"Dende que empezou o confinamento polo coronavirus
notei varias cousas no entorno que me rodea. Na miña rúa do centro de
Vigo as gaivotas, despois duns primeiros día de loucura colectiva,
desapareceron. Ás veces óioas de fondo, pero xa non as vexo.
A rúa tamén cheira mellor
(resulta que teño unhas laranxeiras que dan fragrancia, quen o diría) e
o ruído insistente dos coches –e da xente que berra polas noites–
desapareceu.
Todo isto fai que desapareceran moitos dos elementos que formaban parte da banda sonora da cidade
e que apareceran outros. Agora escoito paxaros que pían, aínda que non
sei moi ben onde así que asumo que o fan nalgunha arbore.
En Valencia botaron as contas e xa se poden escoitar sen problemas dende as ventás entre 30 e 40 especies de aves distintas.
No meu caso, tamén logro escoitar un reloxo que dá as horas e que non
se oe de forma habitual e algúns outros sons que na normalidade quedan
sepultados polos ruídos da cidade.
Que
os sons das cidades cambiaron é incuestionable, máis alá da experiencia
propia. As zonas ruidosas e insoportables quedaron en silencio e moitos
dos elementos sonoros que pasaban desapercibidos son agora
completamente identificables. Unha empresa de enxeñería acústica,
Audiotec, acaba de facer unha estimación de como cambiou o noso entorno
sonoro. Segundo as súas estimacións, se comparásemos os mapas acústicos
previos (nos que o 30% da xente vive sometida a ruídos excesivos) cos
destes días, os niveis de ruído caerían en 10 decibelios. A redución sonora é do 80%.
Mesmo, aseguran, comparando o antes e o despois veríase que a contaminación acústica urbana desaparece.
Estes
cambios non se ven só nesta área. Os sismólogos están sinalando que o
ruído sísmico, as vibracións que causa a actividade humana, é moito máis
baixo do normal. Como lle di un experto á BBC,
é como se todos os días fose Nadal. Durante as festas a xente queda na
casa e a actividade calma, tal e como está pasando agora mesmo.
O
ruído, volvendo ao que din dende Audiotec, deixou paso aos sons como
epicentro da banda sonora urbana (que non é, ruído e son, exactamente
sempre o mesmo). En vez de coches, obras e sirenas, agora escoitamos os sons que xeramos nós mesmos e os nosos veciños.
Iso
si, estes sons son agora moito máis evidentes. É imposible escapar
deles. Por iso, as prácticas sonoras máis molestas dos nosos veciños son
agora material de tortura: se antes quedaban tapados polo ruído do
entorno ou nos parecían menos importantes, agora non hai nada que os
tape, estamos 24 horas na casa e todo, como na casa de Gran Hermano, que dicía Mercedes Milá, “se magnifica”. (Raquel C. Pico, Disquecool, 22/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario