"O Concello de Santiago ultima a petición de declaración de mercado residencial tensionado, que presentará á Xunta da Galiza xunto ao Plan de medidas correctoras, redactado en base ás competencias municipais aplicábeis neste campo. Estas proxecto ten dúas liñas principais de actuación: optimizar o uso do parque residencial e ampliar a oferta de vivenda protexida.
O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, presentou esta sexta feira as medidas que levará á segunda reunión da mesa sectorial o 22 de maio para, despois, realizar os últimos cambios sobre elas.
A continuación, a solicitude deberá ser aprobada pola xunta de Goberno local. Unha vez sexa remitida oficialmente á Xunta, a Administración autonómica terá seis meses para resolvela.
En canto á optimización do actual parque residencial, o Concello contempla impor un gravame fiscal ás vivendas baleiras con carácter permanente -que pode ser de entre 50% e 150%- e pretende seguir actuando sobre as Vivendas de Uso Turístico (VUT), entre outras previsións. Segundo datos do INE, en Santiago habería unhas 6.198 vivendas baleiras e 23,2% do parque residencial estaría infrautilizado.
O plan contempla a creación dunha sociedade urbanística pública e a construción e rehabilitación de pisos municipais. Ademais, a declaración de zona tensionada permitirá á localidade acceder a fondos estatais, segundo contempla a lexislación. Con todo, o principal obxectivo de conseguir esta declaración é a limitación do aluguer.
Así, unha vez se declare a zona de mercado residencial tensionado, "tería como consecuencia autonómica o estabelecemento de medidas de contención de prezos", resumiu o concelleiro." (Nósdiario, 09/05/25)
No hay comentarios:
Publicar un comentario