13.11.26

O CIS apunta a unha posible maioría da esquerda en España, e á irrupción de Vox en Galicia... A esquerda podería manter o Goberno malia as numerosas enquisas que apuntan desde hai meses a unha vitoria clara da dereita o próximo 29N. É unha opción probable (Miguel Pardo)

"A esquerda podería manter o Goberno do Estado malia as numerosas enquisas que apuntan desde hai meses a unha vitoria clara da dereita o próximo 29N. É unha opción probable segundo os resultados da enquisa preelectoral que este xoves publica o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). 

O traballo demoscópico, composto de máis de 45.000 entrevistas realizadas entre o 7 e o 30 de outubro, sitúa o PSOE como primeira forza co 33,3% dos votos, seguido dun PP que perdería apoio minguado pola forte suba da ultradereita de Vox. 

Ademais, o resultado de ERC achegaríao a entre 10 e 14 escanos, mentres que EH Bildu situaríase entre 7 e 10 e o PNV baixaría a entre 2 e 4, ao igual que Junts. Adelante Andalucía estaría entre 3 e 4 e Podemos loita por acadar un. 

En Galicia, o PSOE superaría o PP, o BNG podería sumar tres escanos, con dous seguros por A Coruña e Pontevedra, e Vox aspira a chegar mesmo a tres

O BNG, pola súa banda, podería lograr entre 2 e 3 escanos (con dous xa seguros) segundo a enquisa do CIS, que prognostica  un escenario moi igualado entre dereita e esquerda en Galicia. pero cos ultras de Vox en auxe e unha lixeira vantaxe das forzas progresistas. Os populares obterían entre 8 e 11 escanos (en 2023 obtiveron 13) e os socialistas entre 9 e 13 (acadaron 7 hai catro anos). Fronte Ampla, cuxas forzas agás Podemos se uniron en Sumar, quedaría sen representación. 

Pola súa banda, o Bloque podería dobrar resultados e mesmo triplicalos, sumando dous escanos máis ao que tivo no Congreso esta pasada lexislatura, mentres que a ultradereita aspira, segundo o estudo, a acadar ata tres representantes, cunha variación que vai dos 0 que posúe actualmente por Galicia aos 3. 

O CIS dá esperanzas á esquerda no Estado ao igual que o publicado tamén pouco antes do comezo da campaña de 2023. Daquela augurou unha maioría que permitiría gobernar o PSOE con Sumar, tal e como aconteceu, aínda que sobrerrepresentou as forzas progresistas, apuntando un maior apoio do que finalmente tiveron, e calculou á baixa o alcanzado por Vox, que desta vez irrompería con forza, mesmo con posibilidades de varios escanos no país. Con todo, e segundo o estudo, a dereita estaría perto de alcanzar a maioría absoluta. 

En canto ás comunidades autónomas, na enquisa realizáronse 3.202 entrevistas en Galicia: 1.097 na Coruña, 945 en Pontevedra, 689 en Lugo e 471 en Ourense.

Os escanos galegos

Os escanos galegos repartiríanse do seguinte xeito nas catro circunscricións provinciais. O PP sería a forza máis votada na Coruña, con 3-4 escanos (ten 4 na actualidade), por diante do PSdeG, que podería acadar entre 2 e 4. Velaquí a loita máis apertada, xa que o CIS apunta a que o BNG pode sumar 1 ou 2 e Vox ten opcións de entrar na provincia co seu primeiro escano por Galicia

En Pontevedra, o PSdeG  estaría entre 3 e 4 escanos e o PP entre 2 e 3, fronte aos tres que teñen agora cada unha das formacións. O BNG acadaría un representante do que actualmente carece e Sumar perdería a súa representación, desta vez con Fronte Ampla, ao igual que na Coruña. Ademais, segundo a enquisa do CIS, a ultradereita de Vox tamén aspira a obter un escano nesta provincia. 

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, uonde domina o PSOE (34,2% de apoios) sobre o PP (25,8%), BNG (11,9%) e Vox (10,2%)

En Lugo o PSdeG obtería entre 2 e 3 escanos (ten un) e o PP perdería o seu terceiro escano nesta provincia para sumar entre 1 e 2. O BNG non tería opcións de entrar por esta circunscrición, na que nunca conseguiu representación, pero si Vox, que aspira a un escano segundo o inquérito. 

Finalmente, en Ourense o PP baixaría dos tres escanos actuais a dous, mentres que o PSdeG sumaría un ao representante actual para quedar tamén en dous. Nin Bloque nin Vox terían opcións nesta circunscrición. 

No total galego, daquela, segundo o CIS o PP pasaría dos 13 escanos obtidos en 2023 a un intervalo de entre 8 e 11 (o seu mínimo histórico foron 9, no ano 2019). O PSOE moveríase entre 9 e 13 (en 2023 obtivo 7 e os seus máximos en Galicia foron 12 en 1989 e 11 en 1993); o BNG ascendería ata 2 ou 3 fronte ao escano actual (volvendo a niveis de principios de século) e Vox aspiraría a representación por primeira vez.

Publicidade

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, un indicador no que domina lixeiramente o PSOE (34,2% de apoios) sobre o PP (25,8%). En terceira posición aparece o BNG (11,9%), por diante de Vox (10,2%) e Fronte Ampla (2,1%).

Rufián, o máis valorado

Na enquisa, o político máis valorado é Gabriel Rufían, de ERC, o único que aproba con 5,08 puntos sobre 10. Pedro Sánchez é o segundo (4,84), Emilio Delgado (4,63), Alberto Núñez Feijóo (4,33) ou Ada Colau (3,81). Santiago Abascal é o pero valorado cun 3,09.

O traballo do CIS asegura que o 85,3% dos galegos e galegas acudirán a votar "con toda seguridade".

Os datos pertencen a unha enquisa baseada en máis de 45.000 entrevistas realizadas en 4.190 concellos do Estado e en todas as provincias, un inquérito que, segundo o CIS, "permite obter unha imaxe rigorosa da opinión pública española ante os próximos comicios". O traballo de campo levouse a cabo entre o 7 e o 30 de outubro, polo que se puideron recoller algúns dos efectos tras o accidente de Urda, acontecido o día 28 do pasado mes." 

(Miguel Pardo , PrazaGal, 12/11/26)  

No hay comentarios: