1.5.24

Cando Feixoo anunciou un período de silencio e reflexión: tres días sen acudir a actos públicos como presidente da Xunta... Feixoo acusou ao xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de "obra de teatro"... Así o fixo a pesar das similitudes entre o proceso de silencio e reflexión do líder popular cando era presidente da Xunta e o que Sánchez comezou a pasada semana para meditar se seguía á fronte do Goberno... O entón líder do Goberno galego anunciou aos medios que tomaría uns días de silencio para pensar se dimitía como presidente da Xunta da Galiza e daba o salto á política estatal sen especificar canto duraría ese período, que finalmente foi de tres días sen acudir a actos públicos e sen dar declaracións. No caso de Sánchez, a diferenza está en que, desde un principio, o socialista deixou claro o día no que daría a coñecer a súa decisión

 "Era 15 de xuño de 2018 e o entón presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, atendía os medios durante un acto institucional para apenas deslizar que comezaba un proceso de silencio e reflexión. Despois destas palabras, o entón líder do Executivo galego non acudía a ningún acto público durante tres días.

Así, 72 horas despois do seu encerro reflexivo, Feixoo convocaba a Xunta Directiva do Partido Popular na Galiza para lanzar un discurso sobre o seu futuro político. Sobre a mesa, a continuidade ou non á fronte do Goberno galego e se daba o paso para presidir o Partido Popular a nivel estatal.

O que fora presidente do Executivo español, Mariano Raxoi, abandonara o liderado da formación conservadora despois de deixar a Moncloa, que ocupaba o socialista Pedro Sánchez tras unha moción de censura. Todos os ollos do PP estaban postos na decisión de Alberto Núñez Feixoo.

Finalmente, o entón presidente da Xunta, anunciaba que non se presentaría para suceder Raxoi á fronte da Presidencia do Partido Popular. "Sen completar o meu compromiso, non podo fallar aos galegos", afirmaba en referencia ao feito de ter sido elixido como líder do Goberno galego nunha lexislatura do Parlamento da Galiza que non remataba até dous anos despois, en 2020.

Duras críticas a outra reflexión con moitas similitudes

Feixoo acusou esta segunda feira ao xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, de querer "coar un cambio de réxime por detrás" e mesmo "usar" ao Rei español, Felipe VI, na súa "obra de teatro". Así o fixo a pesar das similitudes entre o proceso de silencio e reflexión do líder popular cando era presidente da Xunta e o que Sánchez comezou a pasada semana para meditar se seguía á fronte do Goberno español tras a aceptación a trámite dunha denuncia da organización de extrema dereita contra a súa muller Begoña Gómez.

 O entón líder do Goberno galego anunciou aos medios que tomaría uns días de silencio para pensar se dimitía como presidente da Xunta da Galiza e daba o salto á política estatal sen especificar canto duraría ese período, que finalmente foi de tres días sen acudir a actos públicos e sen dar declaracións. No caso de Sánchez, a diferenza está en que, desde un principio, o socialista deixou claro o día no que daría a coñecer a súa decisión, que anunciou algo máis de catro días despois.

Nos dous casos, pois mesmo Feixoo recoñeceu que en ningún caso sería presidente da Xunta e do PP ao mesmo tempo, a decisión implicaba a renuncia, ou non, á Presidencia (nun caso do Goberno galego e noutro caso do Executivo español). Tamén nos dous casos, o resultado final foi o mesmo, anunciar que seguían no seu posto como líderes das respectivas institucións.

Ademais, como a de Sánchez, a de Feixoo fora unha decisión totalmente hermética, pois que non foi coñecida máis que por un moi estreito grupo de colaboradores e colaboradoras até uns minutos antes de comezar o seu discurso. Desta maneira, ao igual que o actual presidente do Goberno español, Feixoo mantívose naquela altura firme na súa resistencia para desvelar as súas intencións.

"Na Galiza todo está inventado"

O PP da Galiza tiraba de retranca a pasada semana para reaccionar ao anuncio de Sánchez de que iniciaba un período de reflexión para decidir se continuaba á fronte do Goberno español. "Na Galiza todo está inventado", publicaba a forza conservadora a través dunha mensaxe en 'X' na que comparaba este paso ao dado por Ana Pontón en 2021, cando deixou aberta a posibilidade de non optar a seguir liderando o BNG.

 Porén, o silencio e a reflexión dun cargo político non eran unha novidade na política galega, posto que un proceso coma este fora levado a cabo xa tres anos antes por Feixoo, e neste caso non só para liderar ou non unha formación, senón para abandonar a Presidencia da Galiza, deixando de acudir por uns días a actos institucionais para meditar a decisión.

"Non podo fallar aos galegos"

Por outra parte, en 2018, Feixoo xustificaba no seu discurso a razón principal pola que decidía non optar a Presidencia do Partido Popular a nivel estatal. Non o podo facer "sen completar o meu compromiso, non podo fallar aos galegos", salientaba en alusión a ter sido escollido polo Parlamento da Galiza como líder do Goberno galego e a unha suposta obriga moral de completar os dous anos de lexislatura que quedaban por diante.

Pola contra, algo máis de tres anos despois, Feixoo contradicía esta propia motivación para esa vez si deixar a Xunta e dar o paso de liderar o PP a nivel estatal. O 29 de abril de 2022 e no medio da lexislatura do Parlamento da Galiza, o popular convertíase no primeiro presidente da Xunta en dimitir.

Un par de semanas antes, coñecíase que Alfonso Rueda sucedería Feixoo na Xunta antes de converterse no novo presidente do PP na Galiza. Desta maneira, o actual líder da oposición no Congreso estatal deixaba a Presidencia do Goberno galego, nun momento no que aínda quedaban dous anos por diante de lexislatura. Así, Feixoo cedía o seu posto a un Rueda que aínda non se enfrontara a unha votación para ser escollido no cargo."          (Ricardo Súarez, Nós, 01/05/24)

No hay comentarios: