"Tanto ten que o indicador analizado sexa o salario como que sexan as
condicións de traballo, as formas de emprego e seguridade laboral ou o
equilibrio entre o traballo e a propia vida. O Estado español suspende en todos eles con rotundidade. De feito, entre os 28 Estados da Unión Europea só outros dous, Romanía e Grecia, presentan peores rexistros que o Español.
O boletín de saúde da Confederación Intersindical Galega do mes de decembro dá conta de dous estudos, o 'Bad Jobs” recovery? European Job Quality Index 2005-2015' do European Trade Union Institute e a 'VI Enquisa europea sobre condicións de traballo' impulsada por Eurofound.
Ambos os dous toman o pulso á calidade do emprego en Europa. “O
resultado pódese considerar como realmente demoledor para o Estado
español”, conclúen desde o sindicato nacionalista.
Na documentada análise de 'Bad Jobs' debullan polo miúdo seis indicadores:
salarios, formas de emprego e seguridade laboral, tempo de traballo e
equilibrio traballo-vida, condicións de traballo, habilidades e
desenvolvemento da carreira laboral e representación sindical.
Nunha escala de puntuación que o informe estabelece entre o valor 1
(a máis baixa posíbel) e o valor 10 (a máis alta), o Estado español
recibe logo de analizados todos os indicadores un 3.(...)
Tempo de traballo e equilibrio traballo-vida
Embora ter o Estado español un dos máis elevados niveis de desemprego de toda a UE, tamén rexistra unha das maiores porcentaxes de horas extras realizadas, e isto a pesar de que non se computan gran parte desas horas.
“As longas e interminábeis xornadas de traballo con multitude de
horas extras non pagadas, forma […] parte dunha situación “normalizada”
que destrúe a xustiza laboral e imposibilita a máis mínima posibilidade
de conciliar a vida laboral e familiar. Situación esta de especial
gravidade no caso das mulleres traballadoras”, indícase no mencionado
boletín elaborado polo Gabiente Técnico Confederal de Saúde da CIG.
Salarios
En relación ao factor “pobreza laboral”, o Estado
español, logo de Romanía e Grecia, tamén ten a maior porcentaxe de
traballadores e traballadoras pobres de toda a UE. No que atinxe a
Galiza, lembremos que un terzo dos traballadores galegos ingresa como máximo o salario mínimo. O
de ingresos inferiores á metade do SMI, supón 18% das persoas
asalariadas no noso país. Máis de 302.000 traballadores menores de 36
anos non acadan o salario medio anual galego." (Sermos Galiza, 07/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario