"Ao comezo de todo isto, cando o persoal dos centros pediamos por favor
material para protexernos, a dirección ríase de nós, dicíanos que eramos
unhas histéricas, unhas tolas". Mar Peteira,
presidenta do comité de empresa da residencia de maiores Volta do
Castro, en Santiago de Compostela, retrocede no tempo unhas poucas
semanas. Daquela o coronavirus aínda non golpeara os centros da terceira
idade, mais as traballadoras sabían o que lles viría enriba se non se
adoptaba unha actitude preventiva.
Lonxe de facelo, e aínda por riba de non equipar o persoal de equipos
de protección, as direccións "dedicáronse a requisar o material que
había dispoñible para que non se utilizara; ata hai nada prohibían poñer
máscaras". Só cando comezaron os primeiros contaxios en residencias,
"víronlle as orellas ao lobo" e subministraron material, "escaso e
nalgún caso de vergoña", matiza Peteira. "Estamos asqueadas, indignadas, e sobre todo, asustadas".
A estas alturas da epidemia, atallar o problema esixe do triplo de
esforzos. As cifras de persoas maiores e persoal infectado en
residencias soben cada día. Segundo os últimos datos da Consellería de
Política Social, son xa 315 os casos activos en centros residenciais
(235 usuarios e 80 traballadores) e o maior foco segue sendo a DomusVi
Barreiro de Vigo, con 74 infectados.
"UN CAOS"
"A xente lévao fatal, en cada momento danche unhas instrucións diferentes", conta Mar, que define a situación como un "total e completo caos".
Agora, as traballadoras da residencia Volta do Castro contan con
máscaras que poden cambiar diariamente, mais hai outros centros nos que
se ven obrigados a reutilizar durante varios días os equipos de
protección individual. Mar Peteira é crítica tamén coas medidas de
desinfección levadas a cabo por parte do exército, ás que considera unha
"pantalla" e unha "campaña publicitaria". "Desinfectan agora? E ata o de agora que?", di como denuncia á falta de prevención.
Ao seu ver, as visitas aos centros de maiores deberían terse impedido
moito antes do día 17 de marzo, cando aínda se permitían entradas de
familiares nas residencias. Nese mesmo momento, cumpriría desinfectar
todas as estancias, e xa logo, equipar con material de protección ao
persoal e realizar probas masivas de detección da Covid-19 para saber a
situación á que se enfrontaban e seguir tomando medidas.
Mar Peteira lembra que moitas das traballadoras son grupo de risco e
"seguen facendo quendas". Lembra tamén que a carga de traballo nestes
días é moito maior. "Tes que facer o mesmo número de residentes, nas
mesmas horas, pero cunhas medidas que non se tomaban en estado normal".
Ademais, as baixas, "posiblemente polo estrés desta situación",
acumúlanse nas residencias, que non ven reforzado o seu cadro de
persoal. "A semana pasada había dúas traballadoras abrazadas e chorando
no corredor", denuncia Mar. "A xente ten medo, estamos temblando
esperando que apareza un positivo".
"NON CONTAN CON NÓS CANDO DECIDEN"
Sobre a medida establecida pola Xunta de Galicia para xestionar os
casos positivos dos centros de maiores, que implica a concentración
destes usuarios enfermos en dúas únicas residencias - unha en Ourense e
outra en Santiago -, Mar Peteira adverte que as instalacións non son as
adecuadas para albergar camas hospitalarias e para atender os pacientes.
"Non me parece de recibo cando hai hospitais que están en desuso",
critica. "Van encerrar aí durante sete días á semana, 12 horas ao día, a
xerocultores e persoal da limpeza con persoas contaxiadas. Que corpo aguanta iso?".
"Tomaron todas estas decisións e non contaron co comité de empresa, nin cos traballadores nin con ninguén. Fan o que queren e pasan toda a lexislación polo forro",
denuncia a presidenta do comité, que esixe o respecto dos dereitos dos
traballadores: "O estado de emerxencia non nos pode quitar dereitos.
Entendemos que é unha situación excepcional, pero están deixando de lado
ao persoal con patoloxías, as familias monoparentais... que seguen indo
traballar".
Co gallo de salvagardar, pois, estes dereitos dos empregados, Mar
Peteira pide, ante as iniciativas de saír aplaudir aos balcóns, que a
cidadanía sexa tamén consciente do que vota nas eleccións. "Moitos dos
que aplauden son xusto os que recortaron, os que pecharon plantas
hospitalarias e os que nos baixaron o soldo. Parece que se estean rindo
dunha", comenta. "A xestión improvisada desta crise é consecuencia dos recortes de todos estes anos". (...)" (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 01/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario