Se as pensións públicas son un piar fundamental dos estados de benestar, son tamén un obxectivo a pescar tanto por parte dos bancos como dos fondos financeiros. Un obxectivo para o que contan coa complicidade dos partidos das dereitas e dalgúns outros que se titulan de esquerdas. O argumento que utilizan é practicamente sempre o mesmo: a inviabilidade dun sistema público de pensións, un argumento que, a pesar das evidencias contrarias, non deixan de utilizar para así agochar as súas reais intencións, que non son outras que apoderarse do sumarísimo montante de recursos que supoñen as pensións para facer negocio con eles.
Recentemente as dereitas españolas (PP, Vox), nun inesperado xeito de sinceridade, fixeron públicas as súas intencións se chegan a gobernar. Un xesto que debemos agradecer e que non debería sorprender a ninguén. A intención é introducir un sistema privado -de capitalización- baixo a xustificación de que o actual sistema público de pensións é financeiramente inviable: “o sistema vai petar”, “é un sistema zombi, quebrado”…
Dado o impacto que, de levarse a cabo, esta medida tería sobre os pensionistas presentes e futuros, e sobre o benestar de moitos cidadáns, cómpre poñer en evidencia, máis agora que estamos en vésperas electorais, a falsidade dos argumentos utilizados para xustificar esta estratexia privatizadora. Cómpre facelo porque o día 29 de novembro non só imos escoller quen gobernará en España, senón tamén se as pensións públicas son un dereito de todos os cidadáns ou se se converten nun negocio para uns poucos: bancos e fondos de investimento.
Unha das críticas que se lle fan ao sistema é que as pensións supoñen un gasto público moi elevado, algo que non soporta a análise, pois se o comparamos cos países da eurozona de parecido nivel de riqueza atopámonos con que, a pesar das subas aprobadas nestas dúas lexislaturas, segundo datos da propia Unión Europea (Eurostat), España, cun 10,56% do PIB, ten un gasto menor que, por caso, Alemaña (10,73%), Francia (13,07%), Finlandia (14,45%) e Italia (14,56%), aínda tendo unha porcentaxe de pensionistas superior. Outra das críticas deriva do crecente envellecemento poboacional que, segundo estes profetas, dispara o número de pensionistas, facendo que o sistema sexa insostible. Unha crítica que só pon o foco nun lado da balanza -o gasto-, ignorando -voluntariamente- o outro -o ingreso-. A realidade española da última década tirou por terra este argumento falaz: houbo un importante incremento do gasto público derivado dun maior número de pensionistas e da revalorización das pensións, que levaron a un notable incremento do importe medio e… que pasou? Que o “peto das pensións” presenta hoxe o maior saldo positivo das últimas décadas. Por que? Porque, ao tempo que se incrementaba o gasto, tamén o facían os ingresos derivados das melloras no mercado laboral: máis empregos e mellores salarios permitiron máis cotizacións e un maior importe medio destas, que derivaron en maiores ingresos públicos.
Neste marco cómpre subliñar que estes argumentos se veñen utilizando dende fai décadas sen que se teñan cumprido nunca estes vaticinios apocalípticos sobre as pensións públicas. Non se cumpren porque son mentiras, entre outras razóns porque ocultan que as economías tamén medran ao par que a produtividade. Digamos, por caso, que se calcula que, de seguir este ritmo, o gasto público co actual sistema chegaría ao 15-17% en 2050, unha porcentaxe que, como se pode ver, equivale á que teñen agora (2026) países do noso contorno e que, por outra parte, resultaría perfectamente asumible pola economía española. Nun caso extremo, repito, moi difícil que suceda, que impediría que as pensións, ademais de coas cotizacións, se financiasen con algún tipo de imposto adicional, como se fai en estados europeos do noso contorno? Sería unha decisión política e ideolóxica, non económica. Finalmente, nese caso extremo -envellecemento poboacional, parálise na produtividade, caída dos empregos e dos salarios…- non serían só as pensións as insostibles; sería toda a economía.
Que se busca realmente con estes argumentos? Moi simple: desprestixiar e debilitar o sistema público de pensións para que cada vez máis familias, pensando que non terán pensións na súa vellez ou que estas serán moi baixas, poñan os seus aforros e as súas xubilacións nas mans dos bancos e dos fondos privados, que levan décadas intentando dispor dos grandes recursos da Seguridade Social para especular con eles, para facer negocio coas pensións. Por outra parte, os defensores destas privatizacións (PP, Vox) ocultan conscientemente o que pasa alí onde se aplicaron, pois son numerosos os exemplos de países -uns 18 nas últimas dúas décadas- que tiveron que reverter a privatización das pensións e reconstruír o sistema público. Evidencias que permiten asegurar que a capitalización das pensións resulta ser un desastre alí onde se aplica: non garanten ningún nivel de pensións, estas son máis baixas e con maiores diferenzas entre os pensionistas, e rematan sendo un custo moi elevado para as arcas públicas porque, cando estes fondos finalmente creban, o que sucede sempre, acoden ao Estado para que os rescate… con fondos públicos.
Velaí, como sinalaba ao principio, unha das decisións a tomar diante das eleccións xerais do 29 deste mes de novembro. A decisión de se queremos seguir contando cun sistema público de pensións como un dereito universal ou se estas pasan a ser o negocio privado duns poucos que se quedan co diñeiro de todos. Neste marco non caben as dúbidas sobre cales son as reais intencións das dereitas españolas (PP, Vox), polo que os pensionistas (9,5 millóns en toda España, 790.000 en Galicia) non se deberían deixar enganar por aqueles que lles queren roubar a súa pensión."
No hay comentarios:
Publicar un comentario