"O I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación) en Galiza está
“nun retroceso sen precedentes en todos os sectores relacionados co
progreso científico e tecnolóxico”. O deputado de Alternativa Galega de
Esquerdas Ramón Vázquez denuncia que desde o 2009 (ano de desembarco de
Feijóo na Xunta) o investimento en I+D+i pasou de ser un 1,01 % do
Produto Interior Bruto a ser só o 0,87 por cento.
Un recorte “brutal”, máis aínda de o comparar co investimento medio
do Estado español (1,3% do PIB) ou da Unión Europea (2,2 por cento).
Galiza está no posto 13 entre os 17 territorios do Estado español no que
atinxe a gasto en euros por habitantes en investigación e
desenvolvemento. No noso país é de 189 euros por persoa. A metade que en
Catalunya, tres veces menos que Madrid e a anos luz dos 637 euros por
habitante de Euskadi.
AGE afirma que entre 2010 e 2012 perdéronse 1.240 investigadores e
investigadoras en Galiza. Unha situación que deixa pegada, sinalan,
principalmente no eido universitario: 983 investigador@smenos desde
2010.
Os dados continúan a resaltar o abandono deste importante sector:
Ramón Vázquez lembra que se pasou de 139 grupos e proxectos financiados
para investigación a través de concorrencia competitiva en 2012 (con
20,6 millóns de euros) aos 13 millóns da presente convocatoria.
Vázquez afirma que todo isto deriva en “dramáticas consecuencias xa
no sector económico do noso país”, poñendo de exemplo a perda “de case
5.821 empresas de tecnoloxía alta e media-alta entre o 2008 e 2012 cunha
perda de 69.134 empregos neste sector e 832 empresas con actividades
innovadoras”. (...)" (Sermos Galiza, 07/04/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario