"O galego Miguel Otero Iglesias (Basilea, Suíza, 1979) é investigador principal do Real Instituto Elcano en economía política internacional e experto nas relacións UE-China. Fundador e coordinador, ademais, da ETNC (Rede Europea de Think Tanks sobre China), é un dos maiores coñecedores do sistema económico e empresarial de Pequín e do seu desenvolvemento e expansión exterior nos últimos anos.
Licenciado en Xornalismo pola USC hai máis de dúas décadas, doutor en economía política internacional e actualmente Profesor da IE School of Politics, Economics and Global Affairs, reflexiona aquí sobre o desembarco do grupo chinés de automoción SAIC en Galicia cunha ollada máis fonda no contexto internacional e na estratexia das administracións ante o potencial tecnolóxico chinés, tamén no sector do vehículo eléctrico.
Que lle parece a chegada de SAIC a Ferrol e As Pontes?
Hai xa tempo que digo que España ten que atraer investimento de China e máis nun sector estratéxico como o da automoción, no que é o segundo maior produtor e exportador de coches da Unión Europea e que representa entre un 10 e un 12% do seu PIB. China é líder no vehículo eléctrico e España sempre foi un dos mellores países para a produción, ademais de apostar ben e moito pola transición e a economía verde que marca a UE.
Pero Pedro Sánchez recibiu moitas críticas polo seu achegamento á China, non só desde a oposición en España, senón mesmo desde Bruxelas...
En moitos países da UE, desde hai meses, había ese pensamento de que España se estaba a achegar demasiado á China... Empezaron a arquearse moitas cellas en relación á postura do Goberno de España con Pequín, acusándoo mesmo de desmarcarse da liña estratéxica da UE, máis aínda cando Pedro Sánchez amosou con contundencia o seu rexeitamento ás políticas de Donald Trump. Chegouse a dicir que España era unha especie de nova Hungría, un cabalo de Troia na Unión.
Non é así, logo?
No contexto actual, onde hai moitas dúbidas e debate sobre o aumento da interdependencia ou a crecente dependencia de China, España está noutra pantalla. Fíxoo ben, mantén unha estratexia que coido que é acertada.
A que se refire?
Nos últimos 150 anos houbo varios países na vangarda tecnolóxica e outros que non. Os Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Xapón, Corea, algún país nórdico e, en menor medida, Holanda ou Francia... pero España nunca estivo aí. Aquí sempre se apostou máis por absorber esa tecnoloxía que por producila pero, ao tempo, no último medio século o avance económico no Estado veu tamén impulsado pola apertura económica, por atraer investimento estranxeiro. Despois chegou o século XXI, e España, por estar máis abaixo na cadea de valor, foi dos que máis sufriu o China shock dos 90 e 2000, o impacto que tivo sobre a industria e o emprego a entrada masiva de produto chinés barato nos mercados globais desde a entrada dese país na Organización Mundial do Comercio (OMC). Afectou no sector téxtil e do calzado, nos mobles, nos xoguetes, nos paneis solares, nas turbinas eólicas... Denunciábase a competencia desleal que iso supuña e reclamábanse máis aranceis, pero as grandes potencias, daquela, obviaban estas demandas e apostaban polo libre mercado e reivindicábano. Tiveron pouca empatía.
Daquela, serviulle aquilo a España adaptarse a esta nova era?
Agora chegou o China shock 2.0, a aposta do goberno chinés por subsidios estatais á industria pesada e tecnolóxica e por produtos de alto valor engadido e tecnolóxico e de economía verde, como os coches eléctricos ou as baterías. Neste contexto, son aquelas potencias económicas as que se ven afectadas máis, países que antes apostaban polo libre mercado tornáronse agora nos máis proteccionistas, poñendo ou reclamando aranceis ante unha sobrecapacidade global que provoca que China exporte o seu excedente a prezos moi competitivos. España ten unha experiencia previa porque leva máis tempo convivindo e navegando co que supón a competencia chinesa. Por iso aquí non hai tanto medo, porque xa a sufrimos pero tamén soubemos, historicamente, absorber tecnoloxía e producir. Pola súa bagaxe histórica, España sabe que o proteccionismo non é a solución e vaise adaptando.
A importancia é saber adaptarse mesmo ás contradicións, saber navegar neste contexto mundial?
