política exterior de Estados Unidos. Tanto é así, que a súa figura non se explica sen as conexións coa familia Rockefeller e a Trilateral, á que achegou grandes donativos.

Un dos grandes especialistas no conglomerado de Epstein, o recoñecido xornalista canadense Jeet Heer afirmou que "era, máis ben, un broker do poder, un oligarca estadounidense que desempeñou un papel fundamental na configuración da política occidental, o que lle permitiu estabelecer contactos con diplomáticos e axencias de espionaxe".

Heer apuntou que "os vínculos de Epstein coa intelixencia de Estados Unidos seguen sendo nebulosos, pero resulta difícil de crer que un cidadán estadounidense puidese participar en labores diplomáticos de tan alto nivel, que implican contacto con potencias estranxeiras, sen o coñecemento e o apoio tácito do aparello de seguridade nacional de Estados Unidos".

As redes sionistas

Os contactos de Epstein coas redes de poder sionista e co Mossad están fóra de toda dúbida. Neste punto, son moitos os analistas que pensan que o material acumulado por Epstein durante décadas puido ser empregado pola intelixencia do Estado de Israel para chantaxear e controlar a diferentes dirixentes mundiais, maiormente estadounidenses.

Un dos socios máis duradeiros de Epstein foi o antigo ministro israelí Ehud Barak, a quen unha das vítimas da rede de pederastia, Virginia Giuffre parece citar como autor dunha violación nunha das festas organizadas polo oligarca estadounidense. Supostamente, tamén, facía parte do Mossad a súa ex parella e colaboradora actualmente encarcerada, Ghislaine Maxwell.

Epstein é a expresión da calidade democrática de Estados Unidos. O seu operativo explica a lóxica de funcionamento das formacións sociais capitalistas e a súa dialéctica de poder real. Neste sentido, Epstein e Clinton non son máis que peóns que se sacrifican cando non interesan ou xa non son necesarios, como no xadrez, para lograr unha vantaxe no taboleiro." 

(Nós, 20/12/25

No hay comentarios: