"A chegada de SAIC Motor a Ferrol, onde o fabricante chinés de vehículos eléctricos proxecta instalar a súa primeira fábrica en Europa, abriu un novo escenario industrial para a comarca, mais, agora, tamén provoca desconfianza nos ámbitos militares do Estado español. O proxecto, presentado pola Xunta como o maior investimento internacional chegado á Galiza nas últimas décadas, contempla un investimento inicial de 200 millóns de euros, unha capacidade de produción de 120.000 vehículos anuais e a creación de arredor de 1.000 empregos directos.
A compañía, propietaria da marca MG e un dos maiores fabricantes de vehículos eléctricos de China, prevé comezar as obras en 2027 e ter a planta operativa antes de finalizar 2028. Ademais da fábrica no porto exterior de Ferrol, os plans contemplan o desenvolvemento de industria auxiliar no polígono de Mandiá e a instalación dun centro loxístico nas Pontes, que podería sumar outros 300 empregos.
O desembarco de SAIC, porén, puxo tamén o foco na localización da futura fábrica. O porto exterior atópase a uns cinco quilómetros do Arsenal de Ferrol, unha das principais instalacións da Armada española no norte peninsular, e das instalacións de Navantia, onde se constrúen e modernizan buques de guerra. Segundo informacións adiantadas por El País e El Mundo, o Exército español e o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) terían trasladado a súa preocupación pola presenza dunha "empresa propiedade do Estado chinés" nas proximidades destas instalacións. Entre as "ameazas" que lles preocupan figuran hipotéticos casos de espionaxe electrónica ou ciberataques, así como a eventual exposición de información relacionada coas actividades da Armada e da industria naval militar.
As advertencias prodúcense nun contexto de crecente rivalidade entre Estados Unidos e a China, coa presenza de capital chinés en sectores estratéxicos europeos é cada vez máis cuestionada desde os ámbitos militares e institucionais occidentais. Así, tamén preocupa que a presenza dunha empresa chinesa na entrada da ría poida afectar á consideración de Ferrol como "porto seguro para a OTAN e a Unión Europea", ao situar o enclave nas proximidades dunha compañía dun Estado considerado "rival sistémico" por parte de Washington e Bruxelas.
Desde Beijing, porén, a lectura é diferente e insisten en que os investimentos das empresas do país responden exclusivamente a criterios comerciais e lembran que foron numerosos os Estados europeos que recorreron ao capital chinés durante os peores anos da crise financeira para conseguir investimento.
As advertencias do CNI e do Exército español a respecto de SAIC contrastan coa permisividade e apoio ás bases militares que unha potencia estranxeira, Estados Unidos, mantén aínda operativas en Andalucía, concretamente en Morón (Sevilla) e Rota (Cádiz), con arredor de 3.700 militares do país norteamericano despregados sobre o terreo."
(nósdiario, 10/08/26)
No hay comentarios:
Publicar un comentario