Hai un debate, claro. Como me dixo un empresario un día: interésanos que China produza aquí e nos venda tecnoloxía barata porque nunca antes houbo tanta alta tecnoloxía e tan barata. E engadía outra reflexión: tería sido mellor ter protexido o sector dos paneis solares ou é mellor importalos cinco veces máis baratos e con eses paneis solares crear enerxía barata para producir de maneira rendible e sostible produtos con máis valor engadido e atraer investimentos?
Cal é a resposta, logo...
É unha cuestión de equilibrio. Ter aranceis altos cómprennos para que as empresas chinesas veñan producir aquí, pero non nos cómpre unha guerra comercial para que acaben deixando de vir. A estratexia oficial da UE cara a Pequín considera á China socio estratéxico, competidor económico e rival sistémico. A aposta de España aquí é que iso está moi ben, pero que non podemos deixar de lado a parte de socio no contexto actual porque é fundamental.
E cal é a súa recomendación?
Insisto. É unha cuestión de pragmatismo: nin idealizar a China como socio perfecto nin percibila como unha ameaza excepcional. No caso de España, China é unha oportunidade en canto a investimentos e desenvolvemento industrial, sobre todo no que ten que ver coa transición verde e o sector do vehículo eléctrico, onde China é líder mundial.
Cal é a situación na China deste sector?
Na China apostaron polo coche eléctrico hai 15 anos, cunha política industrial que fomentou e impulsou este sector. Falamos dun capitalismo salvaxe, con 120 empresas de vehículos eléctricos nun mercado de 1.400 millóns de habitantes, cunha eficiencia produtiva enorme, unha cadea de traballo de gran precisión e unha importante competencia. Moitas destas empresas, con sobrecapacidade e sobreprodución, xa non poden vender máis aló e lanzáronse ao mercado exterior. Igual que lle pasou antes aos xaponeses, saben que exportar desde China a ese nivel é inviable e teñen que producir en Europa e deixar certo valor engadido no territorio.
É aí onde Galicia e España deben aproveitar as oportunidades, logo?
España ten un déficit comercial enorme con China, tanto que representa o 75% do seu déficit total. Benvida sexa a produción chinesa aquí sempre que xere valor engadido. Obviamente, o maior valor engadido non está onde se ensamblan os coches, pero a presenza destas fábricas xera emprego e entre ter ou non ter estas factorías, mellor telas. España ten cada vez máis experiencia en atraer investimento estranxeiro que deixou e deixa valor aquí, por moito que aínda deixe máis nos Estados Unidos, en Francia ou no Reino Unido. Pero se os xaponeses, os alemáns ou os americanos trouxeron valor engadido, por que non o van traer os chineses?
Daquela, cre que España soubo aproveitar ben esta situación e a transición verde que impulsou a UE?
España estao facendo ben porque soubo adiantarse a outros países na transición enerxética, por exemplo facilitando unha electricidade máis barata. Esta cuestión é clave e fai que a China vexa en España un lugar atractivo onde investir e posicionarse, máis tendo en conta a importancia da industria da automoción, a segunda máis importante de Europa. É un sitio atractivo para eles.
"España é atractiva para o investimento de China: soubo adiantarse na transición enerxética, ten electricidade máis barata e unha importante industria da automoción"
Deu SAIC en Galicia cun sitio idóneo para o seu proxecto?
Claro, ben seguro. Galicia é un sitio ideal e levo tres ou catro anos advertindo da conveniencia de que algunha destas empresas chinesas viñese producir a Galicia, polo ecosistema que no sector da automoción ten o país, con experiencia, unha enorme industria auxiliar e de compoñentes, a fábrica de Stellantis, as infraestruturas portuarias... Galicia é un sitio idóneo como outros en España, como Barcelona, como Valencia, como Zaragoza, Navarra... Son moitos os sitios que devecen por un investimento deste tipo.
Que hai que agardar da relación de SAIC coas administracións e o resto de actores sociais e económicos en Galicia?
Se SAIC vén a Galicia é porque ve valor no que aquí hai. O que si é esperable é que a relación da compañía coas administracións e o sector sexa dunha negociación e control constante, pero tamén de colaboración e asociación cotiá. Falamos dunha cultura que desembarca aquí, nun lugar cunha economía e cun contexto social diferente... As empresas chinesas non teñen tanta experiencia á hora de producir en Europa, tamén precisan saber como facelo.
Terán moita importancia as negociacións entre partes, mesmo as relacións que se creen?
A iso me refiro, a que é unha cuestión de negociar, adquirir compromisos e facelos cumprir... O empresariado chinés é un negociador moi duro, pero gústalle negociar. Digamos que é moi diferente ao europeo, é máis latino, e nas negociacións con eles importa moito a presión que desde aquí se poida exercer.
