"Os profesores da Universidade de Santiago (USC) Antonio Salgas e Federico Martinón explican no seu último artigo publicado en 'Trends in Genetics' como as variantes de SARS-CoV-2
"necesitan da acción de eventos de supercontaxio para lograr éxito
epidemiolóxico" pois, son estes "a verdadeira gasolina" coa que "o
incendio está garantido".
"Un supercontaxiador tería un efecto comparable co de prender lume a un
monte seco usando sustancias acelerantes como a gasolina", advirten
Salas e Martinón no seu traballo. Para estes investigadores, o "triunfo
dunha variante depende en gran medida "desta forza motriz" porque,
segundo explican, "un só evento de supercontaxio pode causar un dano rexional terrible
ao facer crecer os contaxios de maneira exponencial, iniciando en moi
pouco tempo brotes repentinos que son difíciles de controlar ao perderse
a posibilidade de trazar as transmisións".
Segundo manifestan os autores, "os supercontaxiadores actúan de maneira independente á variante do virus, trátase dun fenómeno universal e que estivo a mover a pandemia de forma permanente".
Estes dous profesores da USC chegaron a esta conclusión tras analizar
máis de 1,4 millóns de secuencias do virus, dispoñibles grazas á
colaboración de miles de laboratorios de xenética e microbioloxía en
todo o mundo. O grupo de Salas e Martinón comezou a traballar nesta liña
no inicio da pandemia e, desde entón, foron chegando evidencias sobre a
dinámica do virus e de Covid-19 publicadas en revistas internacionais como as que agora acaban de ver a luz en 'Trends in Genetics'.
Xa en marzo de 2020, este equipo de investigación da USC propuxera que
os supercontaxiadores "eran os grandes motores da pandemia", explica a
USC nun comunicado. Desde entón xurdiron numerosos estudos doutros
grupos de investigación que defenden a mesma hipótese.
CAPACIDADE INFECCIOSA
Ademais, este novo traballo introduce dúbidas sobre a maneira na que se
mide a capacidade infecciosa do virus, apuntan. Así, Salas indica que
"existen evidencias razoables que permiten concluír que variantes de
risco tan populares como alpha e delta dificilmente poderían ter o éxito
poboacional que tiveron se non fosen catapultadas polo efecto
catalizador dos eventos de supercontaxio".
A favor desta hipótese apunta a observación de que todas as ondas importantes nos distintos países do mundo "xurdiron despois de momentos de gran relaxación
das restricións e confinamentos, tales como épocas festivas, vacacións
de verán, grandes eventos deportivos, ou manifestacións de diversa
índole". Todas elas, subliñan estes investigadores, "víronse atenuadas
cando se recuperaron as medidas restritivas".
O seu artigo defende, ademais, que os eventos de supercontaxio
"necesitan da intervención de persoas supercontaxiadoras, porque este
modo de transmisión deixa unha pegada nos xenomas dos virus que non se
podería explicar sen a súa intervención".
"ALARMA INNECESARIA"
Os autores deste traballo tamén reflexionan sobre a taxa de cambio do
xenoma do virus. Respecto diso, Salas afirma que "existiron moitas
variantes preocupantes desde o inicio da pandemia" e non só na
actualidade.
De feito, mentres moitos especialistas "acollíanse ao discurso de que o
SARS-CoV-2 mutaba moi pouco", eles informaban, lembran "de que o
coronavirus tiña unha capacidade de cambio lixeiramente inferior pero
comparable con outros virus RNA (como o da gripe e o VIH) cando se
ponderaba polo tamaño dos seus xenomas", continúa o profesor da USC. Tal
e como afirma este profesor da Facultade de Medicina, "se unha variante emerxe nun momento de restricións, probablemente non chegue a ter éxito".
CONTRA AS MENSAXES CATASTROFISTAS
O traballo cuestiona as interpretacións e mensaxes catastrofistas que
frecuentemente acompañan a aparición destas mutacións, explicaron. "A
miúdo as interpretacións son excesivamente prematuras e crean unha
alarma social innecesaria baseada nunha boa dose de incerteza, en datos
insuficientes e especulacións científicas aínda inmaturas", sostén
Salas.
Os autores defenden que "moitas desas mutacións potencialmente
perigosas xurdiron moito antes da aparición dos brotes polos que se
fixeron famosos", pero que no seu momento non causaron ningún dano ou
nalgúns casos foi "autolimitado e anecdótico", consistente en brotes que
non chegaron a ter unha maior repercusión.
Por iso é polo que o novo estudo defende que esas variantes por si soas
non terían éxito epidemiolóxico de non ser catalizadas polo
comportamento social.
NENOS
Este aspecto é importante porque apuntaría a que non é só o ambiente o
que determina o éxito dun supercontaXio, senón tamén a facilidade que
teñen algunhas persoas de transmitir o virus a outras, esxplican. A este
respecto, Martinón indica que "os nenos non parece que sexan os supercontaxiadores".
"Hai uns meses xurdiron publicacións que suxerían algúns factores de
risco que poderían favorecer que unha persoa fose supercontaxiadora,
entre os que se atopa a idade e a obesidade, pero é difícil identificar a
priori ao supercontaxiador", matiza. "Como non podemos intervir
selectivamente sobre os supercontaxiadores, é necesario realizar medidas
xerais", conclúe." (Galicia Confidencial, 27/09/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario