"En 2021 ao redor de 56.700 galegos e galegas declaraban necesitar atención médica e non recibila.
Así o rexistraba o informe Necesidades non satisfeitas de probas médicas por rexións europeas que A Oficina Estatística da Unión Europea, Eurostat, publicou en 2022. No presente ano en curso, Eurostat volveu analizar a realidade da atención sanitaria nas rexións da UE e con datos referidos a 2025. Os datos deitan un empeoramento da situación na Galiza. Agora son ao redor de 90.000 as persoas nesa mesma situación: non reciben atención necesaria malia entender que a precisan. É un aumento de 58% en apenas cinco anos, un lustro.
Así, pasouse daquelas menos de 57.000 persoas con "necesidades sanitarias non satisfeitas", a unha redución a 38.000 no seguinte ano (2022) para, a partir de entón, enfrontar unha escalada sucesiva: 62.700 persoas carecendo desta atención en 2023, perto de 82.000 en 2024 e, finalmente, ao redor de 90.000 o ano pasado. Ese incremento tamén se plasma en porcentaxes: en 2021 eran 2,1% os galegos e galegas que precisando ea atención sanitaria non a recibían e en 2025 a porcentaxe era de 3,3%, o que representa 1,2 puntos máis. Ese aumento foi moito menor ao rexistrado de media no conxunto do Estado español nese mesmo período de estudo: 1,9% da poboación española carecendo desa atención en 2021 (era 2,1% na Galiza) e 2,3% en 2025. Un aumento en apenas 4 décimas.
Motivacións
A que se debe esta falta de atención médica en pacientes que apuntan que o precisan? Eurostat sinala ás listas de espera, os altos custos e a falta de transporte como as principais barreiras que impiden o acceso efectivo á sanidade.
Non é a UE o único nivel administrativo que se centra nesta problemática. Tamén se trata en estudos e traballos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e que baixo o epígrafe Persoas que non recibiron asistencia médica en caso de necesidade pon o foco neste tema. Aquí os últimos datos corresponden a 2024 e están nun rexistro similar aos que apuntaba Eurostat: 3,2%.
Esa porcentaxe era a quinta máis alta entre todas as comunidades do Estado español. De feito, superaba tamén a media estatal de persoas que non accederon a atención médica malia necesitala, e que era naquel exercicio de 3,1%.
Só A Rioxa, Madrid, Castela-A Mancha e Asturias presentan neste campo peores rexistros que a Galiza. Todas superaban ese 3,2% de habitantes con ese problema. Entre as que presentan mellores resultados están Euskadi (2%) e Murcia (1,7%).
As long waiting list –longas listas de espera– son un dos motivos que Eurostat recolle como causa desa insatisfacción nos pacientes pola falta de atención médica. 49.554 homes e mulleres agardaban por unha intervención cirúrxica na Galiza ao feche de de 2025., os últimos datos dispoñíbeis Nese momento, os tempos medios de espera para o conxunto do país alcanzaban os 72,8 dias de media, o que significaba un incremento no período de agarda en relación a 2024 de 5,8 días. Ao tempo, certifícase un importante aumento de persoas nesta situación.
O número de persoas á espera dunha operación na sanidade pública non deixa de incrementarse desde 2019. Nese ano facían parte das listas de agarda do Sergas 32.750 de persoas, 16.804 menos que na actualidade. Ao tempo, o número de pacientes en espera dunha cirurxía en 2020 era de 35.817; en 2021, de 43.194; en 2022, de 43.194; en 2023, de 46.161, e en 2023, de 45.027. Neste sentido, no último exercicio aumentaron en 1.219 persoas.
Os datos non son mellores na esfera das consultas hospitalarias. Neste sentido, 205.248 persoas esperaban por unha consulta hospitalaria nos centros públicos da Galiza.
Motivos económicos
Os altos custos sanitarios que para algunhas economías familiares representa a sanidade tamén é indicada como unha das causas da situación neste estudo de Eurostat, mais sen afondar nel. Algo que si fai, novamente, o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE). Máis de 334.000 persoas viven na Galiza en fogares cun "grande gasto sanitario" ou un "excesivo gasto en sanidade", segundo os indicadores da Estratexia de Desenvolvemento Sostíbel do Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas expresións refírense a aqueles fogares que se ven obrigados a destinar máis de 10% dos seus ingresos a gastos sanitarios que non cobre a sanidade pública.
Na Galiza esa porcentaxe é de 12,3%, o que supón arredor de 334.000 persoas. Un incremento de case sete puntos a respecto dos datos do anterior estudo, correspondente a 2015, cando a porcentaxe ficaba por baixo de 8% (7,7%). O IGE tamén pon a súa atención naquela parte da sociedade galega que ten que destinar a gasto sanitario máis de 25% dos ingresos. Son máis de 28.000 galegos e galegas (1,03% do total). Son todas elas porcentaxes que se sitúan por riba da media do Estado español.
Sen a medicina receitada por non poder pagala
Na Galiza máis de 75.000 galegos e galegos deixaron de tomar medicamentos que tiñan receitados por falta de diñeiro, segundo os datos do Barómetro Sanitario correspondentes a 2025. Supón un incremento de 7% respecto ao ano anterior e é a taxa máis elevada dos últimos oito anos. Eses 75.000 galegos e galegas que agora afirman que non toman o medicamento que lle receita o seu médico do Sergas por carecer de cartos son 40% máis dos que recoñecían estar nesa situación dez anos atrás, en 2015. Daquela a resposta afirmativa á pregunta do inicio do texto dérona 49.000 galegos e galegas, 21.000 persoas menos. Segundo a enquisa realizada polo Ministerio de Sanidade, 3% dos galegos e galegas de máis de 18 aos recoñece deixar de tomar algún medicamento receitado na sanidade pública.
Esta realidade levou a que a comezos do verán O Goberno español anunciase a reforma o sistema de copagamento farmacéutico "para blindar a equidade e protexer as rendas medias e baixas". O novo Real decreto-lei incorpora novos tramos de achega e topes mensuais progresivos en función da renda sen incrementar a achega que realizaban até o de agora os diferentes colectivos, segundo defendeu o Ministerio."
(Xesús M. Piñeiro, Nósdiario, 19/09/26, gráficos no orixinal)
No hay comentarios:
Publicar un comentario