"En cuestión de semanas, as galegas que teñan nas súas casas
instalacións de xeración de enerxía para autoconsumo poderán sacar
rendemento dos excedentes da súa produción. As compañías eléctricas
deberán compensalas pola enerxía que lles sobre e que vertan á rede.
De
momento, a Xunta vai con atraso. Está previsto que a partir de marzo, a
Dirección Xeral de Enerxía e Minas comece a notificar ás eléctricas os
boletíns de autoconsumo. Despois, terán que ser as clientas as que se
poñan en contacto coas distribuidoras de enerxía para modificar o
formato da factura e programar os seus contadores para que lean a
enerxía que exportan.
Desde o Clúster do Autoconsumo da Galiza (Agaen), non son moi
optimistas coa rapidez na posta en marcha desta medida, contemplada no
Real Decreto 244/2019 do pasado mes de abril que xa debería estar
implantado en agosto do pasado ano e que a Galiza chegará a partir de
febreiro.
En declaracións a Nós Diario, o portavoz e vicepresidente do
Clúster do Autoconsumo da Galiza (Agaen), Óscar Nogueira, di que o de
pagar polos excedentes “non vai ser antes do verán” e recoñece que esta
medida dista moito do coñecido como balanzo neto, un mecanismo no que
cliente e eléctricas pagan en función do saldo da enerxía producida e
consumida, que nalgúns casos pode ser favorábel para as consumidoras.
“Co novo regulamento non van existir as facturas negativas”, sinala,
“pero afeitos a regalar enerxía, calquera esmola é ben recibida”.
Esta medida será posíbel grazas ao cambio na política enerxética do
Goberno español, que o pasado ano eliminaba o chamado imposto ao sol e
dáballe un novo pulo ao autoconsumo e á produción de enerxía a partir de
fontes renovábeis. Os diferentes territorios tiñan catro meses para
implantar o regulamento, pero a día de hoxe na Galiza non está
completamente desenvolvido. "O autoconsumo nunca foi prioridade para a
Xunta e pode quedar moi mal se é a última en aplicar o decreto, sobre
todo cunhas eleccións á volta da esquina", apunta Nogueira. " (Pablo Barro, Nós, 23/01/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario