23.3.09

"Digámolo dunha vez: O capitalismo non vai erradicar a pobreza"

(traductro gallego-español)

"Vieiros: A crise ...
Adrián Sotelo Valencia
: A crise hoxe é o epicentro do terremoto na economía capitalista global. Unha das vertentes que a explican é a insuficiencia do método 'toyotista' (sistema nacido nos 70, baseado na flexibilidade laboral, redución de custos pola redución do persoal laboral, ...) de organización do mundo do traballo a escala global, que lles permita as empresas a autovalorización do capital tanto nos países dependentes -os de Latinoamérica, por exemplo- como nos imperialistas -EUA, Xapón, Alemaña.

Ten solución dentro do mesmo sistema?
Eu penso, ao contrario que moitos autores, que esta crise non vai acabar co capitalismo. Hai poder militar, hai xeopolítica, hai un Imperialismo que opera a escala global, que ten capacidade de reacción. EUA intervén en Iraq, Afganistán, Somalia, ameaza países soberanos como Cuba. O sistema ten aínda con que se manter.

Que diferenzas hai entre este e outros períodos de crise económica precedentes?
As dos 80 e 90 son crises que poderiamos chamar da globalización do capital, mais que a diferenza da de agora ocorren na periferia do sistema. Fáloche por exemplo da mexicana de 1994-1995; da do 97 en Corea; a crise do 98 en Rusia, a de 2000 na Arxentina, ... todas crises que o gran capital podía xestionar.

E agora non?

Agora emerxe no cerne mesmo do aparato produtivo dos EUA. Fóra de que ramifique en crise financeira, inmobiliaria, ... hai unha crise estrutural do sistema capitalista, que ten cada vez máis dificultades para crear o traballo excedente que restitúa a taxa de ganancias e a rendibilidade das grandes empresas. Con todo, EUA ten capacidade para descargar, como está a facer, o peso da súa crise nos países dependentes e subdesenvolvidos.

Cre que vai ir a peor?

Eu calculo unha fase de polo menos un lustro, con cinco anos en que haberá un período de corte de un ou dous anos, e volveremos entrar nunha crise aínda máis profunda ca a actual. Nos 90 xa se observaba unha tendencia á caída do sistema. Só países como China -e India e Corea, en menor medida- medraron a unha media do 12% anual. Cada vez máis, o sistema tende a xerar ciclos de crecemento máis curtos e a prolongar os procesos de crise estrutural. Sen ser trostkista, poderíanse asumir as súas teses sobre a crise permanente do sistema. (...)

Segundo un informe publicado recentemente polo Programa de Desenvolvemento da ONU, existe un perigo inminente de que Latinoamérica regrese aos niveis de pobreza dos anos 80 ...
A pobreza é parte conxénita do subdesenvolvemento histórico dos países do continente. E en todos os países do mundo. Digámolo dunha vez por todas: No capitalismo non se vai erradicar a pobreza. Porque a pobreza é parte consubstancial do desenvolvemento do capitalismo. A CEPAL e a ONU crean un mito para lexitimar o modelo neoliberal. No último informe xa non falan de "pobreza extrema" e si de "indixencia". Non hai redución da pobreza e polo tanto non estamos ao borde de que se incremente. É simple metodoloxía. Estamos ante un proceso endémico de desemprego, subemprego, insalubridade, enfermidades, ... dado polas condicións de desigualdade, que se vai agravar coa crise. (...)

Imaxinemos que vostede chega á Presidencia de México. Que pasos daría para afrontar este período convulso?
Nós en México temos un esquema monárquico: o rei alí chámase presidente. O presidencialismo xurdiu na época da colonia, dende o XVI-XVII. É como se fose o rei ... segue sendo o rei, como di a canción ... Así que as medidas non as tomaría eu como persoa. Agora, o primeiro sería proclamar unha política de salvación nacional para evitar a destrución do país. Segundo, xerar a partir do petróleo e doutras fontes enerxéticas e agrícolas un modelo de desenvolvemento social, fundado nunha diversificación das industrias; incorporando tecnoloxía, forza de traballo, comunidades alternativas que puidesen constituír un primeiro proceso que impida realmente a desintegración e a ruptura da nación.

Temos que recuperar procesos abandonados como a agricultura para xerar unha economía alimentaria, popular, alternativa, que rache coa superexplotación e a desnutrición infantil. Aí si que teriamos que recordar o vello 'cardenismo' mexicano: unha educación social moi forte. Educación, alimentación e saúde, como os tres alicerces fundamentais para, de entrada, comezar a reverter o proceso." (Adrián Sotelo Valencia, sociólogo mexicano, Vieiros, 22/03/2009)

"#7 hai 1 minuto Raimundo

Boa entrevista, si señor.

Pois ben, estamos ante unha crisis capitalista, unha crisis do fordismo (da producción en masa das mercancías), do toyotismo (o fordismo con ordenadores e robots nas fábricas.

Menos mal que o coñecemento empeza a xerar dinámicas autónomas (o software libre, as formas de propiedade colectivas, coma as Creative Commons), que podería devolverlle a producción de mercancías aos traballadores.

E sin moito costo, case todo é gratis neste momento (dentro de pouco xa non), pero polo de agora, sí. Soio fai falla dar con unha organización do traballo axeitada.

Pódese facer. Eche cuestións de pensar. Cousa tamén gratis, aunque dificultosa (sobre todo para algúns).

Pero a oportunidaes estache ai. No noso pensar..."

No hay comentarios: