"Non cabe dúbida: o planeta foi tomado por viláns. Nos Estados Unidos pasaron unha lei infame. É moi simple. Pensen en Robin Hood ao revés. Os máis ricos quítanlles o seguro médico aos máis pobres dos pobres e utilizan os cartos aforrados en baixarlles os impostos aos máis ricos. Tamén lles quitan os cupóns de alimentación. Agora se estás enfermo e necesitas médico, tes que probar que traballas. Basicamente, o que non traballa non come. Mentres, os ricos van pagar menos que alguén que gañe 30.000 dólares anuais, aínda que os primeiros vivan da especulación e as rendas. Non é 1984, é o 2025. Non é unha historia de Marvel; é a historia da avaricia inmensa de certos seres humanos.
Mentres os Estados Unidos andan tomados polo MAL con maiúsculas e o planeta enteiro pasma ante un xenocidio en vivo, as forzas dos viláns organízanse para tomar o poder en todo o mundo. E aínda hai personaxes chamados socialistas que prefiren irse de putas e encher os petos, sen importarlles que os fascistas están a piques de tombar as portas e roubarnos o aire. Nestes tempos, quen di ser feminista, socialista ou activista, que ande con pés de chumbo, por favor. Calquera erro é un penalti que lle regalan ao MAL. Nestes tempos, os superheroes somos nós: ti e mais eu e miña nai, que soubo cambiar a cabeciña cando entendeu que estes me ían comer a min e a case toda a familia.
Aínda que suban as temperaturas e vivamos nun ambiente de ola a presión, temos que seguir loitando contra o fascismo. Isto non é un test. O Abascal é un pseudonazi de verdade. Feijóo é unha personaxe que olvidou as súas raíces e que é capaz de vender a quen sexa só para ser chamado Presidente. Ollo, estes tipos son perigosos. Tanto coma Trump e a súa camarilla de republicanos. Se tipos coma estes chegan a gobernarnos, van facernos o MAL con maiúsculas. Non podemos cometer o mesmo erro que xa estamos vendo noutros lugares. As consecuencias da lei que pasaron hai uns nos EE.UU. van provocar a miseria, senón a morte, de millóns de persoas. Ademais, non podemos esquecer que a reacción dos estadounidenses é de superheroes. As xentes de a pé da América profunda están asistindo a mitins da esquerda de Bernie Sanders. A chamada Brigada de AOC (Alexandra Ocasio-Cortez), que se formou nas eleccións do 2018 coas mulleres congresistas Ilhan Omar (por Minnesota), Ayanna Pressley (por Massachussets) e Rashida Tlaib (por Michigan), esta última a primeira palestina-americana no Congreso, segue loitando todos os días. En Nova York acaba de ser elixido Zohran Mamdami, un home musulmán nacido en África, como representante do partido demócrata nas próximas eleccións para alcalde.
Non estamos soas. Somos moitas e moitos superheroes. Non se pode tirar a toalla porque catro desvergoñados socialistas machistas anden enredados en corrupción. Xa xabemos que habelas hailas, mais tamén estamos nós. Os heroes en bata e zapatillas que cada día facemos o que temos que facer, que non odiamos os emigrantes porque sempre temos presente a nosa historia, o noso pasado. Xente que somos solidarios con Palestina e cos que veñen navegando en cáscaras de noz para poder traballar aquí. Xente que quere organizarse contra o quecemento do planeta, contra a catástrofe que será ALTRI; xente que respecta as mulleres tanto como aos menas, os gais, os trans e os vellos. Hai que ter presente quen somos. Somos os fillos, netos e bisnetos dos superheroes que loitaron contra o fascismo no 36. Cando o planeta enteiro mirou para outro lado soubemos levantar paixóns e resistimos o que puidemos. Non podemos rendernos nunca. E non digo «No Pasarán» porque me vou emocionar. Só que fóra fai 30 graos á sombra e son as 10 da mañá. Bo día."
(Mara Mahía , Luzes, 02/07/25)
No hay comentarios:
Publicar un comentario