"A presión social, sindical, da prensa ou da Xunta é clave na relación con SAIC e para que as empresas chinesas acheguen máis e máis valor engadido a Galicia"
O debate aberto en Galicia é sobre o lugar onde se fabriquen os compoñentes para eses coches que se montarán aquí. A conselleira de Economía fala dun compromiso para que a metade procedan da industria local...
Se a conselleira di que hai un compromiso de que o 50% dos compoñentes dos vehículos se fabriquen en Galicia, supoñemos que se basea nalgún tipo de acordo que hai que exixir cumprir. Obviamente, unha empresa chinesa, de primeiras, vai intentar traer todos os compoñentes que poida da China porque sempre lles vai ser máis barato, máis aínda nun caso coma este, onde non falamos dunha joint venture, senón dunha compañía chinesa e dun investimento chinés ao completo. Pero as administracións, as facilidades que poñan e os acordos aos que se cheguen e as presións que se exerzan son fundamentais. E unha vez montada a fábrica, hai circunstancias claves que na China non se dan e hai que ter moi en conta.
Como cales?
A presión social, dos sindicatos, da prensa, da propia Xunta... Iso é determinante para facer cumprir os acordos e para que as empresas chinesas acheguen máis e máis valor engadido a Galicia. O contexto e o ecosistema social e económico aquí non ten nada que ver co que eles teñen na China.
En que sentido?
Poño un exemplo: o embaixador da China en España sempre ten que explicarlles aos empresarios que chegan o contexto de aquí, a importancia da reputación social, que non chegan a un país emerxente senón a unha economía consolidada onde a prensa, os sindicatos e as administracións controlan e fan presión. Por iso digo que a chegada dun grupo industrial así a España ou a Galicia trae tamén moitas oportunidades no que ten que ver cos labores de mediación, de asesoría, mesmo de tradución... Non é só producir, senón crear a contorna necesaria para que ambas partes se entendan, coñezan e traballen mellor. Eles son moi bos en producir cousas, pero en Galicia van xurdir tamén moitas oportunidades no márketing, por exemplo... Non van ser eles os que fagan os anuncios dos seus coches para os medios de comunicación, nin os que monten os concesionarios... A creación de emprego indirecto é moi importante nestes casos.
"O novo regulamento que prepara a UE é clave para forzar á fabricación de compoñentes en Galicia; antes non había base legal para facelo"
No caso da exixencia de fabricación local a SAIC, a lexislación que se prepara na UE semella clave.
É fundamental e supón un cambio moi importante. Ata practicamente antonte non había base legal, nin en España nin na UE, para forzar un mínimo de fabricación local de compoñentes, de emprego da zona ou de transferencia de coñecemento e tecnoloxía. En Bruxelas estase a debater e preparar a denominada Lei de Aceleración Industrial, un novo regulamento que si establece condicións ao investimento estranxeiro e é evidente que a UE vai nese camiño, no de exixir unha participación importante da industria europea nestes proxectos chegados de fóra. España estivo e está moi activa nestas negociacións porque lle interesa que se establezan estes condicionantes. Loxicamente, á China non lle fai ningunha graza, como non llela facía ás empresas europeas cando lles impoñían certas condicións ao investir no seu país.
Xunta e Estado destacaron a excelente colaboración que tiveron á hora de pular pola chegada de SAIC, unhas declaracións que mesmo soaron estrañas no clima político actual.
A colaboración que houbo entre a Xunta e o Goberno de España para atraer este investimento a Ferrol é un exemplo do que se debe facer e unha forma tamén de desmontar certos discursos. O executivo autonómico, liderado polo PP desde hai anos, intentou atraer e axudar na chegada de SAIC exactamente coa mesma intensidade coa que o fixo o executivo central, do PSOE. Levo tempo explicando en moitos foros o exemplar que son moitas iniciativas conxuntas pero que semella que se queren agochar ou non destacar.
Algún exemplo?
O Plan España Auto 2030, a estratexia estatal para impulsar a descarbonización e a industria do automóbil, é un dos casos. Un exercicio de colaboración público-privado, privado-privado e público-público exemplar, onde estiveron implicados gobernos e administracións de distinta cor, fabricantes, empresas de compoñentes, sindicatos... Foi un exercicio á alemá de economía coordinada que debemos poñer en valor."
(Entrevista a Miguel Otero Iglesias, Real Instituto Elcano, Praza Gal, 14/06/26)
No hay comentarios:
Publicar un comentario