4.9.25

A primeira pescuda científica sobre os incendios de agosto lígaos á crise climática... As condicións meteorolóxicas "extremas" que propician e agravan os incendios forestais "son agora habituais en España e Portugal por mor do cambio climático"... Os "peores incendios en 30 anos aconteceron "durante unha vaga de calor de 16 días" que foi "a máis intensa dende que hai rexistros". E estas condicións, combináronse cun contexto de "despoboamento rural" e "poboación envellecida" que dá lugar a "terras forestais sen xestión, creando densas capas de combustible"... o quecemento das temperaturas medias de 1,3 graos, provocaron que os recentes incendios forestais acontezan, aproximadamente, cada quince anos... e suceda simultaneamente en varios puntos de Europa ao mesmo tempo, incrementando a presión sobre os recursos de extinción... este ano xa foi preciso activar 17 veces o Mecanismo Europeo de Protección Civil para atender incendios en diversos puntos do continente (David Lombao)

 "A World Weather Attribution é unha rede científica que, dende hai unha década, analiza as ligazóns co cambio climático en eventos extremos como vagas de frío e calor, riadas, secas ou incendios forestais. Esta comunidade de investigación internacional vén de divulgar a súa primeira análise rápida sobre os incendios forestais en Galicia e Portugal e contornas lindeiras como Castilla y León ou Asturias. E a súa conclusión é clara: están ligados á crise climática e foron máis graves por esta razón.

As condicións meteorolóxicas "extremas" para que propician e agravan os incendios forestais "son agora habituais en España e Portugal por mor do cambio climático", advirte a WWA. Encabeza así a súa análise de urxencia, que evidencia que a vaga de lume foi especialmente "intensa" en "contornas forestais do norte de Portugal" e mais en "Galicia, Asturias e Castilla y León". 

Os "peores incendios en 30 anos" -os datos provisionais da superficie ardida en Galicia así o amosan- aconteceron "durante unha vaga de calor de 16 días" que foi "a máis intensa dende que hai rexistros". E estas condicións, resalta, combináronse cun contexto de "despoboamento rural" e "poboación envellecida" que dá lugar a "terras forestais sen xestión, creando densas capas de combustible". "Con menos poboación e menos pastoreo tradicional, o control da vexetación diminuíu drasticamente", resalta nun diagnóstico que tamén reflectía a documentación do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia para este ano.

Nun contexto de quecemento das temperaturas medias "de 1,3 graos dende tempos preindustrais", as "condicións extremas que provocaron os recentes incendios forestais acontezan, aproximadamente, cada quince anos". "Sen o cambio climático esperaríase que acontecese menos dunha vez cada 500 anos", puntualizan, e unha vaga de calor coma esta implicaría, de media, uns 3 graos menos que os rexistrados.

Como as diversas alertas científicas e técnicas dos últimos anos, as xerais e as específicas sobre Galicia, a análise da WWA deixa claro que vagas de incendios coma esta van ser cada vez máis probables. E tamén o é que suceda simultaneamente en varios puntos de Europa ao mesmo tempo, incrementando "a presión sobre os recursos de extinción. 

Non en van, exemplifican, este ano xa foi preciso activar 17 veces o Mecanismo Europeo de Protección Civil para atender incendios en diversos puntos do continente. "Co quecemento en aumento, os incendios forestais simultáneos máis extremos seguirán poñendo a proba os recursos de extinción de incendios e aumentando os límites de adaptación nalgúns lugares", advirten."            (David Lombao , Praza.gal, 04/09/25) 

No hay comentarios: