21.6.22

Premian unha tese da Universidade de Santiago de Compostela como a mellor do mundo no eido dos fluídos supercríticos... aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesado de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea

 "A International Society for the Advancement of Supercritical Fluids (ISASF) vén de recoñecer unha investigación desenvolta por Víctor Santos Rosales dentro do grupo I+D Farma da Facultade de Farmacia da USC coa distinción de mellor tese de doutoramento do mundo.

Ocorreu durante o recente congreso International Symposium on Supercritical Fluids (ISSF2022) que decorreu na cidade canadense de Montreal.

A tese de Santos Rosales foi considerada de forma unánime como a mellor de 2021 no ámbito dos fluídos supercríticos. O estudo aborda o desenvolvemento de estratexias avanzadas de procesado de biomateriais para aplicacións biomédicas, enfocándose principalmente na medicina rexenerativa ósea.

A investigación, que leva por título New strategies for the production of ready-to-implant bone scaffolds using supercritical fluid technology está dirixida polos profesores da USC Carlos A. García-González e Carmen Álvarez-Lorenzo.

Investigación xa premiada

A tese foi defendida o pasado 20 de outubro de 2021 no marco do doutoramento internacional e recibiu a cualificación de Sobresaliente Cum Laude.

O traballo deste investigador xa fora premiado pola Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos (FLUCOMP) co galardón de mellor tese defendida entre os anos 2020 e 2021.

Trátase dunha investigación de carácter interdisciplinario que permitiu o procesado en ausencia de disolventes de scaffolds óseos medicados empregando CO2 supercrítico como axente poróxeno e plastificante.

Outros dos fitos do equipo investigador foi desenvolver “varias aproximacións tecnolóxicas que permiten a produción de implantes nanoestruturados con porosidade modulábel e altos rendementos de incorporación de fármacos”, segundo sinala o investigador premiado."                    (Nós, 21/06/22)

No hay comentarios: