"DomusVi
presentou o pasado mes de marzo unhas contas nas que declaraba uns
beneficios millonarios, que daban conta do bo negocio que estaba a facer
coas residencias galegas, tristemente protagonistas durante a crise da
Covid-19 por concentrar un alto número de falecementos que mesmo está a
ser investigado pola xustiza.
Segundo as contas consolidadas da compañía a 31 de marzo e recollidas
por Economía Digital, GeriaVi, a matriz do holding, obtivo en 2019 un
beneficio antes de impostos de 19,5 millóns de euros, e de algo máis de
dez millóns unha vez descontadas as cargas fiscais.
A prestación de servizos supúxolle uns ingresos de 17,2 millóns, máis
os custos financeiros, sobre todo ligados á compra de activos, fixeron
que a matriz fechase o exercicio cun resultado negativo de 11,7 millóns,
segundo estas fontes. A compañía, que non foi quen de facer unha
estimación do impacto da Covid-19 na súa análise das contas, realizara o
pasado mes de febreiro unha ampliación de capital de 7,69 millóns de
euros, á que se sumou o pasado mes de maio unha emisión de obrigas de
115 millóns de euros, máis débeda para financiarse nun momento no que os
nubarróns comezan a aparecer polo horizonte.
Orixe nas antigas caixas de aforro galegas
GeriaVi é a sociedade matriz dun holding con sede en Vigo do que colga DomusVi,
un grupo con 198 residencias de maiores e centros de día repartidos
polo Estado español, que suma 25.000 prazas. Na Galiza conta 18 centros
privados, mais tamén leva a xestión doutras 12 residencias de
titularidade pública, tres delegacións de teleasistencia, dous centros
de día e un de atención á discapacidade.
A súa orixe está en Geriatros, unha firma fundada por Caixanova, que
após a fusión con Caixa Galicia crearía o maior grupo de centros
asistenciais da Galiza, con 27 residencias, 20 centros de día e seis
servizos municipais de asistencia domiciliaria.
En 2012, xa como Novagalicia Banco, a entidade vendería Geriatros por
45 millóns de euros ─e 9 de plusvalía─ ao fondo luso Magnun Capital,
que promoveu o seu crecemento fóra da Galiza. En xullo de 2015, hai
agora 5 anos, o grupo volvería cambiar de mans. A francesa Pai Partners
pagaría a Magnum 440 millóns de euros polo grupo de residencias, que
medraría ao ano seguinte coa absorción de SarQuavitae, converténdose no
líder do mercado estatal por número de camas (máis de 15.000).
GeriaVi foi a denominación elixida para o grupo resultante,
participado na súa totalidade por HomeVi, sociedade na que ademais de
Pai Partners están as empresas DV France e Investor Grouwth Capital. Á
fronte do novo grupo o fondo situou a Josefina Fernández, accionista
minoritaria de Geriatros e actual conselleira delegada.
Críticas á xestión
Os millonarios beneficios, aínda que menores que os do ano anterior,
no que o resultado antes de impostos logrou os 22,3 millóns de euros,
poderían verse reducidos no presente exercicio, non só pola caída da
actividade, senón tamén polas consecuencias que poderían presentar as
reclamacións que teñen en marcha colectivos como Rede e a asociación
Vellez Digna, que co apoio da Asociación Galega de Consumidores e
Usuarios (Acouga) están a preparar unha denuncia colectiva contra
DomusVi pola xestión das residencias durante a crise do coronavirus. A
esta causa sumaranse tamén as denuncias penais de particulares das
familiares das vítimas rexistradas nos centros de Matogrande (A Coruña),
O Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas), estes dous últimos intervidos pola
Xunta, que suman case a metade dos falecementos relacionados coa
Covid-19 na Galiza.
Pero esta non é a única fronte que teñen aberta as responsábeis de
DomusVi. Nas últimas semanas, coa volta da actividade ás residencias,
colectivos como TreGa (Traballadoras de Residencias da Galiza) retomaron
as mobilizacións iniciadas hai máis dun ano para denunciar "a endémica
falta de persoal" nos centros de DomusVi e o "retorno aos mecanismos
antigos de malas prácticas". Desde o inicio da pandemia, 274 usuarios e
usuarias das residencias da terceira idade faleceron na Galiza a causa
do coronavirus, 44,2% do número total de mortes.
Segundo alerta TreGa, máis de 150 dos decesos proceden de centros
privados xestionados polo grupo empresarial con sede en Vigo, "unha
cifra terríbel, da que en parte son responsábeis as malas prácticas e as
neglixencias coas que vén operando DomusVi nos últimos anos", pero
tamén da Xunta, á que acusan de mirar para outro lado." (Pablo Barro, Nós, 03/07/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario