"O escritor galego Suso de Toro vén de denunciar unha nova ofensiva contra a súa liberdade de expresión a raíz das súas críticas ás políticas do Estado de Israel, despois de coñecer a través de ACOM —lobby pro israelí— a existencia dun auto da Audiencia Provincial de Madrid que deixa sen efecto o sobresemento provisional dunha causa iniciada a raíz dunha denuncia presentada por esta entidade.
De Toro deixa claro que non recibiu ningunha comunicación oficial da Xustiza madrileña e que, polo tanto, descoñece cal é exactamente a súa situación procesual. Toda a información da que dispón procede, segundo explica, da nota publicada por ACOM.
A organización pro israelí vincula o procedemento con diferentes publicacións realizadas por Suso de Toro nas redes sociais nas que criticaba as actuacións de Israel en Palestina. Aliás, ACOM tamén cita outras expresións nas que o escritor se refería a Israel como “Estado xenocida” e á súa poboación como “adoutrinada no racismo e o odio”.
A resposta de Suso de Toro
“Segundo informa un ente que traballa para o Estado de Israel chamado ACOM, estou a ser investigado por orde da Sección nº 7 da Audiencia Provincial de Madrid por ‘presunto delito de incitación ao odio antisemita’ tipificado no artigo 510 do Código Penal”, explicou De Toro a través das súas redes sociais. Da mesma forma, o escritor asegura que até o momento non ten "comunicación oficial” e que só pode coñecer o sucedido a través da información publicada por ACOM.
Segundo o seu relato, hai dous anos iniciouse unha campaña contra el despois de publicar nas redes sociais diferentes mensaxes nas que denunciaba o "xenocidio do pobo palestino". O escritor afirma que aquela campaña foi impulsada desde “as cabeceiras da extrema dereita española” e posteriormente secundada por medios galegos, que o cualificaron de “antisemita”.
De Toro aproveitou o seu comunicado para reivindicar o dereito a denunciar as actuacións do Estado de Israel e reafirmou a súa postura inicial. “Debo arrepentirme de ter escrito comparacións entre o nazismo alemán e o que fai o Estado sionista en Palestina? Non me podo nin debo arrepentir”, afirma. “Lamento as consecuencias que me van chegar a min e ao meu entorno, mais non me podo arrepentir”, engade. Na mesma liña, De Toro denuncia o asasinato de “meniños e meniñas e poboación civil indefensa na súa propia terra e encerrada en campos de exterminio” e reafirma a súa consideración de que Israel está cometendo un "xenocidio contra o pobo palestino".
“Creo, como aprobou a ONU en 1975, que o sionismo é unha ideoloxía racista e perversa e creo que o Estado sionista comete un xenocidio, como cre a Corte Internacional de Xustiza e a propia ONU”, sostén. Así, o escritor rexeita que o seu posicionamento poida ser considerado antisemita. “Son contrario ao sionismo, non son antisemita como non xulgo a ninguén pola súa raza, idea ou crenza”, afirma.
Neste sentido, insiste en diferenciar entre sionismo e xudaísmo: “Sionistas é unha cousa; persoas xudías, outra”. De Toro reivindica ademais así a súa relación coa cultura xudía e sinala que o seu propio apelido materno, “Santos”, é de “xudeus galegos”. “Decididamente non son antisemita, si que son contrario ao sionismo”, conclúe.
Unha presión que, afirma De Toro, vén de lonxe
O escritor vincula o episodio actual con outro vivido nos anos noventa, cando escribía artigos de opinión en medios de Galiza e Madrid e denunciaba a represión sufrida pola poboación palestina. Segundo relata, aquelas críticas molestaron á embaixada de Israel, que lle trasladou as súas queixas “no propio domicilio”. Agora considera que esa presión se reproduce a través de ACOM, entidade á que acusa de actuar contra persoas que cuestionan as políticas do Goberno de Netanyahu.
De Toro cualifica ACOM de “ente ao servizo das políticas do Estado de Israel” e considera que a súa actuación debería mesmo levar á ilegalización da organización, ao entender que actúa “ao servizo dunha potencia estranxeira”. “É demoledor ver que un Estado estranxeiro utilice as institucións do Estado que supostamente me protexe para perseguir a miña liberdade de expresión”, denuncia.
O escritor reivindica así o seu dereito a manter as súas posicións políticas e a denunciar publicamente as actuacións de Israel en Palestina, ao tempo que cuestiona que as súas críticas sexan equiparadas co antisemitismo. Por agora, insiste, non dispón de ningunha notificación oficial que lle comunique a súa condición procesual. “Agardo confirmación formal e oficial de que efectivamente estou sendo investigado pola Xustiza do Reino de España, a raíz dunha denuncia de ACOM, un ente dun Estado estranxeiro”, conclúe."
(Ana Loureiro , Nós Diario, 24/08/26)
No hay comentarios:
Publicar un comentario